O sorriso indeleble de Ramón

1973. Ao volver da mili preguntoume (ou non) Pepiño, o que mandaba, se estaba disposto a integrarme no Cumio Executivo da UPG. Iluso de min, alá fun, pensando tratarse dun organismo ben potente e nutrido… eramos tres, de facto: Xosé González Martínez «Pepe de Teis», eu propio e un home que resultou ser Ramón Muñiz. 

1965-67. Nesa altura, algunhas noites de verán, corríase a voz: hoxe vén Ramón Muñiz. Iamos para a adega dos Fábrega, en Leiro, no Ribeiro, e alí ciscados polo xabre ou no cume dunha cuba botabamos unhas cancións, agardando o sermón do padre Vázquez, da Compañía de Jesús. O tal padre era o noso Ramón Muñiz. Aparcaba no Cruceiro o Alpine (Muñiz andaba nos rallys) e nós preparabamos o púlpito. Apagábase a escasa luz da bodega, acendíase unha vela e comezaba o sermón dos Exercicios espirituais impartido por un «auténtico» xesuíta. Alí gañamos o ceo, con tanto como rimos. Mil grazas, Ramón.

1973 en diante. Recoñecido Muñiz como o famoso predicador, cando lle mentaba o caso, o camarada facíase o longuis.

Na política, fóra os que chuchan do teto, poucas alegrías se experimentan. Muñiz tiña o seu carácter, pero era tamén de riso fácil. Moito traballou, organizando, escribindo sobre a materia agro-gandeira: Comisións Labregas (CCLL), Comisións de Axuda á Loita Labrega (CALL), Fouce. «Non pagar a cota da Seguridade Social Agraria».

No outono de 1975 fomos dar a Porto, que Matosinhos aínda non era municipio. Establecemos en Leça da Palmeira unha comuna de dez ou doce militantes da UPG, escasa en espazo, cociña con solo de xabre, bañarse por parroquias nunha tina de latón… Moito rimos alí tamén; celebramos varias veces a morte de Franco, pois as emisoras portuguesas así o anunciaban a cada pouco. Corría o viño maduro.

En xaneiro de 1976 volvemos catro a Galicia, pola raia seca de Vilar de Perdizes. Houbo un primeiro intento, falido por mor dunha avaría na carriña que nos levaba. Andamos varios quilómetros polo monte nevado, coa misa dominical rezada pola megafonía dunha igrexa ignota. O Muñiz levaba un abrigo de pano azul, moi elegante, que eu lle prestara. Aquel día non puido ser o paso por causa do retraso, que os horarios de guardinhas e guardias non eran xa os máis acaídos.

Chegados a esta parte da raia ciscámonos, cada quen no seu acubillo, e seguimos intentando facer algo. Deuse un tempo de distanciamento, xa se sabe, entre camaradas non pode haber cousa outra que malahostia despois dunha das típicas rupturas. A malahostia foise superando. Con Muñiz era imposible non salvala, se é que nalgún momento chegou a producirse.

Pensou moito, fixo moito. Seguía no que eu vexo como idealismo da unidade, nun territorio de poboación dispersa e de (aínda non recoñecido administrativamente) asentamento parroquial.

Ramón Muñiz (anicado á dereita) na homenaxe a Moncho Reboiras en Imo. Esta imaxe, maila da cabeceira, son de Luís García Crego

2010. Mirámonos en agosto de 2010, cando un fato de persoas fixemos convocatoria aberta en Imo, en homenaxe a Xosé R. Reboiras. O seu sorriso permanecía indeleble.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail