A CRTVG retira a sanción coa que ameazou á xornalista que denunciou a súa cúpula por acoso

A Coruña.- A dirección da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), que dirixe Alfonso Sánchez Izquierdo, acordou retirar a sanción que impuxo en febreiro de 2023 á xornalista que se querellou por acoso contra o director xeral e a súa cúpula, á que un xulgado do Penal de Santiago procesou por un delito contra os dereitos das traballadoras por sometela a unha campaña de persecución moral e profesional pola que padece graves danos psicolóxicos.

A sanción, que o comité de empresa considera unha represalia pola querela, expresa unha amonestación escrita no seu historial por ausentarse do seu posto de traballo previa comunicación á dirección para acompañar o seu pai, ancián de 92 anos, desde o hospital á residencia de maiores. Sucedeu ás poucas semanas de reincorporarse dunha baixa motivada precisamente por situacións similares que ela relacionaba co mobbing que dicía padecer, e cuxos detalles poden lerse nesta información de Luzes-Público.

A sanción non foi comunicada previamente ao comité, como establece o convenio colectivo da CRTVG, cuxo director de recursos humanos, Víctor Tubío, un dos imputados, asinou sen tomarlle testemuño nin preguntarlle a súa versión. No encontro posterior co comité para informar dos feitos, recoñeceu que nin sequera coñecía a traballadora nin ao 99% do persoal, tal e como se recolle na gravación da reunión á que tivo acceso Público.

A dirección da compañía asegura que ofreceu deixar sen efecto a amonestación «tras detectar un posible defecto de forma no procedemento de comunicación» da súa decisión. A traballadora, que a recorrera ante a Xustiza, aceptou a oferta, segundo a acta de conciliación asinada este venres no xulgado do Social número 4 e á que tamén tivo acceso este diario.

Segue o proceso penal

O acordo cancela a vista oral que ía celebrarse este martes, pero non o procedemento penal contra os directivos, cuxa instrución segue adiante no xulgado de Instrución número 1 de Santiago. A súa xuíza, que ofreceu á xornalista a protección da Oficina da Vítima, xa tomou testemuño aos nove directivos imputados e interrogará o vindeiro xoves outros dous traballadores coñecedores dos feitos.

Con respecto ao primeiro procedemento, a CRTVG transmitiu a Luzes-Público que a acta de conciliación «expresa de forma literal que se deixa [a sanción] sen efecto por motivos de forma ‘sen entrar no fondo do asunto’», é dicir, no acoso e as represalias que a xornalista denunciou.

A muller, con máis de tres decenios de antigüidade, foi trasladada en 2018 desde o departamento comercial á redacción da Radio Galega. Denunciou á empresa en dúas ocasións nos xulgado do Social, que fallaron na súa contra en 2020 e 2021. Por mor desas desestimacións, empezaría a sufrir as represalias que relata na querela que presentou en maio de 2023 e que motivou a imputación de Sánchez Izquierdo e os seus directivos.

En xullo de 2019, os problemas que describía motivaran unha primeira baixa laboral por incapacidade temporal da que non recibiu a alta ata decembro de 2020, e unha segunda entre novembro de 2021 e novembro de 2022. Tres informes doutros tantos médicos –un psiquitra privado, outro do Servizo Galego de Saúde e a responsable dos servizos sanitarios da CRTVG– advertiron que os seus síntomas eran compatibles coa situación de acoso que describía.

Conciliación

Ao pouco de regresar da última baixa, en xaneiro de 2023, a dirección rexeitou a súa petición de dispoñer dun día de asuntos propios para recoller o seu pai dependente no hospital e acompañalo á residencia. Ao non dispoñer doutras posibilidades de conciliación, informou por escrito de que entón libraría seis horas con cargo ao permiso de acompañamento a citas médicas de familiares, que non precisa de máis trámites que a mera comunicación á empresa.

A traballadora alega como un dos instrumentos do mobbing que padecía que os seus xefes case nunca a convocaban ás reunións da redacción nin lle daban carga de traballo. A véspera do día do ingreso do seu pai, con todo, o seu responsable directo na radio díxolle que xustamente a seguinte xornada contaban con ela para dar a información do tempo e o tráfico no streaming do programa matinal.

O presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, co director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, nunha imaxe de arquivo / Foto: Xunta

A xornalista, preocupada pola fraxilidade da súa situación emocional para aparecer nunha emisión en directo, rexeitouno porque ademais non cobraba o plus que si gozan os compañeiros que aceptaron voluntariamente aparecer en pantalla. O seu xefe cualificou a súa actitude de «outra frikada máis», o que tanto ela como varios dos seus compañeiros e o comité de empresa interpretaron como un ataque persoal pola querela que interpuxera contra Sánchez Izquierdo.

O día que trasladaban o seu pai, presentouse no seu posto de traballo ás 7.30 da mañá, e, tal e como comunicara á dirección, que non lle encomendou tarefa algunha, ausentouse unha hora despois para acudir ao hospital, acompañar o seu pai en ambulancia á residencia, cumprir os trámites administrativos que o seu ingreso requiría e informar os responsables do centro das necesidades médicas do seu proxenitor.

Sanción por abandono do posto de traballo

Catro días despois a empresa comunicoulle que a sancionaba cunha amonestación escrita por «infracción disciplinaria por abandono de posto de traballo sen causa xustificada», mediante un escrito no que o director de recursos humanos, Víctor Tubío, a instaba a «manter unha actitude que contribúa de maneira positiva ao desenvolvemento positivo dunha contorna de traballo adecuado».

Días despois, Tubío reuniuse co comité de empresa para informalo da sanción un vez interposta, e mantivo un debate en ton por momentos elevado con varios dos seus membros. Entre eles estaban o entón presidente do comité intercentros, Santiago Alvite, delegado da Confederación Intersindical Galega (CIG), e Raquel Lema, da Central Unitaria de Traballadoras (CUT), hoxe nese posto.

Luzes-Público transcribiu varios momentos da gravación da reunión, que durou ao redor de media hora, e que se expoñen a continuación:

«Insultar unha persoa é violencia psicolóxica»

Santiago Alvite (CIG)Insultar unha persoa é unha violencia psicolóxica, é violencia psicolóxica.

Víctor Tubío (CRTVG).– Dicir que é unha frikada é violencia psicolóxica?

S. A.– É algo moi grave que sofre, ponte serio cos xefes. Hai un problema aí, un xefe non pode dicir calquera cousa. Eu tamén podo levantar a voz, sei levantar a voz, entón non digas que iso é un tema delituoso, non sei o que é…. Non sei.

V. T.Non o vou asegurar. É que eu non o vou asegurar, a min desde logo nisto non me queda claro.

S. A.–Sabemos que é grave, que un coordinador lle diga a unha traballadora «outra frikada». «Outra frikada» que quere dicir? Que houbo máis frikadas anteriores? Cales son as frikadas anteriores?

V. T.Non o vou a asegurar. É que eu non o vou a asegurar, a min desde logo nisto non me queda claro.

Raquel Lema.– A denuncia de acoso.

V. T.Estades dando por certo que ocorreu así.

«Tes os feitos un pouco mal contrastados»

S. A.– A traballadora entrou ao seu posto de traballo. Ás oito e media mandou unha comunicación dicindo que ten un deber inescusable.

V. T.– Esa comunicación non existe. A min non me chegou.

S. A.Si existe esta comunicación da traballadora, como que non a tes? Denegada ás dúas e media da tarde. Ás dúas e media da tarde. Cando ela foi recoller o seu pai a Lugo.

V. T.Eu creo que tes os feitos un pouco mal contrastados. É que non é tal cal.

«Non coñezo o 99% do persoal»

R. L.– Instóuselle a que no sucesivo manteña unha actitude laboral que contribúa de maneira positiva ao desenvolvemento dunha contorna de traballo idóneo. Pero, por favor, isto que ton é? Isto que tipo de amonestación é? En que vos estades convertendo que nos tratades como a nenas? A unha señora como [o nome da traballadora] coa traxectoria que ten… Dá igual que podía ser un chacarita da categoría que fose, isto non é de recibo.

V. T.Non coñezo nin a [a traballadora] nin o 99% [do persoal].

«Fas unha amonestación e vaise de rositas?»

V. T.– Home… Imos ver, podes pensar o que queiras, pero esa nota [a da amonestación] fíxena eu, se cadra non moi acertadamente pero no fondo si acertadamente, quero dicir que os feitos son certos, a cualificación entendo que é correcta e a pena é bastante laxa para o que podería ser.

R. L.Tiña que ir o pai nunha ambulancia só, non? Só desde un hospital onde lle dan a alta. Que todos temos pais! Algúns tédelos vivos, que non é o meu caso! Pero cando lle dan a alta hospitalaria ao teu pai para metelo nunha residencia, iso que tipo de…?

V. T.Iso é unha cuestión… Agora imos entrar nunha cuestión que xa me gusta máis, de ámbito interpretativo da norma.

S. A.Que ademais lle ides quitar un día de asuntos propios, que é o que tiñades que facer [terllo dado] sen máis polémica, sen máis polémica.

V. T.É que se non [ri]… É que se non [ri]… Fas unha amonestación e vaste de rositas?

«Desproporcionado? Estás de coña?»

V. T.Desproporcionado? [ri] Estás de coña, non? Que me digas que é desproporcionada a sanción mínima!

S. A.A sanción mínima pode contribuír psicoloxicamente á agresión a unha persoa porque por moi mínima que sexa, psicoloxicamente, por moi mínima que sexa vai atentar contra a saúde psicolóxica da traballadora, é así, isto tamén. Sabedes o que lle estades facendo.

V. T.Mira, non coñezo esa persoa de nada, nin fisicamente. Posme nunha roda de recoñecemento e non a coñezo de nada.

«Non estamos a falar de sensibilidade»

V. T.Mira, eu de sensibilidade… Por favor… Non estamos a falar de sensibilidade.

R. L.Ti tamén entras a dicir que é unha fricada ser sensible?

V. T.– Non sei, home, non sei. Eu estou afeito a traballar en multitude de sitios e desde logo nunca me ofendería. Ben, en todo caso…

R. L.– Non se pode consentir iso.

S. A.Que che digan «unha frickda», «outra frikada»?

V. T.Non, eu síntoo moito, pero nin me ofendería, e de momento… Como moito contestaríalle «Oe, ti!» [ri].

S. A.– Ademais que é unha persoa cos antecedentes que ten, antecedentes de saúde… Que ten, de saúde…

V. T.Eu descoñezo os antecedentes de saúde que ten.

R. L.Non os podes descoñecer, non os podes descoñecer, non pode ser…

V. T.Pois descoñézoos totalmente.

R. L.Non os podes descoñecer.

V. T.Pois descoñezo. Síntoo moito, pero descoñézoos. Sei que estivo de baixa pero non o motivo, non sei por que. Por favor, eh? Non o sei, eh? Non sei.

S. A.Enviou unha nota interna á dirección de recursos humanos onde di claramente por que estivo de baixa, non? Porque estivo de baixa.

V. T.Non sei, a ver, non miro esas cuestións, non me incumben.

S. A.É unha cuestión desproporcionada, Víctor.

V. T.– Ben… Desproporcionada, pero eu…

S. A.Deberiades reflexionar porque estades a sacar isto fóra dos límites do razoable.

V. T.– Se é sacar fóra dos límites do razoable meter unha sanción… Meter unha sanción de amonestación? Entón imos ben…

En abril de 2024, o pai da traballadora que denunciou o acoso, e que segue de baixa, faleceu. Segundo puido saber Luzes-Público, a dirección da CRTVG enviou un centro de flores ao seu velorio.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail