A Coruña.- Os manuais do xornalismo escrito animan aos redactores a refugar o recurso fácil de compoñer titulares a partir de títulos de películas. Pero a tentación é demasiado grande cando se trata de tentar explicar por que Galicia é a comunidade autónoma con menor porcentaxe de mulleres á fronte dun concello. Como dirían os irmáns Coen, Galicia –que si é país para vellos: é a segunda comunidade coa poboación máis envellecida-, non o é para alcaldesas.
Dos 313 concellos da comunidade, só 56 están dirixidos por unha muller. É dicir o 17,89%. Tampouco é que a media nacional sexa moi esperanzadora, pois non alcanza o 23% porque, segundo o Instituto das Mulleres, dos 8.131 alcaldes de España só 1.806 son mulleres. A media galega queda a enorme distancia da doutras autonomías: Murcia (35,6%); Euskadi (30,2%), Asturias (29,5%), País Valencià (28,8%)… Madrid ten un 25% e Catalunya un 23,5%. Só Castela e León (17,92%), A Rioxa (18,3%) e Aragón (18,9%) rebaixan tamén o listón do 20%. Ademais, das catro deputacións provinciais galegas, tres están presididas por homes. Paradoxalmente, a primeira muller en España en gañar unhas eleccións locais foi Concepción Pérez, que conseguiu a alcaldía de Portas (Pontevedra) en 1925.
A primeira alcaldesa da democracia na Coruña
«Que sexa noticia que haxa mulleres que gobernen é algo que evidencia que aínda queda moito por facer. Ten que ser algo normal, o anómalo é que eu sexa a primeira despois de tantos anos xa de democracia», asegura Inés Rey, alcaldesa socialista da Coruña. É a muller que goberna sobre máis veciños e veciñas -a cidade ten 244.000 habitantes-, e aínda que tivo unha antecesora, Berta Tapia, alcaldesa durante catro meses en 1978, foi aínda baixo o réxime electoral do franquismo.
Inés Rey (PSdeG): «Que sexa noticia que haxa mulleres que gobernen é algo que evidencia que aínda queda moito por facer»
Nas próximas eleccións municipais do 28 de maio, todos as cabezas de lista rivais de Rey dos partidos e coalicións que completan o pleno municipal coruñés -BNG, PP, Marea Atlántica, Cidadáns e Unidas Podemos- son homes. «No meu partido temos outra forma de facer as cousas, e ese camiño que se abriu para as mulleres xa non se vai a volver pechar», alega a rexedora. «Levamos moitos anos tendo que demostrar as nosas capacidades nunha sociedade machista na que aos homes dábanselle por supostas esas mesmas capacidades», conclúe.
A seguinte cidade galega de maior tamaño gobernado por unha muller é Lugo -97.000 habitantes-, onde a tamén socialista Lara Méndez encabeza o Executivo local de coalición co BNG. O seu maior rival é a popular Elena Candia, do PP, o partido que gañou as municipais de 2019 na cidade, pero sen maioría absoluta.
Elena Candia (PP): «Compartir testemuños e experiencias de mulleres políticas é bo para animar a outras a que dean o paso»
«Compartir testemuños e experiencias de mulleres políticas é bo para animar a outras a que dean o paso. A participación en política, de maneira responsable, segue sendo un dos mecanismos máis útiles que temos as persoas para mellorar a sociedade», afirma Candia. Engade que do mesmo xeito que sucede «coa educación ou os medios de comunicación, é un factor de visibilización e de empoderamento da muller imprescindible». «Necesitamos ver mulleres á fronte da toma de decisións para encamiñarnos á progresiva ruptura do teito de cristal que tanto nos lastra», subliña .
Cinco das sete cidades teñen alcalde home
Cinco das grandes cidades do país -ás de máis de 50.000 habitantes- nunca tiveron a unha muller á fronte das súas alcaldías. En toda a historia da democracia non as houbo en Vigo, Ferrol, Santiago, Ourense e Pontevedra. Iso contrasta co número de concelleiras , que xa representan máis do 41% . Unha delas é Goretti Sanmartín, ex vicepresidenta da Deputación da Coruña, edil en Santiago e aspirante nesa cidade polo BNG.
Sanmartín recoñece que as mulleres téñeno complicado para facer política local porque ese traballo de proximidade «esixe moita dedicación que en ocasións é incompatible coa conciliación familiar». «Toda a política é moi complicada, pero o ámbito local é un espazo moi masculinizado e nalgúns casos o traballo das mulleres é realmente heroico», sostén a candidata nacionalista, quen lembra que as mulleres «xa están en liderando boa parte da vida asociativa de Galicia: as asociacións veciñais, de nais e pais, as organizacións ecoloxistas e culturais…».
Goretti Sanmartín (BNG): «A política de proximidade esixe moita dedicación que en ocasións é incompatible coa conciliación familiar»
Tamén a política local, claro. Pero máis no seu trastenda: tres dos catro directores de campaña dos principais partidos en Galicia son mulleres: Paula Prado, secretaria xeral do PP; Carme da Silva, concelleira do BNG en Pontevedra, e Verónica Hermida, secretaria de Política e Comunicación e portavoz de Podemos Galicia .
«A política segue sendo un espazo moi hostil para as mulleres, e a local moito máis. Na política autonómica e estatal, os deputados e deputadas poden facer un parón nas súas carreiras profesionais, pero unha concelleira dun municipio mediano ou pequeno ten que facer malabarismos para conciliar tres vidas: a política, a laboral e a familiar», explica Hermida. Pon de exemplo a María de la O Fernández, edil e candidata de Podemos-Marea da Vila en Vilagarcía: «É nai, concelleira e xefa de estudos nun instituto».
Verónica Hermida (Podemos): «Unha concelleira dun municipio mediano ou pequeno ten que facer malabarismos para conciliar tres vidas: a política, a laboral e a familiar»
A directora de campaña de Podemos tamén cre que a política é máis dura para as mulleres porque «son xulgadas con moitísima máis dureza» e porque elas tenden a fuxir «de espazos nos que priman o insulto e o ton groso dos discursos sobre o diálogo e o respecto». «Habería que preguntarse por que hai tantísimas mulleres participando activamente no movemento feminista e tan poucas participando en política», conclúe.