S02E18 – Arte??

No episodio desta semana acompáñanos a historiadora e crítica de arte Natalia Poncela para falarmos dun tema ligado á humanidade practicamente dende os inicios da súa existencia: a arte.
A infancia e a creatividade son dous elementos unidos por natureza. Cando somos crianzas debuxamos, modelamos e construímos; mais non todas acabamos sendo artistas ao chegarmos á idade adulta.
A presenza da educación plástica e visual na infancia adoita ser superficial e repetitiva, non pretende fomentar a creatividade, senón recrear modelos e parámetros que se avalían como correctos e desexables. Ademais, na primaria e na secundaria estas ensinanzas asúmense como secundarias e prescindibles.

Arredor do mundo das artes visuais contemporáneas existen moitas ideas preconcebidas e os museos especializados nesta área, a pesar de teren habitualmente entrada de balde e mesmo formación para crianzas, están baleiros con frecuencia. No episodio desta semana debatimos o por que desta cuestión e preguntámonos se son precisos máis espazos de divulgación adaptados ás novas plataformas de comunicación.

Non sei se nós poderíamos considerarnos artistas do womansplaining, pero podedes facer as vosas valoracións despois de escoitar este novo episodio!

Coa colaboración de PuntoGal.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail