Máis de 1000 nenas e nenos en Galicia quedarán sen comedor escolar e Plan Madruga o próximo curso

As Anpas de Pontevedra comunicaron que o protocolo contra o COVID-19 da Xunta é «inviable» e por iso decidiron suspender os servizos para o período 2020-21.

Desde que a Xunta de Galicia fixo público o protocolo contra o covid-19 nas aulas as protestas no ámbito educativo non cesan. Esta vez foi a Federación Provincial de Anpas dos centros públicos de Pontevedra (FANPA) e a súa decisión de suspender os servizos de comedor e Plan Madruga, os cales dirixe, por considerar «inviables» as condicións da Consellería de Educación para afrontar o próximo curso.

As actividades extraescolares tamén sairán mal paradas. A proposta do Goberno de Alberto Núñez Feijóo significa que nos comedores escolares se reduza o 80% a capacidade de alumnado, de maneira que do 20% restante o voluntariado tería que elixir quen poden optar ás comidas. Como consecuencia, o incremento do gasto subiría «como mínimo un 100%» para as familias, segundo informou a Fanpa de Pontevedra. O presidente da federación, Rogelio Carballo, explica a Luzes que isto crearía un «conflito social» e que os comedores están feitos «para todos».

[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]

A responsabilidade sanitaria, tamén nas clases e demais instalacións dos colexios, recae no centro, de maneira que as persoas encargadas da calidade alimentaria e dos posibles accidentes son as responsables dos labores de desinfección. Esta desorganización contrasta con algunhas medidas do Executivo autonómico como os «grupos burbulla». Redúcese a cociente de alumnos por clase a 25 como máximo, que poden interactuar entre si e evitarase á vez contactos co resto do centro. Con todo, a mesma cadea de hixiene rómpese no uso do transporte escolar e a ausencia de medidas de seguridade pautadas.

Así as cousas, o curso 2020-2021 para os alumnos de infantil será aínda máis anormal do que xa ía marcar o coronavirus. Non se poderán desenvolver comedores xa que a organización integral é das Anpas e as familias terán que buscar outras maneiras para conciliar. Os centros de ensino afectados son máis de 30 en Vigo, 18 de Pontevedra e 5 de Marín. Desde FANPA comprométense a levar a cabo os comedores se a Consellería «busca mecanismos» para solucionar as dificultades. Do contrario, reclamarán todos os danos e prexuízos «ante a xustiza en forma de demanda colectiva», declarou Carballo.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, opinou sobre a noticia. «Lamentamos esa ameaza por parte desas Anpas, pero non lle oculto a sorpresa», comunicou o barón galego. Cando o Goberno publicou o documento, catro días despois das eleccións autonómicas, os sindicatos e colexios públicos manifestaron o seu malestar e o descoñecemento de Educación. Abandonaron a mesa sectorial por non ter en conta ás familias e por delegar toda a responsabilidade nos centros -mesmo no alumnado- sen dotación orzamentaria nin de persoal. Pola súa banda, concluíron que, se a Consellería non modifica o documento, pedirán que non se inicien as clases en setembro.

«O curso escolar ten que empezar e non vai quedar pola administración educativa», engadiu Feijóo. Por iso, pediu que estas asociacións reflexionen e convidoulles a darse un «baño de realismo» pola situación sanitaria. Preguntado sobre estas afirmacións, o presidente de FANPA sostén que a protesta non leva intención política. «Non é unha cuestión de atacar á Consellería porque si. Feijóo debería saber que non somos operadores económicos, non somos unha empresa, somos unha asociación sen ánimo de lucro».

Este venres as Fanpa Pontevedra e a Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos de Vigo e Comarca (Foanpas) pediron diálogo á Consellería de Educación. Explicaron que se renovará o servizo se se dan tres condicións. A primeira, unha atención a todo o alumnado. O que implica o uso de máis espazos tanto para o comedor como para os madrugadores e máis monitores e coidadores para supervisar. A segunda, radica en que os custos derivados sexan asumidos polo Goberno autonómico, como do material sanitario e de limpeza. A última, unha colaboración integral da Consellería. O diálogo ten que darse canto antes, xa que o 10 de agosto ábrese a matrícula para os comedores en Pontevedra.


Este artigo publicouse orixinariamente en castelán en Público como parte dun acordo de colaboración con este periódico. Aquí podes atopar máis artigos de Público en Luzes.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail