«É obrigado entender a China actual»

O economista valdeorrés, ensaísta e investigador de ECOBAS afonda nesta entrevista na actual fase de dixitalización global, nas súas implicacións e tamén no regreso da China á escena mundial, tras entender nos anos 80 que «só podía ter futuro se se facía coas tecnoloxías occidentais».

Na era do «hipercapitalismo dixital», Albino Prada Blanco (O Bolo, 1955) reivindica o concepto de soberanía tecnolóxica: «un país non pode renunciar a isto se non quere vivir baixo o réxime colonial desas empresas».

Este economista, ensaísta, profesor e investigador de ECOBAS (Economics and Business Administration for Society) analiza de forma crítica a urdime e as implicacións desta nova realidade global nunha triloxía de ensaios publicados nos últimos anos: El despilfarro de las naciones (2017, Clave Intelectual), Crítica del hipercapitalismo digital (2019, Catarata) e Caminos de incertidumbre. Tecnologías y sociedad (2020, Catarata).

Arredor desa temática xiraba a ponencia que impartía en abril na apertura da XXXVII Semana Galega da Filosofía en Pontevedra. «O hipercapitalismo fai que o crecemento económico vaia acompañado dun subdesenvolvemento social e un colapso medioambiental. Non necesitamos moita intelixencia artificial, senón intelixencia social e colectiva, e moito máis poder global rexido por esa intelixencia social e colectiva».

Fábrica de tecnoloxía laser chip en Guangxi (China). Foto: Glsun GuiLin en Unsplash.

Na estela da citada triloxía, Albino Prada vén de publicar neste 2021 El regreso de China ¿Chimérica o Telón Digital? (Mundiediciones), no que, tras unha revisión histórica, afonda nas que considera as claves actuais deste país, facendo especial fincapé en como China busca blindar a súa independencia e soberanía nacional (incluída a tecnolóxica) nun mundo tan interdependente. «Coa súa particular integración na globalización neoliberal está contribuíndo a redefinir as condicións de vida (laborais, ambientais, fiscais, financeiras, enerxéticas, etc.) en todo o planeta», asegura.

Nos seus últimos libros, analiza os vínculos entre dixitalización, economía e sociedade, que elemento diferenciador ten suposto, con respecto a etapas históricas anteriores, a dixitalización na evolución socioeconómica das últimas décadas tanto a nivel local como global?  No primeiro libro da triloxía (El despilfarro de las naciones) tratei de pór en primeiro plano que os nosos problemas nesta parte do mundo non son de escaseza, senón de como xestionar a abundancia; no segundo (Crítica del hipercapitalismo digital) amoso como un novo paso nas sociedades da abundancia pode colocalas patas para arriba; e no último (Caminos de incertidumbre) fago un inventario de como non poucos avances tecnolóxicos (tal como os desenvolvemos en sociedades de mercado) nos poden colocar en situacións non de risco, senón de incerteza, que é algo moi distinto, como aprendemos este pasado ano coa pandemia. Son situacións nas que só unha sociedade activa que conte cuns servizos públicos decentes pode defenderse.

Na súa intervención en abril na Semana da Filosofía comentaba que coa dixitalización está pasando o mesmo que coa electricidade e con outras formas previas de enerxía, ao aparecer grandes grupos detrás. !ue implicacións está tendo isto hoxe a nivel político e social? Estase sendo consciente delas?  O obxectivo é que non se sexa consciente deses transfondos. A revolución dixital, como antes a da electricidade, pódese desenvolver a unha escala descentralizada, de non xigantismo, non oligopólica, non só centrada no lucro monetario. Pero faise por carreiros contrarios porque son os que mellor se axustan ao xigantesco financiamento que se pon en marcha. Os emprendedores de garaxe son un conto. Porque eles pillaron avances que eran colectivos e porque a súa innovación foi logo dirixida polos investidores (como Vanguard Group ou Blackrock). Hai excepcións que demostran a regra: Microsoft coa súa enciclopedia Encarta fracasou fronte a unha Wikipedia non comercial e si colaborativa. Pero a regra que se impón a golpe de millóns é a outra. E daquela as GAFAM (Google-Alphabet, Amazon, Facebook, Apple, Microsoft) son máis grandes que calquera economía do mundo. E os investidores que están detrás de todas, reitero de todas, consideran que calquera Estado ou sociedade debe facer o que eles queren. Nos medios corre o dito este: «de Google non se fala ben nin mal; non se fala». E de Vanguard Group menos aínda.

Apple Park, Cupertino (EUA). Foto: Carles Rabada en Unsplash.

Por que cre que en Europa non se promoven ou xurden grandes plataformas dixitais que poidan competir coas que agora están dominando no mercado?   Vou ser breve nisto. A Unión Europea da Comisión Europea non é un Estado federal. Só un Estado federal desa dimensión (como son os Estados Unidos) pode armar unha alternativa para non depender das GAFAM. O problema dos Estados Unidos (as GAFAM nacen alí) é ver se o Goberno Federal (agora Biden) é capaz de non bailar ao son que toquen ou de quedar abducido. Neste escenario global só China ten a dimensión e a conciencia de que coas GAFAM a súa seguridade e independencia nacional están en serio perigo. E está por ter as súas propias GAFAM.

Que papel teñen os cidadáns neste mundo dixitalizado? Son meros consumidores ou incluso podería dicirse que «traballan» para esas compañías, aportando inxentes cantidades de datos e información ou mesmo asumindo xestións que antes creaban postos de traballo, por exemplo, as bancarias?   Dixéchelo moi ben. Unha estratexia é darnos aparentemente cousas gratis a cambio de que cedamos a nosa privacidade, outra é que o noso tempo no uso do dispositivo poida ser aproveitado polas empresas dixitalizadas. Na banca en liña a cousa é de manual. En troques de construír un Big Data público (a Comisión Europea fala diso) que protexa a nosa privacidade, temos un Big Data en mans de grandes grupos de investimento que traballan coas GAFAM. Non só os cidadáns, calquera empresa caerá na súa rede de dependencia. Os medios de comunicación sábeno xa moi ben coa publicidade online. Pero tamén un restaurante ou un hotel.

Photo by Pickawood on Unsplash.

No contexto do que vostede denomina hipercapitalismo dixital, que está supoñendo a actual pandemia de Covid-19? Cales son as alternativas que poden buscarse para cambiar ou polo menos modular esa tendencia?   A pandemia deberanos facer virar o rumbo en dúas cousas: precaución e resiliencia. Precaución significa frear procesos que se poden escapar do control. As GAFAM xa están nesa fronteira. A resiliencia supón ter claro que só con redes locais e aprovisionamentos de proximidade podemos enfrontarnos a impactos que non son riscos. Temos que desactivar a hipercentralización e xigantismo: no nuclear, nos recursos fósiles, no transporte marítimo, na provisión alimentaria, de fármacos, no Big Data… porque, se non o facemos, as situacións de colapso (climático, enerxético, alimentario, súper bacterias, pandemias, plutocracia dixital, etc.) atoparán camiño libre.

No seu ensaio El regreso de Chinaafonda no rexurdimento desta superpotencia no taboleiro xeopolítico e tecnolóxico mundial, que o moveu a escribir este libro?   China volve á escena mundial xusto nesta fase de dixitalización global do mundo. Nos anos 80 entenderon que só podían ter futuro se se facían coas tecnoloxías occidentais. Como antes fixeran Xapón e Corea. Pero China é trinta veces España. Un Estado desa dimensión (cousa que conservaron dende hai séculos) modifica a relación con calquera. Mesmo cos Estados Unidos, dos que agora son o principal banqueiro e prestamista. Pero China é xa o principal importador de enerxías fósiles do mundo. A Unión Europea, e España, temos un déficit comercial xigantesco coa China… en calquera negociación (laboral, fiscal, ambiental) o argumento para devaluar é sempre o mesmo: ou o facemos aquí ou haberá que facelo na China. Por iso é obrigado entender a China actual. E non vin ningún libro que contase este asunto.

Cales diría que son as claves que permitiron este regreso da China fronte á perda de protagonismo doutras superpotencias?  China nos anos 80 atópase cunha potencia hexemónica, os Estados Unidos, que está convencida de que pode abducilos e integralos. Kissinger observa que están distanciados dos rusos e que queren integrarse no mercado mundial, capturar tecnoloxía e investimentos. Que encaixan na idea dun mercado globalizado e desregulamentado. E daquela a idea de Chimérica ponse en acción, supondo que co paso do tempo o enriquecemento dunha plutocracia na China porá en marcha a súa homologación política a unha banda e outra do Pacífico. Pero eu creo que ese camiño está a quedar atrancado coas incertidumes (sobre a seguridade e independencia nacional) vencelladas á dixitalización. Os gobernantes chineses pode que estiveran dispostos a facerse todos hipercapitalistas e milmillonarios á americana, pero non creo que estean dispostos a que as GAFAM norteamericanas manexen aquel país. Teñen o tamaño e a teima de evitalo. Por iso terán protagonismo asegurado neste século XXI.

Como están a reaccionar ante China outros actores do mapa xeopolítico mundial como Rusia ou Estados Unidos? E a Unión Europea, da que forma España?   De súpeto, moitos volvéronse sinófobos porque se decataron de que os negocios que facían alí nos fan depender de xeito suicida de que nos vendan o que precisamos. Tamén hai sinófilos que desculpan todo o que se faga na China en base á súa soberanía nacional. E moitos son, ao tempo, unha cousa pola mañá e a outra pola tarde. China interpela ao resto do mundo sobre como facer unha globalización decente nun mundo sostible. E o dramático é que o resto do mundo somos, doe dicilo, unha tropa de negociantes e consumistas sen escrúpulos. Só se deixamos de selo poderemos falar coa China en serio. De non facelo imos ter que aturar que un xigante xogue coas nosas cartas.

*Esta entrevista foi publicada orixinariamente no diario O Sil. Le o orixinal aquí.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail