Cando o silencio é un «negacionismo»

Un dos novos pensadores, historiadores e divulgadores con máis eco mundial nos últimos tempos, e sen que o éxito estorbe o rigor co que escribe, é Yuval Noah Harari, autor de dous moi populares volumes: Sapiens (De animais a deuses: unha breve historia da humanidade) e 21 leccións para o século XXI. Moitos dos chamados best-sellers sono porque están fabricados como produtos que procuran contentar a moita xente sen causarlles incomodidade nin desequilibro. Unha especie de pensamento sacarino que non perturbe as conciencias, sobre todo cando as conciencias están de vacacións. Pois ben, Harari mantén o pulso cando encara o que máis dana e canta as verdades como pan de centeo: «Durante miles de anos, o Homo Sapiens comportouse coma un asasino ecolóxico en serie; agora está transformándose nun asasino ecolóxico en masa».¶ Un dos problemas á hora de falar do que se vén chamando comunmente «cambio climático» radica xustamente na terminoloxía. Non hai moito, houbo operacións de think tanks vinculados aos poderes «fósiles» (petroleiras e compañía) para evitar o uso do concepto «quecemento global». Ridículo empeño, cando quen o pretende está a botar fume polo nariz e CO2 polas orellas. Agora os capadores da linguaxe tratan de frear definicións tan obxectivas coma a de «emerxencia climática». E choutan escandalizados cando se fala de «ecocidio».¶ O que está a pasar mete medo, por iso é tan importante limpar de medo a ollada e a lingua.¶ Como fai Harari: o que está o ocorrer é un asasinato ecolóxico en masa. Unha guerra contra a natureza causada por un imperio suicida, o do sistema depredador do «Sapiens», que destrúe o seu propio fogar.¶ Os datos, os feitos, as achegas científicas xa non deixan dúbidas. Por suposto, hai aínda quen nega a evidencia. Mesmo supostos científicos da especie extravagante. Unha «extravagancia» ben paga. Estes «negacionistas» tamén botan fume polo nariz: son inverosímiles. O verdadeiro perigo para o planeta, a humanidade e a natureza toda, está nos que, sabendo, calan. Políticos, magnates, xuristas, e donos da comunicación que practican o «negacionismo» do silencio, que xogan á imprudente imprudencia de calar eles e calar aos demais. ¶

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail