A Coruña.- Universal Support, a empresa coruñesa de telemárketing cuxo director comercial é Ignacio Cárdenas, cuñado de Alberto Núñez Feijóo, facturou á Xunta por servizos prestados 15,2 millóns de euros de fondos destinados á loita contra o covid entre 2021 e 2022, cando Feijóo aínda era presidente de Galicia.
A pasada semana, Luzes-Público publicou que Universal Support, propiedade da multinacional Konecta e sen relación algunha co sector sanitario, fora adxudicataria de 12 contratos do Servizo Galego de Saúde (Sergas), tramitados pola vía de urxencia, por valor de 9,76 millóns de euros.
O obxectivo desas licitacións, sufragadas con cargo ao fondo de continxencia creado polo Goberno para que as comunidades autónomas puidese financiar as medidas anticovid, era a posta en marcha dun servizo de información cidadá sobre a epidemia de covid e dun call center para o rastro de casos da enfermidade.
Pois ben, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) desvelou que houbo máis contratos da Xunta con Universal Support, cuxa contía total superou os 15 millóns de euros nese período.
15.199.087,74 euros en 17 pagos
Luzes-Público tivo acceso á documentación que acredita a veracidade da información proporcionada pola formación nacionalista. Entre 2021 e 2022, o Goberno galego contabilizou, por diversos conceptos, polo menos 17 pagos a Universal Support nos exercicios de 2020 e 2021 que suman 15.199.087,74 euros.
O máis elevado (4,8 millóns de euros) corresponde aos servizos prestados entre xaneiro e maio de 2021 polo call center que tiña a misión de contactar con cada caso de infección polo virus SARSCoV-2, realizar a enquisa epidemiolóxica, atopar información dos contactos e realizar a vixilancia activa diaria de todos os contactos rexistrados en relación á covid19.
Universal Support cobrou á Xunta 1,9 millóns polo mesmo servizo entre o 1 de agosto e o 15 de outubro de 2020, e outro millón de euros por idéntico concepto entre o 16 de outubro e o 31 de decembro dese ano.
Entre xuño e outubro de 2021 facturou 2,95 millóns pola devandita prestación. Ademais, o Sergas abonou á compañía 1,35 millóns polo servizo de autocita telefónica para a vacinación da covid, e diversas cantidades, ata sumar os citados 15,2 millóns, para o reforzo do teléfono de atención cidadá; do servizo para a obtención do certificado de vacinación covid e da contratación das licenzas necesarias «para dar acceso seguro vía VPN a operadores externos á rede da Consellería de Sanidade / Servizo Galego de Saúde».
«Escurantismo»
A deputada nacionalista Olalla Rodil criticou onte o «escurantismo da xestión do PP na Xunta» e denunciou que as cifras do informe do Consello de Contas de Galicia sobre os contratos da Administración galega durante a emerxencia sanitaria nin sequera coincidan coa documentación que a Xunta proporcionou ao BNG.
Rodil tamén lembrou que, entre os anos 2018 e 2023, o Goberno do PP —ao mando de Feijóo ata maio de 2022 e, desde entón, con Alfonso Rueda á fronte— «adxudicou ao redor de 4.000 millóns de euros a dedo, con contratos menores que non foron sometidos a concurso público». Entre eles, 1.311 contratos adxudicados a Eulen, a empresa que dirixe en Galicia Micaela Núñez, irmá de Feijóo, e que multiplicou a súa facturación á Xunta durante os mandatos deste.
Universal Support pertence ao grupo Konecta, cuxo director comercial e de retail en Galicia é Ignacio Cárdenas Botas, irmán de Eva Cárdenas, parella do presidente do Partido Popular. Luzes-Público dirixiuse, sen éxito, a Cárdenas e ao PP para obter a súa valoración sobre as adxudicacións da Xunta á citada sociedade.