A excepción galega, a esperanza sostíbel

Galicia está a ser unha excepción ibérica no eido político. E éo nunha dimensión decisiva neste tempo histórico do Gran Retroceso, caracterizado polo crecemento e expansión mundo adiante das forzas de extrema dereita e a hexemonía do pensamento reaccionario.

A comunidade galega, «nacionalidade histórica» constitucional é, si, o único espazo electoral onde non hai nas institucións democráticas ningunha representación ultra ou que reúna os trazos propios do post-fascismo. É unha excepción ibérica e mesmo un dos escasos espazos en Europa refractarios, até o de agora, a darlle soporte electoral dabondo como para que eses movementos obteñan cargos ou representantes. Nin nos concellos, nin no Parlamento galego, nin na presenza galega no Congreso e no Senado.

E falando de excepción, tamén resulta excepcional que esta singularidade galega non sexa obxecto de información e análise, nin sequera tema de conversación no ámbito mediático.

Sorprende. Descoloca. Mais velaí a realidade e os datos. Tamén o futuro previsíbel. Nas enquisas non se albisca ningunha variación significativa nese eido do espectro político. Nin Vox nin outros grupos ultras semellan ter outro futuro que entrar pola bocamanga e saír polo cabezón.

No contexto da ondada reaccionaria, que mesmo atinxe os países nórdicos, antigo paraíso socialdemócrata, o caso galego merece algo máis que invisibilidade ou respostas simples. Por que ese silencio? A comezar polo silencio dos propios políticos. De primeiro, porque altera de xeito o incómodo o que podemos denominar a «ortodoxia óptica». Non serven as lentes habituais. Nin as varas de medir xenéricas. Nin dende logo os tópicos que teñen máis de consigna que de análise. A máis común: «En Galicia non hai ultradereita, porque todos os ultras xa están no Partido Popular». E por que noutros territorios non ocorre iso? É mais moderada a dereita valenciana e por iso os ultras van cos toureiros de Vox? Como se explican as camadas de votantes de extrema dereita en Castela, Aragón, Estremadura, Murcia, Andalucía, Madrid, onde a dereita é moi forte?

Galicia pode ter un goberno conservador, mais non é reaccionaria. O que isto quere dicir é que se trata dunha complexa paisaxe política, onde o máis importante é o matiz. Hai quen despacha a historia política galega coa idea apodíctica de que dende o paleolítico a xente galaica foi de dereitas. E poñen o broche co ditador Franco nacido en Ferrol. Por suposto, obvian dicir que nesa mesma cidade, con gran tradición de loita obreira, naceu Pablo Iglesias, fundador do socialismo español. Ou que en Vigo naceu Ricardo Mella, o apóstolo anarquista. Ou na Coruña, o gran liberal Salvador de Madariaga. Anótanse aquí como exemplos dunha sociedade plural, chea de matices.

Dicía Walter Benjamin que cómpre arrincar a tradición dos brazos do conformismo. Cando se fala da Galicia política fálase de «caciques», como se fosen un produto natural da terra. Pero en Galicia, as sociedades agrarias acabaron cos foros e cumpriuse o soño de «a terra para quen a traballa». A Fronte Popular na IIª República obtivo unha amplísima maioría. Como tivera apoio republicanismo federal na Iª República. E nesa tradición cívica e solidaria moito tivo que ver a Revolución Galega de 1846, pioneira da Primavera dos Pobos na Europa de 1848. Unha revolución demócrata e galeguista. Son marcas históricas que cómpre ver como aneis na anatomía dunha árbore. Con moita adversidade, con moitos infortunios, con moito mártir, esa tradición inconformista, a das hélices entrelazadas da democracia e o autogoberno, atravesa os tempos. E actúa como un termóstato que fai sostíbel a esperanza fronte á enxurrada reaccionaria. A igual que a cultura popular, cos espazos comúns, mantén unha resistencia afectiva.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail