Xela Arias, a verdade que desequilibra

Xela Arias podería levar tatuada na pel a Divisa de Maria-Mercè Marçal: «Ao azar agradezo tres dons: ter nacido muller / de clase baixa e nación oprimida. / E o turbio azul de ser por tres veces rebelde». Unha divisa que compartían, e comparten, moitas mulleres da mesma xeración, e Arias e Marçal foron coetáneas, mais que tamén atravesa os tempos. ¶ Xela Arias (1962-2003) asumiu as tres rebeldías, entrelazounas nunha mesma tarefa emancipadora. Expresouno de tal xeito que non deixa lugar ningún aos manobreiros das operacións de «falsa bandeira» aos que tan afeitos estamos na cultura galega. Declarouse sempre nacionalista galega e feminista, con coraxe sutil fronte a tanto tabú: «Deixarei de ser unha cousa e outra cando as nacións subxugadas non o sexan e as mulleres discriminadas non o estean». Denunciou a vella e a nova pobreza no hipercapitalismo da suposta abundancia. ¶ «En van nos sentamos a escribir se non nos erguemos para vivir», escribiu Henry David Thoreau no seu Diario. E Xela Arias ergueuse sempre para vivir, procurar outros xeitos de vida e facer ecoloxía coas palabras nun dobre sentido. Para darlle voz á natureza fronte ao espolio e a violencia catastral da cobiza. Mais tamén para frear o proceso de seca e desertización do idioma galego. Xela Arias deulle a volta á intimidación, histórica e presente, que sofre a lingua galega. Como escritora, como tradutora, como mestra, como cidadá, viviu co galego a experiencia do que dixo Singer do yiddish no seu discurso de aceptación do Premio Nobel: unha lingua que resistiu a adversidade transmitindo en onda marxinal, acada a condición de «lingua sabia e humilde de todos nós, o idioma dunha humanidade asustada e esperanzada». ¶ Xela foi todo iso e máis. A súa herdanza pertence a outra orde da abundancia: a da creación, a da lóxica do asombro, a da pulsión erótica, a de brincar por riba dos valados do conformismo. ¶ Cómpre dicir de Xela que, como creadora, foi quen de emprender a cuarta rebeldía, a de constituírse ela mesma, a súa obra, nun lugar independente, de metamorfoses, dun continuo re-existir. Ese xiro óptico extraordinario de ver as gaiolas históricas e como un lugar de fuga. A fuga non como un desentenderse: «Fúgome na fuga». ¶ Vemos a Xela como vangardista, como a poesía que ten a estraña obriga de ir na fura de diante. Mais Xela Arias non pertence a unha vangarda con etiqueta de pompas fúnebres. Xela Arias é, ela mesma. vangarda. A que segue a dicir verdades e enigmas que desequilibran.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail