A Xunta advertiu hai un ano de que Altri promoverá aínda máis a eucaliptización

A Coruña.- Os técnicos da Xunta advertiron hai un ano do risco de que a fábrica de celulosa que Altri quere instalar no municipio lucense de Palas de Rei promova aínda máis as plantacións de eucalipto, unha especie invasora que desde a súa chegada a Galicia a mediados do século XIX se estendeu polo país en detrimento do bosque autóctono ata ocupar case un terzo da súa superficie forestal

Así figura nun informe da Dirección Xeral de Gandeiría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural da Xunta, que forma parte do expediente mediante o que o Goberno de Alfonso Rueda tramitou a declaración de impacto ambiental da planta publicada o pasado 14 de marzo.

O documento ao que tivo acceso Luzes-Público ten data do pasado 7 de maio e alertaba tamén do risco de que as emisións da fábrica de celulosa de Altri provoquen choiva aceda, contaminación por partículas, malos cheiros e un aumento do nivel de nitratos nas augas nas que verterá os seus residuos, cun impacto moderado no sector agrogandeiro e un efecto negativo sobre a imaxe da industria alimentaria local nos municipios da Ulloa –Antas de Ulla e Monterroso, ademais de Palas– e outros limítrofes como Melide e Santiso, na Coruña, e Agolada, en Pontevedra.

«O proxecto Gama [así o bautizou Altri] afecta a unha zona cunha importante actividade agrogandeira, polo que se bota de menos na documentación en exposición pública un estudo a fondo das súas repercusións no sector primario desde un punto de vista social e económico, coas súas correspondentes medidas correctoras», afirma o informe, que alerta tamén de que, seguindo o anterior, «non está suficientemente xustificada a prevalencia da utilidade pública do proxecto sobre a actividade primaria predominante na zona de localización da planta».

Cambio de opinión

O estudo estaba asinado polo subdirector xeral de Explotacións Agrarias da Consellería, Nicasio Mejuto Martí. Tras as explicacións ofrecidas pola compañía, con todo, o mesmo departamento cambiou de opinión e emitiu o pasado 31 de xaneiro outro informe en substitución do primeiro no que considera probado agora «que non hai unha incidencia apreciable ou que [a factoría] non condiciona a actividade agrogandeira da zona».

No documento inicial, Medio Rural advertía de que «aínda que Galicia produce cada ano uns cinco millóns de metros cúbicos [de madeira de eucalipto], o consumo inicial do proxecto Gama equivale case a un 30% das tallas anuais (1,2 millóns de toneladas, equivalente a 1,5 millóns de metros cúbicos), por encima da fábrica de celulosa de Pontevedra (1,3 millóns segundo o informe de sustentabilidade 2021 de Ence)», a firma que explota esas instalacións desde hai máis de seis décadas en terreos públicos da ría.

Concentración no Ulla contra a fábrica de Altri / Foto: Ulloa Viva

«Esta demanda favorecerá economicamente o sector forestal, pero pode inducir á forestación de superficies agrarias en detrimento de as explotacións agrícolas e gandeiras», concluía o primeiro informe de Medio Rural, que insistía en que o proxecto da empresa que dirixe José Soares de Pina «ten un impacto moderado sobre a actividade agrícola e gandeira dos municipios considerados».

Oito meses despois, en decembro dese ano, Altri enviou á Xunta unha nova análise de 14 páxinas no que asegura que si estudou o impacto socioeconómico da súa factoría noutros estudos remitidos a outros departamentos da Administración autonómica, e no que afirma que esta «se nutrirá de eucalipto xa existente ou excedentario que actualmente se comercializa fóra de Galicia por falta de mercado interior, non sendo por tanto necesario incrementar a superficie das plantacións».

Informe da Axencia Galega da Industria Forestal

A empresa anexou así mesmo un informe da Axencia Galega da Industria Forestal e varios resumos de estudos de dispersión atmosférica de contaminantes e cheiros que avalaban os seus argumentos de que a planta de celulosa de Palas respectará a lexislación ambiental e non promoverá máis plantacións de eucaliptos.

Un mes despois de recibilos, a subdirección xeral de Explotacións Agrarias da Xunta aceptou ese relato e decretou que «á vista da nova documentación proporcionada polo promotor sobre calidade das augas, efluentes, emisións de distintos tipos de gases, cheiros, etcétera, (…) os comentarios realizados por esta Subdirección referente á súa incidencia sobre a actividade agraria quedarían contestados». «Non temos máis que indicar nestes aspectos», afirma o novo documento.

Con respecto ao posible incremento da demanda de eucalipto, a Xunta afirma agora que «existe produción de madeira de eucalipto para fornecer esta industria, que se abastecería das existencias que neste momento se comercializan no exterior e por tanto non provocaría un incremento da superficie dedicada a eucalipto en Galicia».

Consecuencias sobre o patrimonio cultural

Os informes de Medio Rural súmanse a outros documentos do expediente de Altri desvelados por Luzes-Público que alertaban das consecuencias negativas da planta sobre o patrimonio histórico e cultural do Camiño de Santiago, xunto ao que se asentará, e que revelaban a intención da Xunta de converter as instalacións nun atractivo turístico. Tamén, os que poñían de manifesto as incongruencias e contradicións nos argumentos que manexan a Xunta e a empresa sobre o investimento real do proxecto e as cifras reais de emprego que xerará.

Altri falou dun gasto de entre 800 millóns e máis de mil millóns de euros, que pretende financiar nun 25% con subvencións estatais e da Unión Europea. O mes pasado, o Goberno rexeitou a súa solicitude para obter 30 millóns de euros dos programas de descarbonización dos fondos Next Generation, que financia a UE pero cuxa aprobación inicial corresponde ao Executivo de cada Estado membro.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail