A banca española acaba de anunciar beneficios que nunca tal se vira. 6.000 millóns de euros, 9.000 millóns… e só co negocio en España, sen contar o que andan facendo polas afóras. E todo pese ás ansias confiscatorias do goberno socialcomunista bolivariano que pretende saquearlles un 8! –repetimos, un OITO por cento– desas ganancias, coma se fosen un asalariado calquera (ben, os asalariados non baixan dun 20%, pero ingresan o soldiño todos os meses, sempre e cando non os boten). Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro dedican o seu improductivo tempo a comentar a xogada e rosmar datos como os 75.000 postos de traballo que se cargou o sector, a metade das oficinas, os 60.000 millóns de euros de rescate do que só devolveron o 10% e outras manganchas fiscais que os levaron a aforrar outro tanto en pagos a Facenda.
Mentres, a Xunta non sabe que facer coa cita previa. Ou iso se desprende da información que da o equipo mediático habitual. Quitámola? Non a quitamos? Porque quitala para volvela poñer é tontería… Para que vale?.
E por último, porque o mal non descansa, o caso do infiltrado policial en movementos sociais cataláns, que aproveitou a circunstancia para infiltrarse ata o infinito e máis ala. Que investigaba? Se os bancos de alimentos repartían produtos caducados? Se daban axudas a cambio do voto? O axente encuberto tiña instruccións precisas, ou demostrou demasiada iniciativa propia? Cinco señoras que se consideran enganadas e invadidas na súa intimidade presentaron denuncia. Rumoréase que lle vai tocar o asunto ao xuís Llarena.