O sol de Hamelín

Cara ao sol non se pode distinguir o inimigo. Por iso, o mal tempo alégrame. Se chove sorrío. Onte nevou un intre e estiven de bo humor. Pero este sol de hoxe inquiétame, dáme medo. Desde hai unhas semanas, desconfío do bo tempo. Lin nalgún lugar que os crimes máis atroces cométense a plena luz. Cando o día é luminoso é coma se a xente esquecese as consecuencias da catástrofe. Entón o virus campa ás súas anchas. Parece coma se a luz deslumbrante nos reiniciase o disco duro e milagrosamente xa non houbese restricciones que cumprir; nin pandemia, nin necesidade de quedar na casa.

Der Spielplatz. Foto: Ben Kaden (CC BY 2.0).

O norte de Alemaña é unha fiestra gris. En Berlín dependendo dos puntos cardinais, leste ou oeste, esa fiestra pode estar adornada de cortinas impolutas ou pola contra, amarillenta de anos de nicotina de «lungentorpedo». Os chamados torpedos de pulmóns eran os cigarros Karo, o fortísimo tabaco negro que se producía na DDR, sen aditivos nin conservantes, capaz de repintar de ambarino a cor de calquera obxecto. Xa sexa a través dunha fiestra pulcra ou roñosa, a cuestión é que nestas terras a luz é unha rareza. Así que cando se digna a asomar, saímos á rúa cegados, todos a pasear, cara ao que agora pode ser a nosa perdición.

O Goberno alemán aconsella non saír, pero é só iso, un consello benintencionado. Con todo, o brillo céganos, atráenos inexorablemente como a música do flautista de Hamelín. Unha vez visitei esa cidade preto do río Weser na baixa Saxonia. Recordo o lugar como imaxinara que sería cando lin o conto dos Irmáns Grimm. Un pobo pequeno de aspecto inofensivo, amable, case insignificante e á vez o escenario dunha traxedia insólita. Segundo a lenda, un día radiante de xuño de 1284 desapareceron 130 nenos que vivían no vello Hamelín. Na praza máis céntrica do pobo hai unha estatua que conmemora o flautista dos Grimm, que os salvou das ratas e que na súa versión máis politicamente correcta, regresou cos nenos sans e salvos.

Ilustración de Kate Greenaway para o The Project Gutenberg EBook The Pied Piper of Hamelin, de Robert Browning.

Con todo, aínda que na historia da baixa Saxonia o incidente se recorda de diferentes xeitos, en ningunha versión se volve ver os nenos. Sinxelamente, evapóranse. Nun vitral da igrexa do pobo do ano 1300, pódese albiscar a figura do flautista rodeado de rapaces. Segundo algunhas fontes, os rapaces morreron vítimas dunha epidemia, dunha avalancha, afogáronse no río ou foron reclutados para traballar no leste de Europa. O caso é que se esfumaron.

Foto da garda de Bergen-Belsen Irma Grese (1923-1945) en Celle en espera de xuízo (agosto de 1945).

O peculiar deste conto é que logo da Segunda Guerra Mundial, nese mesmo Hamelín sucedeu outro asunto escabroso. O 13 de decembro de 1945, un día extraordinariamente brillante para esa estación invernal, foron executados once dos acusados do xuízo por crimes de guerra e contra a humanidade, cometidos nos campos de concentración de Bergen-Belsen e Auschwitz. Os aliados británicos tiñan un comando militar no pobo do flautista e alí leváronse a cabo as condenas a morte. Entre os aforcados ese día estaban Josef Kramer, «a besta de Belsen», o oficial das SS que lideraba o campo de Bergen-Belsen e a súa amante, a moza celadora Irma Grese. De aspecto infalntil, pel de armiño, melena loura e dentadura brillante, con só 22 anos a estudante de enfermería Irma Grese xa se labrou unha reputación de sádica sen escrúpulos, torturando e supervisando a golpe de látigo os prisioneiros de campos de concentración como o de Ravensbrück; un campo só para mulleres, onde acabaron moitas españolas (entre elas a sobreviviente galega Mercés Núñez Targa). Segundo os testemuños das súas vítimas, Grese parecía unha personaxe dun conto de fadas, un fermoso «anxo da morte», «a bela besta». No entanto ao final da guerra a súa aparencia non lle serviu de moito. Tivo o honor de ser a persoa máis nova executada polo goberno británico no século XX. O cadáver de Irma Grese foi incinerado e as súas cinzas esparcidas nas augas do Weser. Exactamente o mesmo río onde, segundo o conto orixinal dos Irmáns Grimm, o flautista de Hamelín se vingou do pobo, afogando a todos os seus nenos, un día de sol radiante coma hoxe.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail