Os gafapastas invisibles

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Sempre que vou a casa dun achegado que sabe que traballo no audiovisual pero é totalmente alleo a ese mundo, repítese o conto: «Mírame aí que lle pasa á tele, que non vexo ben a galega». E despois de desenchufar e volver a prender o aparello, calzo a mesma resposta: «A ver, eu son guionista e ti o que precisas é un antenista».

Parte do equipo de Hierro na presentación da serie.

Ninguén, creo, sabe que é o que fan exactamente os guionistas. O público ten claro que os directores son os que mandan, e os actores e os presentadores, xente moi simpática, pero aos que escriben para a pantalla deben de consideralos raza á parte ou sectarios dalgunha tribo. Meu pai, cando eu traballaba no Luar, non entendía como gañaba a vida, pero tiña unha teoría: «Gayoso é avogado, un home preparado, así que seguro que le nos xornais, coma min, cando o Fary saca disco. Para que te necesita? Para que lle poñas nun papel, coma se el fose papeiro, que o Fary saca disco?». Era a vida de Gayoso ou a miña, debía escoller rápido e non dubidei: «Gayoso, papá, non é tan listo como ti pensas».

Os irmáns Coira, Jorge e Pepe, creadores, entre outras, da serie Hierro gañadora de dous premios Feroz 2020 á mellor serie dramática e mellor actriz protagonista para Candela Peña.

Das series que triunfan nas plataformas privadas hai varias con orixe no maxín galego. Hierro (2019), da que xa están a rodar a segunda tempada, é unha trama de suspense de Pepe Coira, un dos grandes do audiovisual de Galicia, ao que vive ligado desde sempre, ben como profesor, crítico de cine ou guionista de programas nos primeiros anos da TVG, como Luces da Cidade (1988 -1989). Con el arrancou a saga de Rábade, coa que se enrolou no oficio o seu irmán Jorge. Suman moito talento, os Coira, e tanto xuntos -caso de Hierro, que Jorge dirixe-, como por separado, tocan a fibra coas súas historias. A canda eles viaxan a guionista Araceli Gonda e os seus inconfundibles diálogos, sempre atinados. Moitos recoñecen a súa cara polos anos que botou de presentadora de deportes na TVG, pero, xa daquela, Ara, escribía series como 4º sen ascensor (2005), A vida por diante (2006-2007) ou Terras de Miranda (2007). Deixou a realidade dos informativos para dedicarse de cheo á ficción, e o seu nome, habitual nos créditos das series da canle autonómica, aparece en películas de éxito como 18 comidas (2010).

A guionista Araceli Gonda.

Carlos Portela vén de escribir «fin» no guión de Velvet (2014-2019), serie romántica que voou dunha canle en aberto, na súa cuarta temporada, a outra de pago. Portela é das persoas que máis saben de cómics e con eles comezou na profesión. Co doutor TNT do Xabarín Club deu o salto ao audiovisual, sen abandonar nunca as historietas: relanzou os libros de Esther y su mundo colaborando coa debuxante Purita Campos. Series como Rías Baixas (2000-2005), Padre Casares (2008-2015) ou Matalobos (2009-2013) presumen da súa firma nos créditos.

O guionista Carlos Portela Orjales (Vigo, 1967).

No país non se pode falar do oficio sen nomear a Xosé Castro, Andrés Mahía e Carlos Ares, socios desde 1997 de Producións Zopilote. Xunto ao polifacético Antón Reixa argallaron Mareas Vivas (1998-2002), a serie costumista coa que a Galicia do mar sentiuse mellor reflectida. Desde entón, este trío desenvolveu formatos que deron ben réditos en audiencia e calidade á tele autonómica. Contaron tamén a vida do interior de aquí en Terras de Miranda (2001-2007), escribiron o drama O Nordés (2009-2010) e conseguiron situar a súa marca no cumio do humor co concurso O Rei da Comedia (2002) e a series Pepe o Inglés (2006), Air Galicia (2007- 2011) e, recentemente, Os Mariachi (2019): son verdadeiros profesionais das ideas.

Andrés Mahía, Carlos Ares e Xosé Castro, guionistas e socios de Producións Zopilote.

No humor temos guionistas de referencia, como Xosé Cermeño, pai da mítica Pratos Combinados (1995-2006). Vin estes días no Twitter que un usuario reclamaba, con moita graza, a reposición da serie en Netflix. Ao chío sumouse axiña  unha chea de seareiros, e a plataforma de pago estivo rápida e enxeñosa na resposta e, o mellor, sementou a esperanza na lexión de fans de Miro, Balbina, Antón e compañía. Xa imaxino aos coreanos repetindo, mentres papan patacas fritidas, «baldreu», «mamalón», «carracha» ou «miñoca». Que boa homenaxe sería, cagho no mundo!

As historias nunca se escriben soas, nin as películas nin os programas, aínda que meu pai teña pena de pagarlle a carreira aos fillos para que acabasen pintando a mona polas teles.

O guionista, director e escritor Xosé Carlos Cermeño Baraja (A Coruña, 1959), comezou colaborando na TVG en 1986 como guionista de O Mellor, de Manuel Rivas.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail