O día que Galicia rexeitou ser un experimento

Nos prolegómenos do proceso que deu lugar á actual autonomía galega hai dous feitos que merecen a verdadeira condición de «episodios nacionais», e que están soterrados, borrados do mapa, como vítimas do virus da desmemoria. ¶ E non obstante son dous feitos decisivos que convidan a repensar a historia recente, o que poderiamos chamar unha ucronía intelixente. ¶ Referímonos á total eliminación do Consello de Galicia no proceso de transición e á reacción histórica da sociedade galega contra a aldraxe do 4 de Nadal de 1979, coas maiores manifestacións que se lembran até o Nunca Máis en 2002. ¶ Un e outro feito teñen certa relación, mais o caso do Consello de Galicia é moito menos coñecido. Trátase, sobre todo, dun episodio de alto valor simbólico. Ao igual que Euskadi e Catalunya, Galicia aprobara en referendo democrático o seu Estatuto de Autonomía antes do golpe de xullo de 1936 que iniciou a guerra de exterminio contra a II República española. O Estatuto foi referendado polas Cortes republicanas. Iso permitiu que Galicia tivese a condición de «nacionalidade histórica», tal como figura na actual Constitución española. Algo que se ignora adrede porque provoca urticaria severa no cada día máis belixerante neocentralismo e a doutrina imperante do «único». ¶ Esa importante continuidade «republicana» tivo como consecuencia que en Catalunya fose recibido como presidente Josep Tarradellas, que o era do Consell no exilio. No caso de Euskadi esa transmisión de lexitimidade escenificouse nun acto histórico en Gernika cando Leizaola, lehendakari no exilio, entregou a Carlos Garaicoetxea as chaves do Goberno vasco. ¶ Do Consello de Galiza, que agrupaba os parlamentarios no exilio, e do que era presidente Antón Alonso Ríos despois da morte de Castelao, non se quixo saber nada. A dramática morte de Alonso Ríos en Bos Aires, o extraordinario «siñor Afranio», é todo un símbolo da fenda que inconscientemente se abriu entre o «galeguismo do interior» e o do «exilio» e que deixou o ronsel dunha historia fanada. ¶ Como unha especie de compensación ou de xustiza poética, estalou a multitudinaria mobilización contra a Aldraxe. As imaxes non menten. Aquel 4 de Nadal o pobo saíu á rúa como nunca antes. A orixe estivo na demouca do proxecto de Estatuto elaborado en Galicia pola maioría das forzas políticas, co desacordo do nacionalismo que defendía máis soberanía coas chamadas «Bases constitucionais». Foi unha humillación perpetrada de noite e con aleivosía nunha comisión do Congreso. Comezaba a pairar na atmosfera o neocentralismo e Galicia foi elixida como ra no laboratorio de disección. ¶ A imprevista reacción do pobo galego nas rúas impediu a manobra. Por iso Galicia está aí, no texto constitucional, como «nacionalidade histórica». Cómpre lembralo e que o lembren as xeracións vindeiras. Para que os aniversarios non sexan pompas fúnebres e si unha alborada.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail