O Parlamento de Galicia dedica unha das súas salas ao falanxista Antonio Rosón

O salón onde se reúne a Xunta de Portavoces levará o nome dun dos executores da represión franquista nos Ancares

A Coruña.- A Mesa do Parlamento de Galicia aprobou a semana pasada cos votos a favor do PP, a abstención do PSOE e o rexeitamento do BNG cambiar o nome da sala onde se reúne a súa Xunta de Portavoces para bautizala co nome de Antonio Rosón, o falanxista lucense que proclamou o estado de guerra na provincia tras o golpe de estado de Franco en xullo do 36. A oposición acusa ao PP de violentar así a Lei de Memoria Histórica, que prohibe as homenaxes institucionais a personalidades relevantes da represión e a ditadura.

O pasado 28 de xullo, a Presidencia do Parlamento de Galicia anunciou que a Mesa decidira cambiar os nomes á súa biblioteca e a unha vintena de salas e salóns de reunións, para bautizalas cos de «figuras ilustres da cultura galega»: Castelao, Rosalía de Castro, Concepción Arenal, Otero Pedrayo, Isabel Zendal, Emilia Pardo Bazán… E Antonio Rosón.

Nacido en Becerreá, nos Ancares lucenses, en 1911, Rosón foi deputado pola UCD entre 1977 e 1979 e senador entre 1979 e 1982, ademais de primeiro presidente da Junta -en español- de Galicia preautonómica e primeiro presidente do Parlamento de Galicia. Antes de todo iso, con todo, foi unha figura relevante e activa do franquismo nas súas etapas máis duras.

Licenciado en Dereito, adheriuse a Falanxe Española no 1936 e proclamou o Estado de Guerra tras a sublevación militar contra a República, que abriría unha cruenta etapa de represión en Lugo con decenas de asasinados e centenares de represaliados nas primeiras semanas tras o golpe. Despois da Guerra Civil ocupou diversos cargos no establishment da ditadura, entre eles a Presidencia da Deputación de Lugo e un escano nas Cortes franquistas. Morreu o 24 de abril de 1986.

Antonio Rosón

«O Parlamento de Galicia de ningunha maneira debería dedicar a sala da Xunta de Portavoces, probablemente unha das máis usadas, a facer ningún tipo de recoñecemento a unha persoa tan directamente vinculada co franquismo», asegura Montse Prado, vicepresidenta da Mesa e deputada do Bloque Nacionalista Galego.

A proposta de renomear as salas do Pazo do Hórreo viña da anterior lexislatura. O BNG presentou unha proposta alternativa á do PP que incluía, entre outros cambios, mudar tamén o nome do Salón dos Reis por Salón do Antigo Reino de Galicia, «tendo en conta que a monarquía se atopa nestes momentos tinguida de corrupción, nunha situación de descrédito absoluto e co rei emérito fuxido», en palabras de Prado. O PP votou en contra desa alternativa e, coa súa maioría absoluta na Mesa, sacou adiante a súa proposición inicial. O PP ten 3 deputados nese órgano, por un do BNG e outro do PSOE.

O deputado socialista Pablo Arangüena asegurou onte que o PSOE decidiu absterse na votación cando constatou «que o Partido Popular non tiña intención de alcanzar acordo ningún co resto de grupos para incorporar as súas propostas» aos novos nomes das salas e decidilos en solitario utilizando a súa maioría.

Antón Gómez Reino, secretario xeral de Podemos Galicia,  sen representación no Parlamento galego, criticou pola súa banda que a Xunta de Feijóo «utilice como escusa o recoñecemento de figuras ilustres da cultura e a historia» de Galicia para as novas denominacións da Cámara e homenaxear así «a un fascista que perseguiu aos demócratas e que encabezou a represión nos Ancares».

«Esiximos a Feijóo que aplique a lei, se poña á beira da democracia e non glorifique a un represor nun edificio público», concluíu Gómez Reino.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail