Feijóo nas distancias curtas: de Marcial Dorado aos compañeiros de universidade que contratan coa súa irmá

O presidente do PP, cuxos gobernos multiplicaron as adxudicacións con Eulen, iniciou a súa carreira política como número dous da consellería que compraba ás empresas do narco o gasóleo para a calefacción dos hospitais galegos

A Coruña.- O mito de que a carreira política de Alberto Núñez Feijóo baséase en saber estar sempre no momento e no lugar adecuados vén abaixo cando se lembran as fotos no iate de Marcial Dorado. Unhas imaxes que non foron froito da bisoñez dun funcionario inxenuo ao que pillan nun renuncio involuntario, aínda que ese sexa o argumento que Feijóo e a súa contorna conseguiron instalar na opinión pública con axuda dos medios galegos aos que a Xunta financia con cantidades millonarias.

En realidade, o feito de que o presidente do PP e aínda presidente de Galicia mantivese durante anos unha íntima amizade cun dos máis reconocibles narcotraficantes do país, foi o resultado das relacións que ambos mantiveron grazas á posición de Feijóo nos gobernos de Manuel Fraga, dos que Dorado obtivo numerosas axudas, subvencións e adxudicacións de contratos públicos.

Feijóo, nacido en 1961 en Ourense, estudou dereito en Santiago e aprobou en 1985 a oposición de entrada no corpo de letrados da Xunta. En 1991, xa con carné do PP, iniciou a súa carreira política ao ser nomeado secretario xeral técnico na Consellería de Agricultura, que dirixía José Manuel Romay Beccaría. Cando uns meses máis tarde Fraga remodelou o seu Goberno e nomeou a Romay conselleiro de Sanidade, este levou tamén a Feijóo como secretario xeral e número dous dese departamento.

Aí empezan as relacións comerciais que levaron ao presidente do PP para establecer a súa estreita amizade con Dorado e os seus encontros, viaxes e paseos en iate durante os veráns nas rías galegas. Dorado era propietario de varias empresas de gasolineiras coas que fornecía aos pesqueiros, planadoras e camións cos que transportaba a droga, e que tamén lle permitían lavar o diñeiro negro procedente desas operacións. Naquela época, a consellería da que Feijóo era o número dous contratou coas empresas de Dorado a subministración do gasóleo para os hospitais da Xunta e a gasolina para as súas ambulancias, que aínda non foran privatizadas.

Marcial Dorado e Alberto Núñez Feijóo, no iate do primeiro

Feijóo e Dorado coñecéronse por mediación de Manuel Cruz, chofer de Romay e home de palla de varias das empresas do narco. En Ferrol chamábanlle Manuel Cruz Gamada polas súas vinculacións coa ultradereita nun grupo ao que na cidade denominaban os anos setenta e oitenta los cadeneros, porque usaban cadeas de bicicleta nas malleiras que propinaban a progres e sindicalistas. Dese círculo formaba tamén parte Arsenio Fernández de Mesa, delegado do Goberno de Aznar en Galicia cando a policía xudicial rexistrou o chalé de Dorado e descubriu o seu álbum de fotos con Feijóo.

Foi Fernández de Mesa, home de confianza de Romay e a quen Aznar convertería máis tarde en director xeral da Garda Civil, quen alertou a Feijóo da existencia desas fotografías. Pero a vinculación ferrolá non se termina en Manuel Cruz e Fernández de Mesa.

Segundo publicou no seu día El País, outro home de confianza de Romay e amigo de Feijóo, o ex alcalde popular de Ferrol e ex presidente provincial do PP da Coruña, Juan Juncal, exerceu de apoderado de Cruz para a compra doutra das empresas de Dorado que xa estaba a ser investigada por branqueo pola Audiencia Nacional. Juncal negou que soubese que Cruz estivese relacionado con Dorado. O primeiro nunca puido aclaralo, porque morreu en agosto de 1999 nun accidente de tráfico que La Voz de Galicia cualificou anos despois de «estraño».

Feijóo tamén negou sempre que coñecese as actividades ilegais de Cruz e Marcial Dorado. A última vez foi no ano 2018, nunha entrevista no programa Salvados de La Sexta. Jordi Évole lembroulle que cando compartían viaxes en iate e a súa consellería contrataba coas gasolineiras do narco, este xa aparecera en infinidade de portadas e informacións vinculado a operacións xudiciais e policiais contra o contrabando e o tráfico de drogas: máis de sesenta noticias en La Voz de Galicia, vinte en ABC, dezanove en La Vanguardia, dezaoito en El País

Cando este último medio publicou as famosas fotos no 2013, a entón portavoz de Alternativa Galega de Esquerdas no Parlamento de Galicia, Yolanda Díaz, preguntou á Xunta por aqueles expedientes de axudas e os contratos coas gasolineiras de Dorado. O Goberno de Feijóo respondeu á hoxe vicepresidenta do Goberno que os documentos foran destruídos tras quedar inutilizados por unha inundación no lugar onde os arquivaran. O lugar que ao parecer sufriu a inundación era un almacén dun instituto de Formación Profesional en Coia, en Vigo, a máis de noventa quilómetros da sede da Xunta.

A Xunta asegura que os expedentes dos contratos da consellería de Feijóo coas empresas de Marcial Dorado foron destruidos tras quedar inutilizados por unha inundación no instituto de FP no que se almacenaban

«Aínda lembro o frío que pasabamos no hospital porque a empresa de Marcial Dorado que distribuía o combustible non nolo levaba», lembra unha profesional sanitaria que traballou durante anos nos grandes hospitais de Ferrol e A Coruña.

Feijóo estivo moi vinculado sempre ao sector sanitario, non só polo seu cargo de secretario xeral da consellería de Sanidade de Romay e porque cando Aznar fixo a ministro ao seu mentor en 1996, este ascendeuno a secretario xeral de Xestión e Cooperación Sanitaria do Goberno central. Tamén porque a súa curmá Eloína Núñez Masid, case da súa mesma idade (Feijóo naceu en setembro de 1961 e ela en 1962, tamén en Ourense), estudou Medicina en Santiago nos mesmos anos nos que el sacaba a carreira de Dereito.

Unha das primeiras decisións de Feijóo cando chegou á presidencia da Xunta no 2009 foi nomear a Eloína, que xa fora concelleira do PP en Ourense, xerente da área sanitaria desa provincia, e no 2017, da de Santiago.

Varios dos responsables das consellerías de Sanidade de Feijóo e do Servizo Galego de Saúde (Sergas), como os xerentes doutras áreas sanitarias galegas e dos hospitais e centros de saúde que as integran, forman parte desa mesma xeración que estudou Medicina na Facultade de Santiago de Compostela. Moitos deles estaban tamén vinculados a Romay.

Hoxe a Xunta xa non contrata con Marcial Dorado, pero o Sergas si é o principal cliente público en Galicia do Grupo Eulen, a empresa que dirixe na comunidade Micaela Núñez Feijóo, irmá de Alberto e curmá de Eloína.

Feijóo coa sua irmá, Micaela

Da xeración de Núñez Masid é José Antonio Vilanova Fraga, nacido na Laracha (A Coruña) en 1961 e licenciado en Medicina en Santiago. Nomeado xerente da área sanitaria coruñesa en abril do 2013, menos dun ano despois adxudicou a Eulen o maior contrato que levou ata o momento, preto de 9,7 millóns entre a contrata inicial, as prórrogas e as modificacións.

Tamén pertence a esa xeración o sucesor de Vilanova, Luis Verde Remeseiro, nacido en Vila de Cruces (Pontevedra) en 1960, licenciado en Medicina en Santiago en 1984 e criado politicamente ao amparo de Romay. Tras ser concelleiro do PP no municipio coruñés de Abegondo, nos noventa foi accedendo a diversos cargos na consellería da que Feijóo era número dous e aos padroados das fundacións de varios hospitais públicos.

Cando chegou ao poder no 2009, Feijóo nomeouno xerente da área sanitaria de Ferrol. Apenas un mes e medio despois, Verde contratou con Eulen a limpeza do hospital Naval da cidade por 210.000 euros. No 2012 ascendeuno a xerente da área de Santiago, desde a que volveu asinar outra adxudicación de 380.000 euros. No 2017, Feijóo fíxoo xerente da Coruña, e puxo á súa curmá á fronte da de Compostela.

Un caso similar é o do doutor Javier Ventosa Rial, licenciado en Santiago en 1985, nomeado xerente de Atención Primaria en Santiago nada máis chegar Feijóo ao poder e quen poucos meses despois adxudicou a Eulen un contrato de máis de 150.000 euros.

Outro exemplo rechamante é o de José Ramón Gómez Fernández (Teo, Pontevedra, 1959), quen se licenciou en Medicina en Santiago en 1983. Nomeado xerente da área sanitaria de Pontevedra en febreiro do 2017, en abril dese mesmo ano adxudicou a Eulen un contrato de 1,36 millóns, no 2019 outro de 1,48 millóns, e no 2021 outro de 1,54 millóns. En total, 4,4 millóns de euros.

Varios dos xerentes e cargos do Sergas que adxudicaron a Eulen contratos millonarios son da mesma xeración que Feijóo e a súa prima e estudiaron Medicina con ela mentres él sacaba a carreira de Dereito

Formalmente, os nomeamentos deses altos cargos sanitarios nos primeiros anos de Goberno de Feijóo corresponderon á súa primeira conselleira de Sanidade, Pilar Farjas (Samper de Calanda, Teruel, 1960). Non foi compañeira de carreira de Núñez Masid nin puido coincidir con Feijóo en nos seus tempos universitarios en Santiago porque estudou en Zaragoza. Pero empezou a traballar de médico na Coruña, tamén creceu politicamente ao amparo da consellería de Romay e do ministerio de Sanidade de Ana Pastor e, xa con Feijóo á fronte do PP galego, foi concelleira da Coruña e deputada provincial.

A sucesora de Farjas foi Rocío Mosquera (Gomesende, Ourense, 1956), tamén licenciada en Medicina en Santiago, xestora en diversos postos na Consellería de Sanidade de Romay nos tempos de Fraga e nomeada por Feijóo xerente do Sergas á súa chegada á presidencia no 2009. Mosquera foi a impulsora dunha purga na sanidade galega, mediante a que Feijóo se desfixo de varios xefes de servizo de distintos hospitais, mediante oposicións amañadas para entregar eses postos a galenos afíns, e que logo foron anuladas pola xustiza.

Un dos casos máis soados foi o da que adxudicou a xefatura do servizo de Cirurxía Xeral do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago a Manuel Bustamante, esposo de Mosquera, cando esta era xerente do Sergas. O represaliado foi o doutor Evaristo Varo, que denunciara a negativa do Sergas para financiar o medicamento que precisaban os seus pacientes contra a hepatite C. Moitos deles morreron.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulou no 2014 aquela oposición, que declarou manipulada para dar a praza ao marido de Mosquera. Feijóo cesouna no 2015, pero aos dous anos nomeouna xerente de Galaria, a empresa pública creada pola Xunta para privatizar os servizos de tecnoloxía sanitaria. Feijóo anunciou o seu nomeamento un mes antes de que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicase a suposta convocatoria para cubrir un cargo remunerado con preto de 70.000 euros anuais.

Luzes-Público contactou con dous ex altos cargos dos hospitais galegos, que confirmaron que era habitual que os xerentes recibisen indicacións da Administración sanitaria para que adxudicasen contratos coas empresas do Grupo Eulen, e que a irmá do presidente os contactase en persoa para facer valer a súa influencia en determinados concursos.

«Repartíronse prebendas entre eles e consolidaron un círculo con moito poder», asegura unha desas fontes, quen asegura que a algún xerente de hospital custoulle o posto non entregar un concurso á empresa da irmá de Feijóo.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail