Caso Ferrovial: co caso Ferrovial, a metade dos medios e da clase política española descubren de pronto que as grandes empresas van onde queren a pagar (ou a non pagar) os impostos, independentemente de onde traballen. Non se estrañarían tanto se reparasen en que iso foi o que fan as empresas que teñen sede social en Madrid e fan os cartos en Galicia. A outra metade da clase política e mediática parécelle moi ben que unha multinacional que lle meteu un pufo á facenda pública de 200 e pico de millóns e está pendente doutras sentencias se vaia aos Países Baixos.
E falando de facer os cartos nun sitio e levalos cara outro, Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro comentan tamén o plan que a ministerio de Teresa Ribera se sacou dun caixón, poñendo muiños eólicos no mar onde lle presta. Máis da metade fronte das costas galegas. O presidente Rueda quéixase de que non contan con el, e que non é plan, pero si que o é (polo menos administrativamente.
E para rematar, a alegría de que a ditadura iraní liberase á coruñesa Ana Baneira do cárcere onde levaba catro meses por participar nas manifestacións de mulleres, e a sorpresa de que a diplomacia española non consiga un éxito similar co Pablo González, o xornalista español que leva un ano en prisión preventiva, illado, nunha prisión dunha democracia integrada na UE como Polonia. Neste caso, a resposta si que non está no vento. Nin en lado ningún.