Non era sexo, sempre foi odio (Incels 4)

«O primeiro da nosa caste sementou o medo no corazón de América. / As súas peticións foron escoitadas até polo Presidente. / Isto é só o comezo./ A Rebelión dos betas xa comezou. /Os nosos irmáns alzaranse en armas axiña para seren mártires da Revolución».

            -Post en 4chan poucas horas despois da matanza na Universidade de Umpqua no 2015

«Os incels non son amorais (malia seren, obviamente, completamente inmorais); acreditan firmemente nunha orde moral moi específica. Non só están enfadados, senón que se consideran agraviados. Non é que estean desencantados coa vida, antes están resentidos. Non se senten decepcionados, mais activamente traizoados, polas mulleres en particular e polo mundo en xeral. E achan que o mundo lles debe algo».

                                                           -Kate Manne, filósofa e profesora da Universidade Cornell

 

            Para floreceren como un movemento de odio a nivel mundial, cun corpus ideolóxico definido e quen de inspirar repetidos masacres, os incels, acronimia de célibes involuntarios, precisaban dunha combinación de factores que demorou medio século en callar (e tres artigos para explicar): o repetido fracaso para crear movementos progresistas dos dereitos dos homes, seguido sempre dunha forte reacción misóxina; a aparición dos artistas da sedución e a difusión na cultura popular das súas teorías bioloxicistas, que derivou nun amplo grupo de desencantados co seu calote; o afundimento no nihilismo e auto-odio de 4chan, unha comunidade en liña construída sobre a liberdade de expresión absoluta e lugar de reunión das personalidades máis amargas da rede; a presenza dun núcleo forte de militantes misóxinos dispostos para faceren apoloxía do odio; e, por último, un elemento catalizador, que autoras como Grace Sharkey e Sarah Baner-Weiser identifican coa crise económica do 2008 e a recesión global que seguiu. Cohortes enteiras de nen-nen americanos cronicamente online perderon o acceso ao mercado de traballo e as obrigas da vida adulta, as únicas vías de saída das súas obsesións misóxinas.

            Cómpre sinalar que o termo incel estaba presente na rede vinte anos antes da súa encarnación moderna renacer como ideoloxía violenta. En 1993, unha universitaria canadiana chamada Alana mudaba para Toronto estudar. Frustrada polas dificultades para socializar e mocear como muller queer nunha nova cidade crearía a páxina web Alana’s Involuntary Celibacy Project, «O proxecto de celibato involuntario de Alana». Este espazo servía como diario mais tamén encoraxaba o debate. Na sección de comentarios xurdiu unha comunidade diversa que se identificaba coas frustracións da autora. Homes, mulleres e persoas non binarias, cis ou trans, gays, lésbicas, heteros ou bisexuais partillaban as súas situacións persoais. En 1997 a autora creaba unha rolda de correo baixo o nome INCEL para expandir o diálogo. Dúas décadas despois, desvinculada xa desta comunidade, Alana comentaría sentirse «como a científica cuxa innovación era empregada como arma de guerra. Non podo «desinventar» a palabra, nen a empregar só para definir as persoas que si que a precisaban». Finxirmos hoxe que o termo incel só é un «descualificador» exóxeno referido a «coitados rapaces alienados da cultura afectiva-sexual moderna» é tan ridículo como pensar que aínda fai referencia ao grupo profundamente queer e heteroxéneo que bautizara Alana. Nas profundidades da internet o movemento incel desenvolveu un corpus ideolóxico de seu, alimentado por todas as correntes machistas que levamos vistas durante esta serie. É o proceso de radicalización nesta ideoloxía o que define a pertenza ao grupo e non a ausencia de actividade sexual.

            Así, das reaccións machistas dos séculos XX e XXI herdaron unha concepción edénica das relacións sociais: para eles o modelo da familia nuclear dos anos cincuenta representa un estado de graza no que os homes (brancos e estadounidenses) tiñan asegurada casa, traballo e matrimonio. Os MRA  (activistas polos dereitos dos homes), nunha apropiación da imaxinaría do filme Matrix, instan os incels a «tomar a pílula vermella» para se decataren de como a incorporación da muller no eido laboral, os avanzos dos movementos polos dereitos civís, a liberación sexual e a loita contra a cisheterosexualidade obrigatoria erosionaran os alicerces desa sociedade ideal. Eles (as elites económicas mundiais, os gobernantes secretos, os Illuminati, os masóns, os xudeus, a cábala LGBTQ ou os reptilianos, escolla o que quixer) terían promovido todo isto para debilitaren os «verdadeiros» homes, os únicos quen de frustrar os seus plans.

             Dos PUAs herdaron unha teoría mecanicista da sexualidade humana, unha na que as femoids (termo pseudo-biológico co que se refiren as mulleres) carecen realmente de axencia sexual racional e, como animais na xaneira, procuran sempre deitar cos «machos de máis valor reprodutivo» (sic). Aínda que os incipientes incels aceptan o marco epistemolóxico das relacións sociais ofrecido polos PUAs, rexeitan a validez metodolóxica das súas «técnicas de sedución». Se o valor sexual dun home está determinado por unha combinación de aparencia física e status social, para os incels a primeira sería totalmente inmutábel, gravada no ADN, e calquera oportunidade de mudar a segunda ficara cancelada pola crise económica do 2008 e esa conspiración global «contra os homes». Coma nun deporte sádico os habituais de 4chan e Reddit toparan pracer masoquista en enumeraren todos os supostos defectos esenciais que os apartaban do ideal masculino, o Chad: «son baixo ou alto de máis, gordo ou miúdo de máis, os meus ollos moi xuntos ou moi afastados, os meus dentes retortos, amarelos, de cabalo; a miña mandíbula non é forte, son careco, lambo, imberbe, peludo coma un xabarín, teño a voz velaíña, con sotaque, sen ele; son white trash; son migrante», etc. Nestes espazos gañaron popularidade os fíos nos que subir selfies e expor á critica sen piedade dos demais usuarios, repetíndose o mantra de que nada diso era mudábel, que un centímetro menos de óso no maxilar determinara para sempre a súa vida. A «pílula vermella», que enguliran das mans dos activistas misóxinos, transubstanciara por graza do auto-odio na «pílula negra»: «endexamais ninguén te vai querer, vas estar só toda a vida, non che hai nada que facer, e a culpa é das mulleres».

            No seu marco nostálxico os incels argumentan que corenta anos atrás a moral conservadora e as oportunidades económicas establecían unha solución para o seu problema. Os homes de «alto valor» casaban co seu amor do instituto, unha «femia de valor sexual semellante», sempre unha muller guapa, extravertida e desenvolta, líder das animadoras: unha Stacey. O puritanismo imperante evitaba que as mulleres de «menor valor», sexa por aparencia, sexa por apoucadas, as Beckies, arriscaran a «empregar a oferta sexual» para conquistaren os Chads sob a ameaza de seren cualificadas de «pendangas». E, como as súas limitadas opcións non incluían ficaren solteiras, non lles quedaba outra que rebaixaren as súas expectativas e casaren cun proto-incel, mais con emprego, que as podería manter economicamente a cambio de submisión, favores sexuais e traballo doméstico. Con isto, conseguiran identificar a «avinza contraditoria» entre políticas conservadoras-tradicionais e economía neoliberal de mercado, que Edward Luttwak xa retratara unhas décadas antes. Ao contrario que o autor de Por que o Fascismo é a tendencia do futuro, a análise en 4chan é Reddit era que esa combinación era non só estábel, tamén organización perfecta da sociedade. Os incels non devecen simplemente polas relacións sexuais, gorentan pola volta dunha estrutura social que lles permita someter e humillar as mulleres.

            Porén, como describiu Luttwak, ou xa Marx cen anos antes, esta alianza tiña os días contados. A progresión do neoliberalismo non podía resistir a pulsión por reificar todos os aspectos da sociedade e a organización social tradicional superara a súa utilidade práctica. Como xa vimos, encarreirados pola ultra-dereita machista, os incelsdesenvolven unha análise anti-materialista: isto non fora causado pola contradición fundamental no seno do Capitalismo, mais era culpa dunha conspiración para rematar co tecido social e económico que sostiña o modo de vida norteamericano. Agora as mulleres só seguirían o seu imperativo biolóxico e abrazarían a hipergamia: os homes máis atractivos non só deitarían coas súas iguais no ecosistema, tamén con mulleres en todo o espectro que, segundo eles, recorrerían a «enganos» (maquillaxe, hipersexualización ou Tinder). Están convencidos de que entre os 14 e os 25 anos todas as mulleres no mundo occidental montan no cock carrousel, deitando con todos os Chads posíbeis mentres a súa xuventude llo permite. Durante este período libertino os «homes bos e normais» (sic) non terían ningunha oportunidade sexual porque, ante a ausencia de restricións morais, as mulleres só quererían deitar con ducias ou centos de alfas. Se Umberto Eco argumentaba que para o fascismo os seus inimigos son sempre infinitamente fortes e inevitabelmente fracos, para os incels todas as mulleres son promiscuas alén do fisicamente posíbel e, a un tempo, nunca deitarían con ninguén que non fose o home ideal. O seu único consolo era que estas mulleres «baterían contra o muro» preto da trintena, cando xa non serían atractivas abondo para os Chads e cando nin eles, os betas, quererían as súas sobras.

            Para mediados da década dos 2010 os vimbios da ideoloxía están instalados e esta desenvólvese en todas as direccións. Uns poucos tentarán loitar contra o determinismo xenético e falan de facer gym maxxing (mellorar o seu aspecto físico con culturismo) ou empregar cirurxía estética. A comunidade fai escarnio destes copes, intentosdesesperados de negociar a versión da realidade ofrecida pola pílula negra. Axiña, o estoxo de pastillas énchese de novas teorías, non compartidas por todos mais si populares abondo como para seren discutidas en centos de fíos. Engulir a rapepill (pílula da violación) significa aceptar que toda interacción entre homes e mulleres é coercitiva por natureza e que os incels só poden exercer o seu «dereito ao sexo» (sic) se empregan a violación como ferramenta. A breadpill (pílula do pan) é unha referencia á hostia consagrada e comina a se converter ao catolicismo ou á ortodoxia tradicionalista para procurar unha comunidade de mulleres «aínda non contaminadas polo feminismo». Pola mesma razón, a J-pill, a M-pill, ou a Vodkapill identificarían Asia, os países de maioría musulmá ou as nacións eslavas como os únicos lugares onde topar parella. Outras pílulas resultan aínda máis desagradábeis de comentar, como a dogpill (a do can) para aqueles que acreditaban que as mulleres non foden cos betas porque todas están atarefadas tendo relacións sexuais cos seus animais de compaña, ou a JBpill (de jailbait, ou engado carcerario), que recomendaría seducir menores de idade antes de que sexan «botadas a perder polo mundo moderno».

Foto do California Department of Motor Vehicles do permiso de conducir de Elliott Rodger, autor da matanza de Isla Vista, preto da Universidade de California, en maio de 2014 (AP Photo/California DMV)

            Con todo, como indican Sarah Daly e Albina Laskovtsov, investigadoras da Universidade de Carolina do Sur, o mínimo común denominador da comunidade na altura eran as ideacións suicidas. Ante a enumeración de desgrazas persoais e diatribas sobre a «dexeneración» da sociedade os comentarios máis habituais adoitan ser rope («corda» remitindo á forca), LDAR (siglas en inglés para «(quero) deitar e podrecer») ou un simple «até aquí chegou». O seguinte paso chega no 2014 co culto ao machista asasino en masa, autodenominado beta e incel, Elliot Rogers. Inspirados pola época na que 4chan procuraban mellorar a vida dos participantes e facer deles cabaleiros, o tirador da Universidade California é alcumado O Cabaleiro Supremo. Os incels comezan a falar do «alzamento dos betas», expresión tirada do manifesto de 137 páxinas de Rogers. Conclúen que a única resposta axeitada ante a falta de alternativas é morrer matando, como o seu novo ídolo. Ante cada comentario suicida, aparece a resposta go ER (facer un Elliot Rogers). Aliás, se te queres suicidar, mátaos antes. Por desgraza, non faltara quen siga o consello.

            Na madrugada do 1 de outubro do 2015 alguén deixa un aviso na canle de 4chan /r9k: «Se estudas nunha universidade no costa noroeste do Pacífico, mañá fica na casa». Unhas horas despois, Chris Harper-Mercer mata nove persoas e fire de gravidade oito antes de se suicidar na universidade pública de Umpqa, Oregón. No manifesto que deixa na escena do crime expresa a súa admiración por Elliot Rogers e outros asasinos en masa, así como a súa frustración por non ter parella. En xullo do ano seguinte, Sheldon Bentley mata un home que topa inconsciente na rúa. No xuízo asegura que o fixo pola frustración de ser un incel durante 4 anos. En decembro de 2017, William Atchison mata dúas persoas e despois remata coa súa vida no Instituto Aztec de Novo México. Na súa actividade en internet as investigacións topan comentarios apoloxéticos do Cabaleiro Supremo. Poucas horas antes de matar 17 persoas e ferir outras tantas no instituto Stone Douglas na Florida, Nikolas Cruz comenta en internet que «Elliot Rogers nunca será esquecido». En abril de 2018, Alex Minasian anuncia en Facebook que a «Rebelión Incel está chegando» antes de enfiar o seu carro por unha rúa de Toronto e matar dezasete persoas. Ese mesmo ano, Scott Beierle asasina dúas mulleres e fire outras catro nun estudio de ioga na Florida. Desde 2014 subía vídeos a Youtube identificándose como incel e louvando a Rogers.

 

Nikolas Cruz e o armamento que lle atoparon na casa

            Se enumerase todos os asasinos en masa, con éxito ou non, directamente ligados co colectivo incel excedería o espazo que me cedeu Luzes para todos os artigos que levo publicados. Engadir os que non xuramentaran explicitamente o seu compromiso coa «Cruzada dos betas», mais publicaron en 4chan os seus manifestos ligados coa ultra-dereita, daría para un libro. O que fica claro é que a para finais da década pasada o movemento dera un paso firme cara a violencia estocástica: aquela exercida por individuos que actúan en solitario sen unha rede loxística de apoio, mais inspirados e encoraxados por unha estrutura ideolóxica compartida. O Departamento de Estado dos EUA, O Centro Internacional contra o Terrorismo e diversas institucións europeas incluíron a «misoxinia extrema organizada na rede» entre as súas fontes de violencia global. Porén, por moi espectaculares e dolosos que sexan estes masacres, os incelsaínda teñen outros xeitos de danaren unha sociedade que consideran inimiga: a súa existencia como colectivo radicalizado con experiencia en emprender campañas mixtas entre o mundo dixital e o físico e a capacidade da súa ideoloxía para permear aos poucos a nosa cultura.

            Do seu potencial como grupo organizado foi consciente Steve Bannon, asesor de Donald Trump na sua campaña electoral de 2016. Ademais, até a súa detención por fraude no 2020, Bannon procuraba influír na política da ultra-dereita europea a través da organización The Movement, con contactos que ían de Viktor Orbán a VOX pasando por Matteo Salvini ou Marine Le Pen. Conta o xornalista Joshua Green, no seu libro Devil’s Bargain, que este produtor cinematográfico convertido en estratega político tomou consciencia do potencial dos grupos de rapaces pouco sociábeis e permanentemente en liña cando no 2006 foi contratado como executivo de IGE. Esta empresa de Hong Kong xestionaba «granxas» de bens ficticios, «colleitos» por empregados chineses explotados, para vender por diñeiro real a usuarios do popular xogo World of Warcraft. Xa no 2014, Bannon aproveitou a súa posición como director de Breitbart, o líbelo online da ultra-dereita norteamericana, para promover o Gamergate. Esta vaga semi-organizada de odio, acoso e violencia misóxina online comezara centrada ne creadore de videoxogos Zoë Quinn e a crítica audiovisual Anita Sarkeesian, para se expandir nunha cruzada global que pretendía «salvar os videoxogos da influencia do feminismo».  Para o 2016, Bannon chegaba a Mar-a-Lago, o resort turístico, residencia e cuartel xeral de Trump na Florida, cun plan baixo do brazo para gañar as eleccións coa axuda de 4chan e unha masa de incels que gorentaban por vinganza. O verdadeiro peso que a maré de memes nacidos en 4chan tivo no resultado das eleccións é discutíbel, o que si demostrou esta campaña é que os espazos de ideoloxización incel eran un campo de recrutamento para a Alt-Right («dereita alternativa»), o sobrenome para a ultra-dereita global na década pasada. Como apunta a Liga Antidifamación Americana, organizacións neo-fascistas como os Proud Boys adaptaron as súas estratexias para aproveitaren a popularidade dos argumentos misóxinos orixinados na comunidade incel. Tampouco estraña que no mesmos espazos comezara a agromar a teoría da conspiración de QAnon.

Steve Bannon

            E se callar isto último é a consecuencia máis insidiosa dos incels:  a capacidade deste relato machista de agravio contra os «dereitos dos homes», nacido da mestura das peores ideoloxías que poboaron a rede durante trinta anos, para influír perniciosamente nunha grande cantidade de rapaces. Populares streamers con millóns de seguidores deixan caer nos seus directos o argumentario do grupo. Onde os seus pais espetaría un «todas as mulleres son unhas lavercas» os adolescentes recorren ao «as rapazas só foden con malotes, así que as teño que tratar mal» e engaden argumentos pseudo-biolóxicos ao seu machismo. Os algoritmos de Youtube e outras redes sociais premian este tipo de vídeos, servindo vídeos cada vez máis machistas un tras doutro,  como ten demostrado a investigación da Fundación Mozilla. E o consumo destes contidos misóxinos adoitan ser a porta de entrada para a radicalización de extrema dereita.

            A profesora Debbie Ging describe o incelismo como unha masculinidade híbrida, que di rexeitar a masculinidade hexemónica, da que os incels se senten excluídos, e ao mesmo tempo reproduce os hábitos máis tóxicos dela. Unha década despois do seu xurdimento, esta ideoloxía complementa o machismo mainstream, nun proceso de normalización das expresións máis viles do seu discurso de odio á vez que mantén a ameaza constante de violencia explosiva polos elementos máis inestábeis da comunidade. Aínda que os influencers do machismo experimentaron unha «reversión» cara a hipermasculinidade dos PUAs dos primeiros 2000s a súa audiencia aínda está alimentada por unha narrativa que os vitimiza como os «excluídos do mercado sexual». Os movementos neo-reaccionarios, misóxinos e tránsfobos de todo o planeta incorporan partes escollidas do discurso incel para galvanizaren a súa comunidade. Os seus cripto-colaboradores na prensa publican artigos idealizando a comunidade e repetindo os seus argumentos.  Se algunha intención ten esta serie de artigos é chamar a atención sobre como este movemento xoga un papel fundamental no rexurdimento da hidra fascista e a necesidade de ficarmos vixiantes ante cada intento de normalización o seu discurso. Vainos a vida en elo.

 

BIBLIOGRAFÍA

Bratich, J.Z., & Banet‐Weiser, S. (2019). «From Pick-Up Artists to Incels: Con(fidence) Games, Networked Misogyny, and the Failure of Neoliberalism». International Journal of Communication, 13, 25. Sarah E. Daly and Albina Laskovtsov (2021) “Goodbye, My Friendcels”: An Analysis of Incel Suicide Posts. Quantitative Criminology.

Ging, Debbie (2019). Alphas, Betas, and Incels: Theorizing the Masculinities of the Manosphere“. Men and Masculinities. 22 (4): 638–657.

Green, Joshua. (2017). «Devil’s bargain : Steve Bannon, Donald Trump, and the storming of the Presidency». Scribe Publications.

Golding, Dan.& Van Deventer, Leena. (2016). Game changers : from minecraft to misogyny, the fight for the future of videogames. Affirm Press.

O’Donnell, C., & Shor, E. (2022). “This is a political movement, friend”: Why “incels” support violence». The British journal of sociology, 73(2), 336–351.

Quinn, Zoë. (2017). Crash override : How Gamergate (nearly) destroyed my life, and How We can win the fight against online hate. PublicAffairs.

Sharkey, Grace (2021). Failure to thrive: incels, boys and feminism. Continuum 36 : 37 – 51.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail