«Todo o que é superfluo acaba sendo feo», afirmaba Alvar Aalto, o grande arquitecto finlandés, unha referencia decisiva para a mellor arquitectura que se ten feito no mundo no século XX e nos tempos presentes. Por ser unha síntese de calidade artística, de responsabilidade medioambiental e de valor de uso social e comunitario. É dicir, unha arquitectura non superflua: necesaria. E iso tanto se falamos de vivendas, servizos públicos ou centros de traballo. É ridículo falar hoxe de arquitectura á marxe das coordenadas socioespaciais, e desprezábel un urbanismo que non teña como corazón central o benestar das persoas en relación coa comunidade e a natureza. ¶ O pensamento que expresaba Alvar Aalto acada día a día máis sentido, pois responde aos dous maiores desafíos que atinxen ao planeta enteiro: a emerxencia ecolóxica e a desigualdade social. Velaí, entrelazados, os maiores feísmos. Os infernos da devastación socioespacial. O poder xeopolítico e os lugares nos que pousan as cadeiras onde se toman as grandes decisións que condicionan a vida na Terra ocupa soamente o 1% do territorio. Non é difícil deducir que eses espazos de obscena riqueza son tamén os de maior concentración do superfluo. De luxoso feísmo. ¶ Tamén en Galicia se ten falado moito de «feísmo» popular, con certa ollada de superioridade dende o mundo urbano sobre o rural. Certamente, produciuse un deterioro estético asociado a un modelo de «progreso» onde se perdeu o fío da transmisión cos saberes da arquitectura popular, os materiais, os oficios e, sobre todo, o xeito de habitar a terra. Á marxe de típicos tópicos, unha tradición que pode inspirar e, de feito, inspira vangardas de arquitectura con responsabilidade comunitaria e ecolóxica, cunha imaxinación sostíbel, que non leva ao desbalde, senón que se aproveita da reutilización e dos materiais máis económicos e propios do lugar onde se constrúe. Todo o contrario da arquitectura ao servizo da especulación inmobiliaria, e tamén do faraonismo de políticos ególatras ou da vaidade exhibicionista dos divos da arquitectura que tantos estragos causa ao orzamento público e ao territorio. E disto último temos algún exemplo en Galicia, como a chamada Cidade da Cultura, de Peter Einsenman, que pasará á historia, si, pero como unha mostra ruinosa de «deconstrución» arquitectónica e moral. ¶ Hai unha revolución arquitectónica en marcha. Unha constelación de arquitectas e arquitectos que seguen o ronsel de xente como o xaponés Shigeru Ban, o chinés Wang Shu ou o africano Francis Kéré, que vén do obter o premio Pritzker de 2022, o máis valorado no eido da arte construtiva. A vida de Kéré é toda unha metáfora de loita contra o superfluo. Foi o primeiro neno en aprender a ler na súa aldea de Gando, en Burkina Faso. Despois de migrar e estudar en Alemaña, unha das súas primeiras obras foi construír unha admirábel escola en Gando, coa participación da comunidade e con materiais da contorna. A súa filosofía: «Defendo unha arquitectura de máis con menos». Ou: «O bo non ten por que ser caro». Tanto sentido común, non é xa unha revolución? ¶