Vento xélido e o lume do paporroibo

24 pensamentos decote sobre o entrelazamento ciencia-literatura-sociopolítica-arte, a xeito de calendario de Advento de 2025. Homenaxeando tanto as 24 sekki ou microestacións do Calendario nipón (con 72 en total, procedentes de antigos tratados de astronomía chinesa), como os Mintireiros Verdadeiros e outros calendarios agrícolas da Galiza, coa súa curiosidade polos cambios sutís nas estacións. Porén, máis que Xeórxicas virxilianas, Uránicas da Urania, os ceos e as súas correlacións terrestres, pois somos un pouco fillas rosalianas do asombro.

2 DECEMBRO OU NADAL

  • Lúa: un Mintirero Verdadeiro que mercara en Toques a finais dos anos 90 mentres facía un traballo de Economía rural para Antropoloxía da UDC, diría que a Lúa Escaroucha é unha Lúa Xibosa Crecente (96%). Fáltanlle só dous días para ir Cheíña. Verédela erguerse polo leste antes do solpor.
  • O Ceo Profundo: Se o Vento Xélido limpase as nubes, mira cara ao cénit (arriba de todo). Alí reina a constelación pentagonal de Auriga (O Cocheiro). A Estrela Guía: A súa estrela alfa é Capella (A Cabra). É a sexta estrela máis brillante do ceo. Os antigos pastores galegos mirábana para saber cando gardar o gando. Se tes 42 anos, que saibas que naciches cando a luz que hoxe ves desa estrela partiu de alá onde se atopa.Está a 42 anos-luz.
  • Cometas e Meteoros: Aínda que non haxa un gran cometa a simple vista, comezamos a entrar na estela de po do asteroide 3200 Phaethon. Estade atentas, porque as Xemínidas comezan a espreguizar, malia que o pico será a mediados de mes. Unha estrela fugaz hoxe é un presaxio de resistencia.
  • Sol: Saída: 08:47 h (un minuto máis tarde ca onte; o sol faise de rogar).
    Solpor: 17:57 h. Horas de luz: Escasas 9 horas e 10 minutos. A escuridade é lenzo para estrelas e unha chea de Starlinks.
  • xaponés: As follas da árbore Tachibana comezan a amarelear (Tachibana hajimete kibamu )橘始黄    たちばなはじめてきばむ
  • Día Internacional para a Abolición da Escravitude: Non falamos só da Historia, senón da mutación das escravitudes. En Galicia, lembramos a emigración como unha forma de fuxida da escravitude da miseria no século XIX e XX. Desde o porto da Coruña, con 15 anos, partiu o meu avó en 1924 nun buque da Holland America Lijn xunta milleiros de galegos que buscaban «facer as Américas». Noutro, a miña avoa. Hoxe, a escravitude toma a forma de precariedade laboral ou trata de persoas. Mirar as estrelas esixe ter os pés na terra e loitar pola dignidade de quen a pisa.
  • Santa Bibiana, patroa de doentes e epilépticos. Parabéns ás Bibianas que non coñezo e a unha que si.
  • Chovendo o día de Santa Bibiana, chove un mes ou sete semanas. Así di o refraneiro. E si, chover, chóvenos.

Vento Xélido e o Lume do Paporroibo

para quen alenta un lume dentro  

Seguro te quedaches mirando eses lenzos improvisados a pé de rúa algunha vez. O empapelado a medio espir do que fora un dormitorio, os forxados, os azulexos -que caras se lavarían aí-, a silueta de escaleiras polas que baixan pingas e soben pantasmas, enchufes xordos e a sombra dun cabezal de cama, como unha mofa… Podería ser unha tatuaxe granítica, unha banda deseñada das vidas que non vivimos, un Mondrian con tacto de liques… O de taboleiro do Monopoly xa o pensou alguén que se puxo máis estupendo ca ti.

Imaxe de medianeiras expostas en Galicia, do Instagram de Lucíadegarau @loulagaffe

As pegadas medianeiras, eses vestixios de casas que xa ninguén quixo ou que alguén quixo demasiado pouco. Os paramentos expostos que quedan de vivendas para construír postais turísticas. Un patchwork no cal. Petróglifos si, pero de ángulo recto, currículos de solares que só aspiran a esboroar e deixar paso ao rendíbel. Vemos moitos deses, algúns pasan anos así, intemperiándose por media xeografía galega, deixándose crecer o brión e as flores ventureiras, parindo entre silvas camadas de michos. Todos son o de Schrödinger porque poden estar vivos e mortos a un tempo, como os propios solares e as vidas que de alí expropiaron.

Entre a especulación urbanística e anuncios de inmobiliarias con prezos que nunca podería pagar, vivo decote e levo fillos á escola. É o ruído de fondo de moitas cidades galegas, un novo nordés que asubía coma afiador polas fiestras mal illadas. O vento de Decembro espreita as rúas con ollo de fondo voitre: «Marcha, vello rosmón, que quero enladrillar o ceo».

A nosa é unha especie curiosa, por non dicir outra cousa. Inventamos a palabra fogar e logo unha máis longa: propiedade. Despois, non sabemos como (si que o sabemos), logramos que ás veces unha lle negue o saúdo á outra.

Os expertos chámanlle especulación. Nós, as que miramos a pé de rúa as pegadas medianeiras, preferímoslle «a gran broma cósmica» : pagar de máis por quedar onde xa estabamos antes.

Susana Benet, quizais das mellores e máis descoñecidas escritoras de tankas e haikus, escribía:

Tras o derrube

as cores desas vellas

habitacións

Foto de arte en papel de Irene Cooper.

Non sei que casa terán os fillos, as amigas das fillas. Os meus amigos. Se teño un fogar é porque o comparto con aqueles a quen quero. Os alugueiros soben como mareas lagarteiras e conto cantos avós, pais, amigos, fillos de curmáns… emigraron para poder mercar casa despois. Conto os anos de vida que custará pagar unha vivenda que igual é un cuarto de vasoiras, un faiado, un zulo sen apenas luz. Canta vivenda baleira aí sen rehabilitar por falta de…

Sei que non habito un fogar, que se o miro ben é un activo financeiro. A xentrificación avanza pero quen se vai dar conta, se non é con tanques senón con cafetarías boutique.

*

Nun soar a medio especular había hoxe, 2 de decembro, un paporroibo cantándolle aos fíos do frío, pousado como lume fósil nunha trabe medio podre. Unha trabe de alcatrán.

Erithacus rubecula: como chamarlle en grego e latín, ei, ti, Rubio Avermellado… ave, Brasa Chisqueira, Petisquiño de Rubí… E logo non, con esa tecnoloxía termorreguladora que o mantén a 40ºC en 20 gramiños de fera melancolía e resistencia? Un pisco, dinlle tamén, un paifoco. Sería o Peizoque Roque daquel conto infantil de Tembrás? Unha chispa de dinosauro. Do que resiste á extinción.

Este xa medrou. Ten un ollo posto en min e outro nos gatos. Sabe de ventos que non se chaman plusvalía nin mercado quente…Espoldrexa as plumas como un biscoito de supernova, unha promesa de lar outonizo, dándolle as costas ao incremento do 10% interanual no prezo do alugueiro. 4000€ o metro cadrado polo que peteira ouricelas e miñocas. 10€/m2 se queres alugar, paifoquiño. Pero el leva o lar no peito, que lle vas contar! Prometeo de xardín, cántalle ao vento as corenta. O anaco de valado onde acaba de ceibar un regaliño-refugallo vale o prezo do seu peso (3 euros en moedas) en ouro.

Cantaba moito o paporroibo, poñéndolle até frenesí. Cría que era un Requiem. Pero escoitei mellor.

Era o Alalá das Mariñas. Coa formigoneira que tiña cerca quedoulle moi Rage Against the Machine.

Cardinal, dos Memento Mori Mandalas, Portia Munson, 2016.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail