Máis docentes, menos fracaso: un informe financeiro mostra como o investimento en profesores reduce o abandono escolar

A Coruña.- O Consello de Contas de Galicia, o organismo encargado de fiscalizar a contabilidade da Administración autonómica –con funcións similares ás que ten o Tribunal de Contas sobre a Administración central–, acaba de publicar un informe sobre o investimento en educación que demostra a rendibilidade do gasto en prevención do abandono escolar, especialmente cando o diñeiro se destina á contratación de docentes.

O estudo tamén alerta de que no período 2015-2020, cando Alberto Núñez Feijóo aínda presidía a Xunta, esta deixou sen executar máis de 42 millóns de euros previstos inicialmente para ese mesmo capítulo.

No ano 2015, a Administración autonómica aprobou un plan estratéxico sexenal que deseñaba as bases do seu modelo de crecemento económico «baseado na innovación e o capital humano», segundo reza o documento do Consello de Contas, co obxectivo de conseguir «unha Galicia moderna e cohesionada social e territorialmente»; así como para «diminuír o desemprego, aumentar a produtividade e a renda dos galegos e das galegas colaborando a retomar a senda do crecemento demográfico».

Programa específico contra o abandono escolar

Entre outros aspectos, o plan, financiado polo Fondo Social Europeo, prevía durante eses seis anos un investimento de 129,3 millóns de euros nun programa preventivo específico contra o abandono escolar temperán, que pretendía reducir a distancia coas taxas medias europeas de saída anticipada de alumnos e alumnas do sistema educativo. En concreto, o obxectivo era reducila por baixo do 10%.

Daquel investimento, case o 83% do total, é dicir, 107 millóns de euros, correspondía a gastos de persoal para promover programas e accións de reforzo dirixidos «a incrementar o número de alumnos/as que obteñen o título da ESO» mediante «programas de diversificación curricular […] e de mellora da aprendizaxe e rendemento […], así como os novos ciclos de formación profesional básica e a anticipación da elección de novos itinerarios».

Aínda que, segundo o informe do Consello de Contas de Galicia, desa cantidade só se acabaron executando 86,9 millóns en total e, concretamente, só 68,2 millóns en recursos humanos –o resto foi para bens e servizos correntes–, os resultados das análises realizadas pola Consellería de Economía e Facenda mostrarían evidencias empíricas da efectividade dese gasto.

Mellora da aprendizaxe e do rendemento

Por exemplo, só nos primeiros tres anos do sexenio estudado, o 94,7% dos alumnos beneficiarios dos programas de mellora da aprendizaxe e do rendemento –4.313 estudantes de segundo e terceiro de secundaria que participaron neles– lograrían pasar de curso, fronte á taxa de promoción do 77,7% do resto.

No cómputo global durante os seis anos en toda a comunidade autónoma, a taxa xeral de abandono descendería cinco puntos –do 17% de 2015 ao 12% de 2021– fronte aos tres puntos da media española –do 20% ao 16% no mesmo período–. En 2022, o último dato que ofrece o informe, a taxa galega baixaría ata o 9,9%, catro puntos por baixo da de España e a só 0,3 da da media europea.

Consello de Contas de Galicia: «O abandono escolar temperán e o seu combate constitúe hoxe en día unha prioridade central de calquera sociedade que queira garantir os dereitos básicos da súa cidadanía»

Os expertos consideran que o abandono escolar temperán ten efectos moi negativos para os estudantes afectados, pois aumenta o risco de que durante a súa vida laboral padezan precariedade, desigualdade e exclusión social. Pero tamén ten consecuencias colectivas, pois nas rexións e países con peores taxas o fracaso acaba derivando en menores ingresos fiscais, maior demanda de prestacións sociais e gastos máis elevados en sanidade.

Para o organismo fiscalizador do sector público de Galicia, a expulsión temperá de alumnos do sistema educativo é un fenómeno «complexo e multidimensional» que supón «unha das maiores quebras do principio de equidade na educación» e cuxa redución representa «un obxectivo de política pública de primeira orde para os poderes públicos, as administracións educativas e a propia sociedade».

Dereitos básicos

«O abandono escolar temperán e o seu combate constitúe hoxe en día unha prioridade central de calquera sociedade que queira garantir os dereitos básicos da súa cidadanía, e que considere a formación dos seus membros como un elemento esencial, tanto na promoción individual como no benestar colectivo, mediante o asentamento dun modelo económico baseado no coñecemento que asegure un desenvolvemento sostible e unha maior cohesión social» engade o Consello de Contas.

Luzes-Público dirixiuse á Consellería de Educación da Xunta para coñecer a súa valoración sobre o informe do Consello de Contas e para preguntar as razóns polas que, pese ao éxito do programa contra o abandono escolar temperán, non se chegou a executar todo o orzamento previsto. Á hora na que se terminou de redactar este artigo, a Consellería non respondera.

En ocasións anteriores, o mesmo departamento si que se gabara de que Galicia lograra rebaixar a súa taxa de fracaso escolar por baixo do 10% previsto –en 2023 situouse no 8,8%–. Segundo a Xunta, desde o ano 2009, cando Feijóo chegou ao poder, rexistrábase un índice do 25,8%, que caeu desde entón en máis de 17 puntos.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail