Finis mundi

Rematado o ano 2024, resulta inevitable, polo menos para min, poñerse a pensar nos anos pasados. Só na última década levamos unha pandemia global, unha nova guerra en Ucraína causada por Rusia, unha revolución en Irán, o incendio de Notre Dame, unha presidencia de Trump, a retirada das tropas americanas en Afganistán e o goberno dos talibáns, un xenocidio en Palestina, desastres climáticos coma a erupción volcánica de Canarias e a DINA de Valencia, e o éxito político da extrema dereita.

Cara ao ano que vén, toca outra presidencia de Trump (que por certo xa está falando de anexionar Canadá), o probable empeoramento da situación climática, máis vitorias da extrema dereita e sabe Deus que máis. Con este panorama, resulta sinxelo levar as mans á cabeza e desesperarse pensando que o mundo está a rematar.

E, porén, se abrimos un libro de historia e botamos a mirada cara atrás, poderemos observar que cada certo tempo, e moitas veces coincidindo coa aproximación do Aninovo, saen das súas covas as meigas de sempre a anunciar a fin do mundo.

No ano 1999 (dinme os meus pais, que eu aínda non nacera), anunciábase que Internet ía fallar e traer canda si o colapso dos bancos e gobernos do mundo, desatando os lanzamentos das bombas nucleares dos países ao deixar de funcionar correctamente os ordenadores que os controlan, e todo porque a ninguén se lle ocorrera pensar que os ordenadores non estaban preparados para un tempo máis alá do 2000. Agora, case vinte e cinco anos máis tarde, podemos afirmar con certa seguridade que iso non pasou. Si que é certo que se produciron algúns erros, pero ningunha catástrofe.

No ano 2012, un calendario maia que remataba nese ano levounos a todos a pensar que o solsticio do 21 de decembro traería a fin do mundo, en forma de colisión do noso planeta cun asteroide, con outro planeta ou cun aumento na actividade solar. A xente predicía tsunamis e erupcións volcánicas, e incluso se fixo unha película ao respecto. Finalmente, pareceu ser que o calendario simplemente remataba nese ano, non porque o mundo fose acabar, senón porque os maias simplemente deixaron de engadir días.

En 2022, científicos da República Checa declararon que o Cometa Encke ía estrelarse coa Terra en outubro. En 2023, científicos da Axencia Espacial Europea dixeron o mesmo do asteroide 2022 AE1. Abonda dicir que ningún dos dous tivo razón.

Así pois, e malia todas as razóns polas que poderiamos sentirnos desesperanzados, veño a predicar unha mensaxe fácil de esquecer e tremendamente importante: se todos o desexamos e traballamos para conseguilo, con algo de sorte, o ano que vén será mellor ca este. É difícil observar o estado do mundo e sentir esperanza, pero tampouco podemos esquecer que nada mellora se non facemos nada. O mundo só se acaba se deixamos que se acabe.

O futuro do planeta, e da humanidade, depende totalmente de nós, e manter a esperanza é un dos actos de rebelión máis poderosos e importantes que podemos levar a cabo nun mundo que se aproveita da inacción, da desesperanza e da resignación da maioría para explotar os demais.

É importante lembrar que o mito máis perigoso é o de pensar que as accións dunha persoa non serven para nada ou non son suficientes como para traer o cambio. Como din no Atlas das Nubes de David Mitchell, pode que non sexamos máis ca unha gota nun océano sen fin, pero que é ese océano senón unha multitude de gotas?

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail