O ‘lagarto’ noxento

Escoitei con horror as gravacións que unha subalterna lle fixo ao comisario Emilio de la Calle. Á brutalidade coa que este comisario, alcumado «o Lagartijo», lle fala á súa subalterna deixa claro que o tipo está afeito a ir polo mundo repartindo hostias, con dous collóns. É dicir: con impunidade.

No noso país a impunidade parece ser unha característica que teñen a maioría dos varóns con uniforme (incluído o emérito). Nos estados onde o patriarcado segue gobernando (léase: a maior parte dos países do mundo), cando un varón accede a un posto político, militar ou policial, outórganlle un superpoder (unha aura que só ven entre eles) que lles dá licenza para facer e desfacer segundo lles saia da entreperna.

A impunidade galopante deste «lagarto», a facilidade de palabra que demostra no uso dos adxectivos pexorativos, fai pensar que o saurio leva moito tempo practicando as súas dotes eruditas. A pregunta é quen puxo aí este impostor, quen lle deu trampolín a este personaxe que lle chanta á súa subalterna cousas como «rebéntote, déixote coma un anaco de carne», «non me volvas tocar máis os collóns», «retrasada mental», «vai á merda», «o que che saia da cona morena», «da casiña vense chorado e cagado», «levas toda a puta vida á sombra de…» ou «que fago?, pégoche?, douche unha hostia?».

A lingua de abusador deste tipo parece sacada dos Mandamentos do bo falanxista. Cando a muller lle di que está moi nerviosa, o tipo respóndelle que tome un Valium.  Cada vez vanme dando máis rabia os comportamentos dos abusadores. O ton paternalista cheo de insultos e ameazas co que fala este réptil é absolutamente inadmisible, non só aquí, senón tamén na China. O que pon a pel de galiña é a tranquilidade de psicópata con que ameaza, abusa e insulta a muller.

Digo eu que neste país noso de Pepe Goteras e Toque-me-roques no que todas as semanas se pode ler un caso de abuso sexual ou asasinato dunha muller, alguén terá que facer o seu traballo e averiguar como chegou este espécime a ser comisario. Como chegou este energúmeno a ter subalternos? Como este tipo pode ser responsable de nada? Dá moito que pensar o que recoñece na gravación mentres insulta e ameaza a subalterna: «A min non me procesou ninguén na miña puta vida. Tivemos que secuestrar xente…, fixemos barbaridades…».

Se vivísemos nun país onde dous máis dous son catro, alguen tería que investigar as orgullosas afirmacións deste lagarto. Porque se a el mesmo lle parece que fixeron barbaridades, non me atrevo nin a imaxinar o que farían. Que noxo de xente.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail