Antes morta que atendida

Este sábado foi a final do Benidorm Fest e eu confirmei, de certo, que xa son unha señora. Gañou Melody, que representará a España en Eurovisión o vindeiro 17 de maio. O Día das Letras Galegas, que ademais este ano homenaxean as cantareiras. Non sería unha xornada espectacular para que as nosas representantes fosen as Tanxugueiras? (Comentario de persoa que segue aldraxada co Benidorm Fest de 2022, perdoade).

Pero non ratifiquei que son unha señora porque siga ofendida con algo que pasou hai tres anos, toda unha eternidade nestas cousas do espectáculo e a frivolidade, senón porque estiven polo menos 48 horas crendo que Melody e María Isabel eran a mesma persoa. Corrixiume unha amiga cando lle comentei que a canción gañadora non me gustaba, pero que me alegraba pola cantante: tras os seus éxitos infantís, tivera que retirarse un tempo por saúde mental. «Despois de gañar Eurovisión Junior, xa só se pode ir cara abaixo. Iso ten que ser difícil de xestionar, máis se comezas a túa carreira tan pequena», sentenciara eu coa firmeza atrevida que só pode dar a idade. «Pero esa non era María Isabel?», preguntou ela. Corenta e oito horas pensando que El baile del gorila e Antes muerta que sencilla eran da mesma artista.

A María Isabel sempre a temos presente os e as fans eurovisivas porque nos deu a única alegría desde 1969. En 2004 proclamouse gañadora do festival EuroJunior con aquel himno indiscutible do espírito español que bailamos todos os colexios do Estado na festa de fin de curso: Abre la puerta que nos vamos pa’ la calle, que a quién le importa lo que digan por ahí. Pasaron 20 anos, pero aínda lembro a letra perfectamente. Aprendina na mesma época na que interioricei o Nosopai, supoño que con esa idade hai cousas que quedan dentro e nunca se van. Pregúntome que cousas do éxito temperán deixarían a súa pegada imborrable nesas pícaras que eu fusionei nunha soa: María Isabel tiña 9 anos cando se converteu na nena máis famosa de toda España con permiso de Melody, que catro anos antes, con 10, revolucionara o panorama musical cun baile onde o paso estrela era rañar as axilas.

A primeira afastouse dos focos en 2021 por problemas de saúde mental. Nunha entrevista para La Voz de Galicia afirmou: «Yo ya llevaba muchos años con ansiedad y arrastrando problemas de salud mental. No es que me llegase cuando paré. Decidí parar porque había llegado al punto en el que ya no podía más».

Cando a xente famosa fai este tipo de afirmacións non podo evitar pensar na sorte que teñen. Como a tiven eu, porque meus pais, cando o necesitei, tiñan cartos abondos para pagarme a terapia. Hai un par de semanas, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia alertou de que acceder a unha primeira consulta de psicoloxía clínica no Sergas podía demorarse ata un ano (na Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela e Vigo), e que o tempo entre consultas era de, mínimo, mes e medio.

Fonte: Colexio de Psicoloxía de Galicia

Como señora que son, penso en cando saquei o carné de conducir aló polo Plistoceno e, no psicotécnico, me preguntaron se algunha vez tivera pensamentos autolesivos. «E quen non?», foi o primeiro que me veu á cabeza, mentres os meus beizos o negaban. Quedar sen carné de coche na Mariña é coma ter un psicólogo que te atende aos tres, cinco ou nove meses cando sofres ideacións suicidas. É ficar antes morta que atendida.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail