Os presos políticos da ditadura esixen a retirada de 45 símbolos franquistas en Ferrol

A Coruña.- O colectivo de presos políticos da ditadura reclamou ao pleno do Concello de Ferrol que retire antes das eleccións municipais do próximo mes de maio 45 símbolos franquistas das rúas da cidade e das institucións locais. Trátase de 24 distincións honoríficas; 17 placas, cadros, esculturas e escudos, e catro cales dedicadas a honrar a memoria de ministros e altos cargos dos gobernos de Franco así como a empresarios, militares sublevados, falanxistas, militantes de ultradereita e outras persoas que apoiaron o golpe de estado do 36 ou que participaron na represión posterior.

Entre os símbolos cuxa retirada se reclama figuran un retrato e un busto do anterior xefe do Estado, Juan Carlos de Borbón, así como a medalla de ouro que o Concello lle concedeu en 1982. Os presos políticos consideran que o monarca emérito non merece esas mencións porque «nunca condenou a ditadura franquista» senón que, ao contrario, «manifestou a súa admiración polo ditador», quen o designou o seu sucesor e a quen estaba «moi agradecido» por iso. Só seis días despois da morte do tirano e só catro días despois da súa propia proclamación como rei, na que recoñeceu expresamente «a lexitimidade política xurdida do 18 de xullo de 1936», Juan Carlos outorgou á súa familia os títulos do Ducado de Franco e o Señorío de Meirás.

A petición, que inclúe tamén que se inaugure antes do 28 de maio un Memorial das Vítimas do Franquismo xa previsto polo consistorio, realizouse na noite do pasado xoves durante o pleno municipal, no que os peticionarios só puideron tomar a palabra a partir das dez da noite. A súa petición só contou co apoio de Ferrol en Común (dous concelleiros) e do BNG (dous edís), mentres que o PP (12) votou en contra. O PSOE do alcalde da cidade, Ángel Mato, que goberna con oito escanos grazas ao apoio dos dous primeiros partidos, abstívose e anunciou que convocaría unha mesa coas vítimas da represión para estudar as súas reclamacións.

Entre os presos políticos do colectivo atópanse obreiros e obreiras, políticos, sindicalistas, intelectuais e profesores: , lembraron que tras o golpe de estado de 1936 o bando franquista asasinou a máis de mil persoas na comarca de Ferrolterra, entre elas os alcaldes Xaime Quintanilla Martínez e Alejandro Porto Leis, así como ao exministro da Armada e contraalmirante Antonio Azarola, xefe do Arsenal Militar da localidade e quen se mantivo fiel á República. Tamén que a represión durante a guerra e tras ela provocou «un xenocidio» de opositores políticos en Galicia e no resto do Estado.

O Concello de Ferrol.

Os símbolos denunciados homenaxean a persoas que tiveron que ver con aqueles actos. Entre moitos outros, o arcebispo franquista Bejamín de Arriba e Castro; os militares ou falanxistas Juan Cardona Rodríguez, Enrique Salgado Torres e José María López Ramón, quen fuel alcalde baixo a ditadura; aos ministros franquistas Gonzalo Fernández de la Mora, José María Martínez y Sánchez-Arjona; Manuel Lora Tamayo; José Vigón, Fernando Suárez de Tangil; y a empresarios como Pedro Barrié de la Maza, banqueiro e home de palla de Franco, e José María González Chairos, tamén militar, director de Bazán e fundador de Astano.

«Manter hoxe en Ferrol esa simboloxía franquista é unha ilegalidade e unha humillación para as vítimas do franquismo, tamén para os familiares daqueles militares que foron asasinados por defender o Goberno lexítimo da República», aseguran os presos políticos. Aínda que apoian e participan na construción dun Memorial das Vítimas de Franco, consideran que esa iniciativa é «contraditoria coa permanencia de rúas e distincións aos responsables daqueles crimes, que participaron na sublevación de 1936, na represión ou ocuparon cargos públicos relevantes na ditadura».

Os presos apoiaron a súa petición coa documentación que demostra que a permanencia deses símbolos é incompatible coa legalidade española, lembran que numerosos concellos de Galicia e de todo o Estado español, tamén moitos gobernados polo PSOE e o PP, retiraron rúas, placas, distincións e mencións das mesmas personalidades. Sosteñen, ademais, que non só vulnera a Lei de Memoria Democrática, senón tamén as normas internacionais ás que España está suxeita.

Nese sentido, lembran o texto da resolución 39 da Asemblea Xeral das Nacións Unidas do 12 de decembro de 1946: «En relación coa súa orixe, natureza, estrutura e conduta xeral, o réxime de Franco é un réxime fascista baseado no modelo da Alemaña nazi de Hitler e a fascista de Mussolini». «Queda en Alemaña ou en Italia algunha estatua, como a de Ferrol, que exalte a algún almirante ou contraalmirante da Armada nazi ou fascista?», pregúntanse.

O colectivo de presas e presas da ditadura está formado por Sari Alabau Albors, Ricardo Aneiros Sixto, Ignacio Fernández Toxo, Anxo Ferreiro Currás, José Loureiro Fernández, José María Freire Piñeiro, Antón Martínez Aneiros, Manuel Monge González, Raúl Pillado Lista, Xosé Piñeiro Arnoso, Francisco Rodríguez Sánchez, Alfonso Tellado Sande, Ramiro Tenreiro Pena, José Torregrosa Rodríguez, Fina Varela Fontán e José Villar Vergara. A petición que realizaron ao pleno do Concello de Ferrol está apoiada por unha trintena de sindicatos e asociacións da sociedade civil organizada, por unha vintena de historiadores galegos e por 45 escritores, intelectuais, artistas, militares e profesionais de diversos sectores.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail