O Sindicato Labrego Galego acusa o Goberno autonómico de fomentar e privilexiar a industrialización da gandería en favor das empresas propietarias de macrogranxas industriais.
A Coruña.- O Tribunal Supremo ven de anular os criterios de acceso ás axudas ao sector gandeiro convocadas pola Xunta de Galicia en 2020 para apoiar aos sectores produtivos afectados pola crise sanitaria, e que segundo as asociacións agrarias discriminaron ás pequenas explotacións familiares en beneficio das macrogranxas industriais.
Segundo informa o Sindicato Labrego Galego (SLG), o Supremo validou nun fallo datado o pasado 19 de outubro unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que en abril deste ano anulou o texto da orde pola que o Goberno galego, dirixido entón por Alberto Núñez Feijóo, deixaba fóra das axudas temporais pola covid as explotacións de gando vacún de carne que tivesen menos de dez vacas.
Segundo o SLG, iso supuxo que, na práctica, só cobrasen as subvencións 4.621 granxas «das case 19.000 que poderían ser beneficiarias». O sindicato opina que se trata de «unha mostra máis de que o Partido Popular de Galicia (PPdG) está a privilexiar desde a Consellería do Medio Rural a industrialización da produción de alimentos na Galicia» en beneficio das empresas propietarias de macrogranjas de explotación intensiva.
A Xunta, pola súa banda, asegura que acatará a sentenza, pero se defende sinalando que a convocatorio de axudas «reflectía requisitos previstos no programa de desenvolvemento rural 2014-2020». «Tratábase de axudas para as explotacións máis afectadas polo covid, e é un feito que as máis pequenas notaron menos os efectos da pandemia», asegura a Consellería do Medio Rural, que con todo non explica as razóns que a levaron a esa conclusión.
Foi o SLG o que recorreu a orde das axudas ao considerar que era inxustificadamente discriminatoria e que prexudicaba ao modelo tradicional de produción, cuxos produtores se viron privados nun momento de extrema necesidade dun apoio económico que si puideron gozar os seus competidores con explotacións máis dimensionadas.
O pasado abril o TSXG anulou o punto da orde que establecía o listón mínimo de cabezas de gando e recoñeceu o dereito de todos os titulares de explotacións de vacún de menos de 10 vacas, que non sexan de autoconsumo e teñan declarados ingresos pola súa actividade, a ser beneficiarias das axudas reguladas na norma.
A Consellería do Medio Rural da Xunta, que dirixe o avogado José González Vázquez, recorreu ao Supremo en casación, é dicir, alegando que existía xurisprudencia doutros tribunais que contradicían os fundamentos da sentenza do TSXG. O Supremo, con todo, rexeitou o recurso, o que converte en firme o fallo dos xuíces galegos.
O SLG acusa á Xunta de desenvolver unha estratexia en favor do modelo de macrogranxas industriais para «acabar coas granxas familiares e tradicionais, precisamente as que vertebran as zonas máis desfavorecidas» de Galicia, onde esas pequenas explotacións «permiten a moitas familias subsistir e fixar poboación e servizos» na Galicia rural.
«Defender este modelo é frear o despoboamento do medio rural e a emigración e avanzar cara a un dereito fundamental para os pobos como é garantir a nosa soberanía alimentaria», engade o sindicato, que esixe á Xunta «que de maneira inmediata emende este importante agravio contra as granxas que foron excluídas desta axuda, reparando o dano causado».