O que ficou na retina histórica despois do asalto ao Capitolio é, entre outros, un arroutado con tocado de cornos de bisonte. No xuízo, aínda que non compareceu con cornamenta, turrou en longo discurso contra todo o que quixo, agás contra o xuíz, claro, que o tratou con moita consideración, mesmo na imposición dunha condena mínima. Este cachimán non tería tanta sorte se mercara un paquete de chuches cun dólar falso. Podería morrer no intento, e este non é un chiste de humor negro. ¶ Un feito gravísimo, sen precedentes, preséntase así como unha especie de resaca de festa fanática. A icona do Buffalo Bill co casco avariado á fronte dunha turba con vento nas pólas, igual que a versión das hordas bolsonaristas no Brasil como multitudes de extras despistadas dun filme da guerra de Canudos, responde a unha interesada banalización. O que se intenta con este ar de farsa é que as responsabilidades fiquen en suspenso. E quen pretendan investigar as causas e causantes destes incendios, denunciar os incendiarios, serán tratados no mellor dos casos como radicais con problemas de hiperestesia democrática. ¶ Mentres tanto, os mecenas da reacción, seguen preparando na barbacoa un churrasco da democracia de benestar social. O capitalismo impaciente, o dos beneficios caídos do ceo ou extraídos do inferno, é incompatíbel cunha sociedade decente. ¶ En The Best Man (1964), con guión escrito polo lúcido Gore Vidal, vedoiro das mutacións do poder, hai un personaxe que se dirixe aos participantes nunha convención política: «Houbo un tempo en que a vostedes, os nenos ricos, lles gustaba xogar a cousas como o polo. Agora xogan á política». Foi aí onde comezou a «revolución» reaccionaria. Até que o chamado Grand Old Party, o Partido Republicano, desapareceu no que tiña de expresión popular para ser unha ferramenta dos «nenos ricos». En España existe un termo que enfía os vellos estamentos e os «nenos ricos» xogando á política: señoritos. Conflúen os poderes que parasitan o Estado con aqueles que queren ocupalo e privatizalo. É o maior xacemento. E non vai haber escrúpulos para acometer esa conquista. ¶ En España pode pasar en tempos vindeiros o que se ensaiou en Brasil e Estados Unidos. De feito, a acometida está en marcha xa. Doutro xeito, con outro modelo. Dende que se puxo en marcha o Goberno de Coalición, a experiencia máis plural, pacificadora e fértil dende o fin da ditadura, os mecenas da reacción negaron a súa lexitimidade e non deixan de turrar, sexa no poder xudicial, no poder mediático ou no poder económico, en especial dos que se enriquecen a un tempo co que cae do ceo e co que chuchan do inferno fósil. Non levan tocado de cornos á vista, pero turran sen parar. En competencia, a dereita extrema e a extrema dereita. ¶ Farían ben en ler o D. Quixote, alí onde Sancho, ese gurú popular, toma a palabra para aconsellar ao seu señor: «Si, que tiempos hay de acometer y tiempos de retirar, si, no ha de ser todo todo: ‘Santiago, y cierra, España’»¶