Juan Carlos Valle, Karlotti, dedicoulle este poema a Rafael Pillado con motivo da súa morte. O texto foi lido polo seu autor no enterro do líder sindical ferrolán.
«Non río da morte.
Porén coñezo a súa
branca casa, coñezo a súa
branca vestimenta, coñezo
a súa lentura e o seu silencio.
Velaí, a morte non
me visitou aínda,
e vostedes preguntarán: que
coñeces? Non coñezo nada.»
JAVIER HERAUD
«Endexamais vos direi ADEUS,
á vosa cita non faltarei.»
É impagabel este día eterno sen ceos troquelados
dunha «fe adorábel que o fado blasfema»
sen un só deus verdadeiro
e sen xaculatorias do medo e a amargura.
Unha bandada vermella de mans clandestinas
acompaña esta rexa tristura
porén tamén ondean albos manteis
de apertas comestíbeis.
Hoxe
un soño que non dorme
repousa con toda o cansanzo do mundo
nos ollos desorbitados de escuitar
como cedes a vida
o seu son de semente
co peso xusto
a indomábel sabenza
por exemplo, de amar de pé,
sen concesións.
Hoxe a cidade ten os pés fríos e toda
(ela é unha vermella periferia
onde ninguén pide esmola
nin implora unha vixilia de avemarías e trompetas
así e todo
hai unha colleita no aire
de propicias primaveras
que nos obriga a estibar esta urxente dor.
Hoxe
os guindastres e as rúas apértanse
até facer da dor, sal groso
e un desamparo de xanelas conxeladas
atinxe os reloxios
agora boquiabertos.
Hoxe
até as pedras
cancelan o seu silencio
e un monólogo atroz descende deica a beira
asolagando o que queda deste día sen ósos.
Até os mercachifres pecharon
os seus almacéns de promesas
e abre o mar a súa magnífica colleita
de soles maduros e naufraxios
e non por decreto xaxúa o crepúsculo
un hoxe sen présa
e plaxia o teu nome
a lembranza das árbores.
Un silencio pulido de espellos
multiplica até non dicir basta
unha orfandade que herda
o teu teimoso e fiel apego
ao xénero humano.
Hoxe a mentira tórcese e avergoña
e dálle as costas á voz de seu amo e lastimeira
agocha
nos faiados da piedade.
A luz esgalla en dous o pan
mentres crepita á porta do forno e lóuvanos.
Vallejo dixo que hai na vida tan fortes bateduras
que todo o vivido empoza na ialma
e por un intre sen palabras
cruzamos o país da túa ausencia
e xa estás aquí de novo
os risos dos nenos son flores
nos corazóns que se erguen humildosos
altivos
rimando os seus latexos
con todas as convocatorias que nos deixan nas rúas
unha vez máis abertas
ás músicas de todos os pasos
tantáns acesos de carraxe de rabia e de inocencia.
Amigo compañeiro Rafael
camarada de madrugadas a mans dadas
de unha en unha
sen a menor dúbida
fundiremos toda esa parafusería da morte
e a súa letal papiroflexia de amianto.
Maldita sexa a externalización da miseria
e o seu pulero negocio de ferralla.
Nós somos do aire libre, libres
e gustamos de soñar espertos
para que sigas vivo en cada berro de resistencia e riso
que demos sen descanso.
Que daría eu por ter todos os versos libres
e as palabras recén traídas do silencio
para así poder estar á altura do vermello emblema dos feitos
a mesmísima vida rimando con noites e días
namentres arde o esquenzo na túa lembranza.
E así, con todo o presente por diante
dun só tallo
remato con esta poesía que nos treme.