Varias asociacións animalistas e partidos da oposición galega reclaman á Xunta que peche as granxas de visóns que existen na comunidade, onde están o 80% das instalacións deste tipo en España, pola repetición de novos brotes de Covid-19 en animais e traballadores de varias delas. Segundo algúns estudos, como o publicado pola revista Science en novembro pasado, a enfermidade pode transmitirse bidireccionalmente entre humanos e visóns.
O pasado xaneiro, a Xunta ordenou o sacrificio duns 3.000 animais nunha granxa do municipio da Baña, na Coruña, e en marzo informou de que rexistrara outro brote nunha explotación de Santiago con 6.500 exemplares, na que non fixo falta proceder a sacrificios. Con todo, a incidencia parece ir en ascenso. O pasado 9 de xuño detectouse un novo foco nunha estancia de Carral, tamén na Coruña, e dúas semanas despois, rexitráronse novos brotes noutras dúas granxas tamén na Baña e Santiago, e noutras dúas de Abegondo, na mesma provincia. Entre as catro últimas instalacións suman máis de 36.000 animais. Segundo a Consellería do Medio Rural da Xunta, en Galicia existen 25 explotacións deste tipo cunhas 72.000 nais reprodutoras.
No resto de España hai tres granxas máis. Unha en Puebla de Valverde, en Teruel; outra en Navatalgordo, na provincia de Ávila, e outra en Castellón. O Ministerio de Agricultura informou recentemente de casos de Covid-19 nas dúas primeiras.
A detección dos brotes galegos realizouse grazas á vixilancia e ás tomas de mostras periódicas que se realizan tanto aos animais como aos traballadores. Están contempladas no Programa de prevención, vixilancia e control da SARS-CoV-2 nas instalacións de cría e sacrificio de visóns americanos elaborado polo Ministerio de Agricultura e o Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias en colaboración coa Xunta e os gobernos das comunidades que contan con factorías similares.
Segundo fontes da Consellería do Medio Rural, que dirixe José González Vázquez, cando se detectan casos de Covid-19 en animais ou en traballadores procédese a «inmobilizar» a explotación, impedindo que dela saian ou entren animais e peles, e realízase un seguimento «exhaustivo» para impedir máis contaxios. Non se procede a sacrificar os visóns salvo que o número de casos sexa «moi elevado».
Os ecoloxistas, con todo, aseguran que, á marxe do sufrimento que padecen os animais polas lamentables circunstancias nas que se atopan confinados e nas que os sacrifican, as condicións laborais e de falta de hixiene e salubridade en moitas desas explotacións supoñen un perigo verdadeiro de extensión da epidemia.
A ONG animalista galega Tu Abrigo Su Vida realizou entre os anos 2019 e 2020 unha inxente investigación sobre a situación dunha decena de granxas de visóns en Galicia. Luzes-Público tivo acceso ao material da mesma, da que se extraeron as fotos que acompañan esta información. Son durísimas e mostrarían que as explotacións investigadas son unha verdadeira película de terror e, sobre todo, un perigo para a saúde pública e para quen traballa nelas.
Animais exasperados en minúsculas gaiolas de arame; mesas de sacrificio ensanguentadas sen o máis mínimo control hixiénico; visóns vivos escapados das súas gaiolas ou mortos sobre as mesmas ou no exterior da explotación; camións repletos de cadáveres esfolados; vísceras e feces putrefactas; regatos contaminados polas verteduras de detritus sanguinolentos a escasos metros de vivendas habitadas…
«Os animais atópanse nunha situación de tensión permanente tan grande que os casos de autolesións e canibalismo son habituais», conta Rubén Pérez Sueiras, portavoz da Fundación Franz Weber. «As fugas supoñen un risco para a biodiversidade das zonas afectadas, é certo», engade. «Pero agora mesmo o máis perigoso é o risco de contaxio da Covid-19, non só aos traballadores das granxas, senón ao resto da poboación», di.
O pasado martes, o Grupo Parlamentario de Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común informou nun comunicado de prensa que rexistrara unha iniciativa parlamentaria para instar o Goberno a que ordene a suspensión da cría de visóns en todo o territorio do Estado alegando «motivos de saúde pública». A xuízo de Antón Gómez Reino, portavoz do grupo na Comisión de Agricultura do Congreso, a elevada incidencia epidemiolóxica nas granxas galegas «pon en perigo as economías locais». «Debemos actuar rápido, reforzando a seguridade», afirma na nota de prensa, tanto do persoal das factorías como das poboacións situadas na súa contorna.
O deputado lembrou que no Consello de Ministros de Agricultura da UE celebrado o pasado luns, «países como Italia, Francia e Alemaña apoiaron a proposta de Austria e Países Baixos para acabar coas granxas peleteiras», e criticou que, mentres se rexistran en Galicia novos contagios de Covid-19 nesas instalacións, a Xunta segue adiante coa tramitación da ampliación dunha granxa en Carral, «ignorando o risco para a saúde das persoas».