En Bruxelas estamos acostumados ás crises existencias que periodicamente asolagan o proxecto comunitario. Hai anos a eurozona estivo a piques de romper por Grecia; logo chegou a crise dos refuxiados que quebrou as costuras morais dun continente indiferente ás mortes de persoas no Mediterráneo; de súpeto un referendo no Reino Unido restoulle ao barco comunitario o seu segundo oficial por importancia e, en todos estes anos, o rumbo foi escorando cara a extrema dereita por mor de pesos mortos propios como o húngaro Orbán ou externos como o turco Erdogan.
A derradeira crise que estamos a vivir en Bruxelas é a dos próximos presupostos da UE, unha loita que chega de cando en cando, cada sete anos, ao ter que pactar os ingredientes e as porcións do pastel millonario que a UE entrega a cada convidado do seu club. Cada socio chega á mesa cos seus gustos, ben sexa máis diñeiro para a agricultura, para a investigación innovadora ou para o control das fronteiras.
E así, co Brexit que resta 13.000 millóns de euros anuais británicos e as feridas dunha crise económica que agravou a tendencia a reducir o público en favor da iniciativa privada e o aforro, chegamos á nova loita existencial que vive a UE no deseño dos seus próximos orzamentos, os do período 2021-2027.
A última proposta que discutiron hai pouco os gobernos da UE fracasou en todas as súas frontes. Supuña profundar os recortes destes fondos comunitarios, segundo o deseño do ano pasado feito pola Comisión Europea, unha mordedura aínda maior en comparación coas grandes cifras que quere o Parlamento Europeo. «Fáltannos 230.000 millóns de euros», denunciou o presidente da Eurocámara, David Sassoli.
E nesta loita, Galiza olla con preocupación a distribución dos fondos e o importe total, porque os poden deixar aínda peor do que o facían as estimacións iniciais de 2019. Os responsables teñen nome e apelidos, comezando por Charles Michel, presidente do Consello Europeo, institución da UE onde están representados todos os gobernos.
O belga quere pouco máis dun billón de euros a distribuír entre 2021-2027. Poden parecer moitos cartos pero apenas acadan o 1,074% da Renda Nacional Bruta de toda a UE. Son insuficientes para a meirande parte dos países, incluídos España, Portugal, Italia, Polonia ou Hungría, e tamén son demasiados para o grupo dos catro frugais –Países Baixos, Austria, Dinamarca e Suecia– mentres Alemaña e Francia, as dúas grandes potencias, evitan pronunciarse.
E canto deste diñeiro chegará a Galiza? Pouco, porque ao recorte que procuran os amigos da austeridade engádese a mellora da economía galega en relación con outras rexións europeas, principalmente do leste continental, onde os niveis de renda per cápita son inferiores aos galegos. Unha situación que afonda a vivida en 2014 cando países como Polonia, Hungría, Romanía ou Bulgaria contabilizaron para a distribución do diñeiro de Bruxelas e Galiza pasou de ser «rexión en transición» a «máis desenvolvida» para a recepción destes fondos europeos.
A perda de cartos comunitarios para Galiza pode chegar case á metade do que obten agora. De 2.700 millóns de euros a só 1.275 millóns nos vindeiros orzamentos comunitarios, segundo os cálculos da Xunta. Das anteriores partidas, os fondos FEDER de desenvolvemento rexional e os da Política Agraria Común son os que máis caerán. A proposta de Michel contempla un 12% menos para os primeiros e outro 14% nos da famosa PAC.
Galiza pode perder case a metade do que obtén agora. De 2.700 a só 1.275 millóns nos vindeiros orzamentos comunitarios, segundo cálculos da Xunta. Os fondos FEDER e os da PAC son os que máis caerán
Menos diñeiro en pagos directos ás explotacións agrarias ou para a construción de infraestruturas, menos diñeiro para atender o despoboamento do rural ou menos diñeiro na financiación de proxectos xigantescos como o Porto Exterior de A Coruña, que recibiu 257 millóns entre o 2000-2006 e outros nove millóns entre o 2007-2013.
Este impacto non só afecta as obras faraónicas. España obterá pouco máis de 300 millóns de euros dos fondos para axudar á transición medioambiental coa que reducir as emisións contaminantes. Diñeiro a repartir entre Galiza, Asturias, Andalucía, Castela e León e Aragón, onde se atopan as centrais térmicas que aínda hoxe queiman carbón ao produciren enerxía. Mentres que a planta de Cerceda xa vai camiño de pechar, a de As Pontes aínda non ten claro o seu futuro e podería conseguir parte deses fondos.
Mais o outro gran problema é propio de Galiza e afecta á execución dos fondos. Dos 1.100 millóns de euros prometidos na última partida FEDER só se executou un 25%, unha porcentaxe semellante ao gastado dos 320 millóns dispoñibles no Fondo Social Europeo, que apoia inversións en garderías ou axudas á dependencia. E dos pouco máis de 900 millóns para desenvolvemento rural, a execución só acadou un 50%. Velaí a explicación de por que a ría do Burgo segue sen dragarse, que non é culpa da teima holandesa ou alemá cos recortes.