Maxsoud Luiz: «As imaxes do meu fillo morrendo unha e outra vez en todas as televisións están a matarnos»

A Coruña– Maxsoud Luiz non só non colle nunca as chamadas de números que non coñece, senón que os bloquea ao momento. Sempre. Faino así desde que ao seu fillo Samuel o asasinaran cunha brutal malleira no paseo marítimo da Coruña. Este xoves fanse catro anos. Max –así lle chaman os seus familiares e amigos– cansou de repetir que non quere dar entrevistas nin participar en documentais nin reportaxes, que non quere ir a homenaxes nin falar con ninguén da morte de Samuel. Pero os medios e as produtoras seguen tentándoo, máis aínda desde o xuízo que acabou coa condena a tres dos cinco adultos acusados de matalo –outros dous menores xa foran condenados–, en sentenzas que consideraron probado que polo menos un dos seus asasinos actuou movido pola súa homofobia.

Hai uns meses, o médico de cabeceira de Max foi buscalo á súa casa na Pastoriza (Arteixo), onde vive coa súa muller, porque non podía localizalo. Sen darse conta, bloqueara o número do centro de saúde. El e a súa muller sofren unha horrible depresión desde que na madrugada do 3 de xullo de 2021 lles dixeron que o seu fillo estaba morto. O seu padecdmento agrávase cada vez que ven o seu rostro na tele, co fondo das imaxes das cámaras de tráfico que o gravaron tentando escapar da manda asasina que o linchou.

A Max, que se foi da súa casa no Brasil aos 12 anos fuxindo dun pai alcohólico e maltratador, o seu médico tívolle que duplicar recentemente a dose de antidepresivos. O xuízo aos acusados de matar a Samuel e as sentenzas da Audiencia Provincial da Coruña e do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia renovaron o interese mediático, e as chamadas de números descoñecidos volven asolagar o seu móbil. O aniversario dos feitos augura máis e máis imaxes e faladoiros nos telexornais e programas de sucesos. Max di que el e a súa familia xa non poden máis. «Sobre a morte do meu fillo xa se contou todo. Por favor, esquézanse de nós».

Vostede nunca quixo dar unha entrevista. Por que agora? Porque espero que sexa un punto final. Onte á noite [referíndose ao pasado martes] recibín unha mensaxe dunha amiga de Samuel á unha da mañá. Estaba case durmido: «Mañá sae un documental». A xente di que o tempo o cura todo, pero non é así, e moito menos se constantemente están a saír cousas na televisión, nos xornais…

Os xornalistas e os medios temos a obriga de informar sobre casos como o de Samuel. Como cre que se debe facer para non facer dano á súa familia? Unha cousa é a prensa escrita, iso pode que nos chegue ou pode que non. Pero unha cadea de televisión chega a todas partes. E fálame de informar, claro, é certo, vostedes teñen esa obriga. Pero é que sobre a morte do meu fillo xa se contou todo o que se podía contar: antes, durante, despois… Só hai unha imaxe do seu asasinato: cando Samuel tenta escapar correndo polo paseo marítimo, tírano ao chan e empezan a matalo. Levo catro anos con esas imaxes do meu fillo morrendo metidas na cabeza. Fálanme da liberdade de expresión, pero a miña liberdade, onde queda? É liberdade de expresión que continuamente estean a emitir esas imaxes?

Maxoud Luiz, pai de Samuel Luiz / J. O.

Esta entrevista pode facer que se sinta peor? Se estou a falar hoxe con vostede é porque estou canso de pedirlle á xente que, por favor, non nos chamen, que non queremos participar en documentais, en reportaxes, en homenaxes… Se me espertan á unha da madrugada dicíndome que van emitir un documental sobre a vida do meu fillo por… Vou dicilo: por diñeiro. Para enriquecerse contando a desgraza dos demais. Segundo a miña maneira de pensar, hai programas e determinados xornalistas aos que lles encantan as desgrazas alleas. Quizá son ou foron grandes profesionais, pero se vostede está a falar da saúde mental nun programa que está a emitir imaxes que afectan á saúde mental doutras persoas… Non só á miña: a da miña muller, o meu cuñado, a madriña de Samuel, os seus curmáns, os seus sobriños, a súa irmá que está no Brasil… O que nos está matando son as imaxes de Samuel morrendo, unha e outra vez, en todas as televisións. Non se dan conta de que iso nos mata? Como imos coidar a nosa saúde mental se constantemente nos bombardean con esas imaxes?

Como afrontan o aniversario da morte de Samuel? É o cabodano, o seu aniversario foi o 16 [de xuño]… É unha chamada aquí, outra alá, imos facer isto, o outro, un documental, unha entrevista, unha reportaxe… O outro día chamáronnos do Concello da Coruña, querían facerlle unha homenaxe, unha árbore, unha placa… Dixémoslles que non. En ocasións anteriores xa lles dixeramos que non queriamos nada. Non queremos unha rúa, nin unha placa conmemorativa, nin flores no sitio onde o mataron.

«Só hai unha imaxe do seu asasinato: cando Samuel tenta escapar correndo polo paseo marítimo, tírano ao chan e empezan a matalo. Levo catro anos con esas imaxes do meu fillo morrendo metidas na cabeza»

Por que? Queremos descansar. Vivir a nosa dor en paz. Seguir a nosa vida con tranquilidade, sen que ninguén nos mire pola rúa. Para que valen unha placa ou unha medalla? Que vai cambiar? De que lle vai a servir á sociedade? Imaxínese que lle cambian o nome á Avenida de Buenos Aires [onde Samuel foi asasinado] polo do meu fillo. Esa rúa está dedicada á xente que emigrou, é unha homenaxe a un país, a unha cidade… Que sentido ten darlla a unha persoa sinxela, que non falaba da súa vida? O meu fillo era unha persoa común como calquera outra. Se facemos iso, tamén teriamos que cambiar o nome da rúa Juan Flórez polo de Yoel [Quispe, o mozo asasinado a puñaladas nesa mesma vía da Coruña no nadal de 2023]. Por que só o meu fillo? Por que non os demais? Entende onde quero chegar? Só porque era homosexual?

Que vostedes saiban, Samuel nunca fixo pública a súa identidade sexual. Exactamente. O que era ou non era pertencíalld a el. Non lle importa a ninguén. Se nunca quixo falar da súa condición sexual, da súa vida persoal, por que os demais teñen que facelo? Por que teñen que facerlle unha homenaxe? Por morrer? Se aínda fose para poñer unha placa en Pai Rubinos [a residencia na que Samuel traballaba] cunha foto vestido de enfermeiro, coidando anciáns… Somos cidadáns simples que non participamos en nada, non queremos homenaxes, queremos poder pasear pola vila… Oxalá a miña muller quixese e puidese viaxar, saír un pouco de aquí.

Maxoud Luiz, pai de Samuel Luiz, no despacho da súa avogada / J. O.

Como está a súa esposa? Segue igual. Cada día peor. Empeora cada vez que sae algo disto na televisión. Tiven a sorte de traballar en Inditex, que desde o primeiro momento nos pagou os tratamentos psiquiátricos e psicolóxicos. Pero ela rexeitounos. Eu tiven que duplicar a dose de antidepresivos. Vivo ao día, vou á Igrexa porque teño fe, pero a miña muller non, deixouno, só vai de cando en vez. Se teño que saír a facer recados, o meu pensamento queda na casa con ela: Será que vai pasar algo nalgún momento? Cantas máis cousas saen na tele e a xente fala diso, peor queda. Non acepta axuda, non acepta medicamentos, simplemente está a vivir ao día e desexando que ese día termine. Eu teño que chorar calado, escondido, para non demostrar fraqueza.

Imaxino que vostede coñece outros casos que lembran ao do asasinato de Samuel, como o que cometeu José Bretón cos seus fillos, ou o de Ana Julia Quezada, que matou ao da súa parella. As familias tamén reclamaron respecto polas súas memorias. Si. E se esas familias queren, estamos dispostos a movernos para que o Goberno faga unha lei para que haxa respecto cando unha vítima ou unha familia o piden. Hai afectados que tiveron que chegar a xuízo para que algo non se emitise. E non se emitiu. Nós non queremos ir a xuízo, só, desde o respecto, pedilo por favor. Déixennos tranquilos, esquézanse de nós. Fágolles unha pregunta aos xornalistas: Cal é a diferenza entre o asasinato do meu fillo e o de Yoel? Os dous foron brutais, pero o de Yoel, todo o mundo o esqueceu. Nos dous casos hai unha nai sufrindo, unha familia rota… Pero con Yoel non houbo xornalistas chamando constantemente, indo á súa casa… Por que é distinto co meu fillo? Porque tiña unha condición sexual que soamente el sabía, e que lle pertence só a el? Non quero que o meu fillo teña unha medalla nin que sexa marca de nada.

«Queremos descansar. Vivir a nosa dor en paz. Seguir a nosa vida con tranquilidade, sen que ninguén nos mire pola rúa. Para que valen unha placa ou unha medalla? Que vai cambiar? De que lle vai a servir á sociedade?»

Sente vostede que dalgunha maneira está a defender a dignidade e a intimidade de Samuel? Por iso estou aquí hoxe. Non me gusta a forma na que están a actuar respecto do meu fillo. Hai forma de paralo? Non o sei. Se soubese hai unha semana que ese programa se ía emitir, falaría coa miña avogada para tentar paralo. Pero contáronmo á unha da mañá. Non quero participar en nada, non quero participar en documentais, non quero que ninguén se beneficie coa vida do meu fillo ou co que ocorreu con el. Eu respectei a todo o mundo, mostrei respecto para que me respecten. Non falo da sociedade, son os programas de televisión e algúns xornalistas que buscan momentos de gloria. Por que non fan un programa para axudar a mocidade, ou sobre África, onde hai nenos que pasan fame, onde hai guerras? Iso non interesa, non vende. Vende a desgraza. Hai que respectar cando a xente non quere falar. Eu vinme forzado a falar hoxe, e non quero. Por que o fago? Porque non se respecta a intimidade, o silencio… E teño que defender a Samuel. Era un neno marabilloso, un espectáculo. Consultábanos todo o que facía, coidábanos, coidou a súa avoa, acompañábaa a todos lados… O día en que o mataron, Alejandro Sanz dixo unha cousa [polo que o artista escribiu nas súas redes sociais]: «Como poden falar tanto da condición sexual dun rapaz e non contar como era el?».

Que fará se seguen a chamalo? O de sempre. Colgar e bloquear o número. Aos xornalistas, aos programas, aos directores, ás grandes produtoras que queren facer documentais, eu pregúntolles: E se fose o voso fillo? E se a vosa muller estivese a pasar o que estamos a pasar nós? Teriades forza para saír nun documental e vender os vosos fillos? Venderiades o voso fillo? Ou quereriades seguir vivindo en paz?

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail