Calcúlase que a Antártida perdeu 6,4 billóns de toneladas de xeo e que esa perda é hoxe seis veces máis rápida que hai 30 anos. A auga do Antártico, cada vez máis cálida, vai socavando as plataformas de xeo que a circundan, rachándoas e creando xigantescos icebergs que acaban disoltos como sobres de azucre, xerando outro risco máis: o aumento do nivel do mar, que acaba xerando inundacións (aquí chamámolas «Danas») a moitos miles de quilómetros, desprazando poboacións, causando morte e cuantiosas perdas económicas. A imaxe do desxeo dos glaciares da Península Antártica, cuxa temperatura media xa aumentou 3º C desde os anos 90, non é fácil de esquecer unha vez vista.
En dúas illas da zona, Livingston e Decepción, España ten dúas bases científicas que son visitadas por persoal científico e técnico para participar no diagnóstico da situación do único lugar do mundo dedicado á ciencia, a paz e colaboración multilateral. Son parte das máis de 60 bases que hai no continente, entre permanentes e temporais, todas baixo o paraugas dun Tratado Antártico que entrou en vigor en plena Guerra Fría (1961) e desactivou toda reclamación territorial. O seu primeiro artigo déixao ben claro: «Uso exclusivo da Antártida para fins pacíficos, prohibición de toda medida de carácter militar, excepto para colaborar coas investigacións científicas. Prohíbense os ensaios de calquera clase de armas».
Este ano celébrase outro fito importante para a afastada e vulnerable Antártida: o 30 aniversario do Protocolo de Madrid, que favoreceu a súa protección ambiental, impedindo calquera explotación económica no seu territorio, como a minería, e esixindo medidas de control de impactos tanto de actividades científicas como do turismo, que vai a máis: 80.000 turistas na campaña de 2019-2020, xusto antes da pandemia. E o reto agora xa non son os seus 14 millóns de quilómetros cadrados de terra e xeo, ata o de agora permanente, senón o seu océano, de cuxa conservación depende boa parte da fauna antártica. Aínda que desde os anos 80 do pasado século existe unha convención internacional de xestión dos recursos mariños antárticos (CCAMLR, polas súas siglas en inglés) que se encarga de establecer cotas de pesca e outras medidas de conservación no Océano Antártico, a realidade é que a presión sobre un pequeno crustáceo que é a base de tota a cadea trófica antártica non deixa de aumentar, e ao mesmo ritmo que o cambio climático. Trátase do krill, que non se come pero que se descubriu como «complemento alimenticio» polo seu Omega 3. A proposta é protexer catro millóns de quilómetros cadrados –o Mar de Wedell, a contorna da Península Antártica e unha área da zona oriental- de forma que se prime a conservación por encima da extracción de recursos. Con todo, as decisións tómanse por consenso, e nin o líder de Rusia nin o de China parecen dispostos a dar o seu apoio. Así se viu na última reunión, en outubro pasado, onde nin campaña internacional nin a postura do resto dos gobernos, fixo efecto nas súas posicións.