Se algo –positivo– vai quedar no eido cultural destes tempos de pandemia van ser os esforzos dos creadores para seguir en contacto coa xente. O enxeño non só para crear contidos, senón para inventar formas de comunicación e de difusión. A Carmen Penim, cantante de formación clásica, comezara no inverno do ano pasado a gravar o disco Cantos de terra e sal, unha reinterpretación de temas tradicionais do interior e da costa, con Fernando Campos nos estudos E-disco da Estrada. Tivo que agardar ata a efémera pausa da epidemia este verán para completalo. Agora, promove un micromecenado para poder editalo, e confía en publicalo a fins deste mes de novembro.
O primeiro single e primeiro videoclip é Canto da Seitura: A María da aira pondo a roupa a clareo, unha homenaxe á súa avoa e as mulleres que vivían na súa terra de orixe, o Couto Mixto, e onde Penim escoitou vellos romances, mestura de galego e castelán, traídos polos segadores que saían traballar a Castela.