Avisos iniciais.
A miña única lealdade política é o meu país, Galiza, onde medraron os meus e onde atopo refuxio e cariño logo de longa e, ás veces, penosa (h)emigración económica.
Vou falar de utopías. Desistan pois de continuar a lectura aqueles que só entenden o mundo real sen deixar lugar para a fantasía.
Vou falar de Galiza, ou sexa desistan aqueles que non se identifiquen como galegos. Con eles non vai sexan de esquerdas, de dereitas ou desa pasta estraña que se di a si mesma de centro.
Vou falar de diálogo na procura dun consenso. Desistan pois da lectura (co risco de que sexan atacados dun sarabullo maligno) aqueles sectarios das diversas ideoloxías e tendencias que, por principio, rexeitan o diálogo.
Vou falar de liñas de traballo, non de certezas. Desistan pois da lectura aqueles que se crean sabedores de ostentar en exclusividade o pomo das esencias, os portadores do Santo Grial ou coñecedores en exclusiva de «a verdade» do país.
Vou presentar unha proposta aberta (sinceramente aberta), un documento de traballo, un borrador para ser masacrado por ideas brillantes de orixe diversa. Desistan pois os críticos negativos, aqueles que todo desbotan sen aportar alternativas.
Vou falar dende unha perspectiva ex-céntrica e non partidista, no senso de visión dende o exterior, de percepción nesgada pola distancia mais tamén amplificada por esa mesma distancia.
Vou falar de ideas, non de consignas. Abstéñanse pois aqueles que non son quen de ver alén das mensaxes que se poden deseñar, sen escándalo, na tea dunha camisola.
Todos estes avisos son se cadra innecesarios para os máis e necesarios para os menos. Eu considéroos un xeito de marcar o territorio (como os cans que mexan en terra allea).
A tiranía da realidade
Consciente de que ninguén pode repartir «patentes» de galeguismo, recollo como idea de inicio que é galego aquel que así se define como tal. Se un lle pregunta a un cidadán na rúa de onde é, e esa persoa responde «eu son galego», tanto ten que teña nacido nunha aldea e se identifique co Balbino de Neira Vilas ou ben nunha vila ou nunha cidade e entón non posúe referente mitolóxico nacionalista, no mar de Manuel Antonio ou nos cumios do Courel, nunha familia probe ou acomodada, tanto ten como se defina no eido político (a percepción que un ten da súa propia ideoloxía nin sempre corresponde coa realidade que os outros perciben) e, ademais, a «pureza ideolóxica» é cada día máis estraña. A chave do «ser galego» é a auto identificación.
Unha visita sumaria aos sinais de identidade da nosa tribo dá unha imaxe de pobo esotérico e razoabelmente feliz, que ten nas festas gastronómicas, nas tradicións folclóricas e nun certo chauvinismo a esencia do seu ser. Permítanme aquí unha listaxe de certas categorías mesturadas para ilustrar esas esencias. A relación será longa mais non exhaustiva e disimulen se atopan reiteracións ou ausencias, necesarias, se cadra, para que se entenda de que estou a falar. Desnecesarias, daquela que erga a man quen non teña unha decenas deses mitos na súa cabeciña de galego bipolar (unha para Deus e outra para o Diaño, en maiúsculas as dúas para evitar unha prelación na escolla).
Galiza, malia as aparencias, non levita como a cidade de Torrente Ballester na Saga fuga de JB, nin como As cidades invisíbeis de Italo Calvino. Resístese ao cambio profundo que a profana no territorio (vía infraestruturas innecesarias, urbanismo excesivo, inexorábel) e na alma do seu ser, (no abandono da súa identidade cultural, lingüística).
A realidade que eu percibo (disimulen se non concordan) é un país doente mais esperanzado, desnortado mais en movemento, encistado nunhas crenzas ancestrais e anovador tecnolóxico, integrador de culturas e á procura dun xeito de vida específico. Un país afastado da centralidade do Estado español a quen sempre considerou con distancia e desconfianza, emprendedor e morriñento a un tempo, moderadamente esquizoide, disharmónico, único.
Non é unha visión ultranacionalista excluínte nin nada que se lle pareza, é simplemente esa idea galega de que queremos que os gobernantes nos deixen en paz! Tanto ten que estes gobernantes sexan de esquerdas verdadeiras ou falsas (eses que non se conseguen pór de acordo nin á de tres), de dereitas civilizadas ou nostálxicas do franquismo, galegos de nación ou importados, e tanto ten que estean sentados nas cadeiras da rúa do Hórreo de Compostela ou nas da Carrera de San Jerónimo en Madrid (dos que se sentan máis lonxe, alá en Bruxelas, xa nin sabemos de que falan e disque son eurócratas sen escrúpulos).
Así non podemos seguir neste desgoberno (ou goberno da permanente improvisación, ás veces lúcida pero as máis delas ambigua cando non tímida ou desproporcionada). Non falo do presente, nin do pasado cando gobernaba o Gran Temoneiro, nin dos experimentos tremelucentes dos gobernos tri ou bipartitos. Falo de todos eles e do tempo perdido, e da paisaxe que vai perdéndose entre a néboa da memoria. Ben claro que os chamados «populares» (nome que a memoria identifica cun tabaco de liar ruín), teñen unha responsabilidade maior pois estiveron ao leme do batel moito máis tempo e con maiores doses de despotismo (as maiorías absolutas, ese xeito ruín de gobernar arrasando).
É certo, e é de lei escribilo aquí tamén, que viñamos de moi atrás no que a desenvolvemento se refire. Temos avanzado moito en cuestións como as infraestruturas, a sanidade ou o ensino [1]. Non a gusto de todos, enténdase, e con ritmos e contidos nin sempre consensuados. O problema foi de mudanzas e escala de prioridades. Non abondo ou a ritmo lento, mais temos avanzado. Igual temos construído por enriba das nosas posibilidades e certamente por enriba da nosa demografía e orografía, e do noso patrimonio natural. Viñamos de tan lonxe e os cambios foron tan rápidos, que non houbo tempo de acordar prioridades, pór orde, planificar.
Estamos «atoados na braña» (novela de mérito) e precisamos saír deste «impasse», erguer o ánimo, xuntar forzas e vontades. Todos xuntos, de esquerdas e dereitas; hoxe verbas case sen sentido, considerando o interclasismo das formacións políticas e a non identificación dunha ideoloxía cunha clase social. Todos a unha para evitar no posíbel exclusións sociais (sexan estas enerxéticas ou tecnolóxicas, etarias ou de orixe étnica). Temos que o facer para evitar a desaparición (se de verdade queremos evitar a desaparición) e non esvaer daquela nunha brétema común chamada España.
O que vai a continuación é unha proposta pre ou post electoral para a confluencia dos diálogos entre bos e xenerosos. Non unha proposta para a esquerda (sempre perdida nos seus egos como mundos, utópicos na ocasión) nin para a dereita (que adoita ollar para outro lado e prefire a inxustiza á desorde). Entres outras razóns porque o límite entre esquerda e dereita non é tan nidio coma noutros intres históricos. Non quero cansar mais xa se sabe que hai milleiros de obreiros que votan á dereita e que o «salario social», como escusa para evitar revoltas sociais no acaso dun desemprego xeneralizado, é unha medida que, ao meu parecer, se pode entender como conservadora.
Vai dirixido este escrito, por tanto, a quen estean chamadas a dirixir o noso país nos anos a seguir.
Unha proposta, enténdase, aberta e flexíbel que comeza por propor algúns temas que eu considero de urxente solución para acadar un futuro, que se quere de pobo afouto e feliz (xa saben, o índice de felicidade máis importante que o Produto Interior Bruto ou o Salario Medio).
Primeiras ideas para un Consenso Galego (Economía e Sociedade)
A idea de fondo é dialogar e procurar consensos en varios asuntos que son «de estado», entendendo o termo nun pequeno país que non é estado como é Galiza, como «asuntos de interese xeral».
Procurei a axuda dun meu amigo politólogo para definir, aínda que sexa con trazo groso, tres eixos de discusión e debate: x) A protección das persoas e da dignidade humana; y) A protección do medio ambiente e dos recursos naturais; e z) A protección / desenvolvemento da cultura, da identidade e do patrimonio cultural. Usei os tres planos seguindo a idea da xeometría euclidiana que me ensinaran na escola de que son estes tres eixos ou dimensións as que configuran e/ou delimitan o espazo tridimensional no que moramos. Xa sei que este enfoque é antigo, pois o tempo tamén é unha dimensión do espazo e colide con el para modificalo, mais neste suposto metafórico o diálogo sería o tempo, esa outra variábel necesaria.
Non vou entrar na discusión de cada un dos puntos (sería prolixo ou maçador, como dirían os nosos veciños os portugueses, que tan pouco nos queren). Déixoos simplemente por escrito como inicio (sempre imperfecto) dunha discusión necesaria. Entendo que hai outros moitos temas por tratar, mais os que van a seguir parécenme a min, ollados dende esta atalaia exterior na que levo empoleirado hai máis de trinta anos, importantes para o futuro de Galiza, sexa a que sexa a cor política ou o ton de azul ou de vermello co que cadaquén se queira tinguir. Aquí non hai tintas, ou traballamos man con man para manter o país ou desapareceremos na brétema (metáfora se cadra prestada, mais non sei de quen).
Os eixos xyz configuran o espazo de discusión. Non hai prelación neles, aínda que se cadra deberían ser discutidos por equipas distintas e logo postas en común por planos (xy, xz, yz) e finalmente discutidas como un todo (xyz). A miña impericia en socioloxía leva a que algunha das categorías (asuntos) propostos sexa subconxuntos doutros, mais conto con que alguén con máis saber académico os poida ordenar e definir con maior precisión.
O plano xy representaría a relación da poboación galega co seu medio ambiente, hoxe unha relación enfermiza, pois non é posíbel un ecosistema san sen unha poboación equilibrada que vexa o medio ambiente como un patrimonio a protexer.
O plano yz representaría a integración entre o medio ambiente e a cultura, pois non hai medio ambiente san se nel non se integran as ensinanzas aprendidas daqueles que nos precederon, os que para nós nomearon o mundo nunha lingua milenaria.
O plano xz, na fin, significaría a identificación como unha continuidade entre os galegos e a súa cultura para rematar dunha vez e para sempre con eses complexo de que a nosa lingua e as nosas manifestacións culturais son inferiores a outros códigos de conduta e outras expresións lingüísticas.
Eixo 1 (x): Protección das persoas e da dignidade humana: Reparemos o tecido social e humano, por unha sociedade mais xusta
Considerando a situación de crecente exclusión social, de risco de pobreza extrema, de miseria en moitos casos, coido que son dunha urxencia innegábel.
- Consenso contra a desigualdade social. Discutir mecanismos para paliar e no futuro eliminar situacións de precariedade enerxética, tecnolóxica, hixiénico-sanitaria e ambiental, loitando contra todo tipo de exclusión.
- Consenso contra a o desemprego. Pacto galego polo emprego.
- Consenso contra a precariedade familiar e a desnutrición infantil.
- Consenso contra as situacións de precariedade da Terceira Idade (particularmente no rural, mais non só). Creación de contratos de inclusión inter-xeracional, onde mozos e mozas poidan coidar de persoas anciás ao abeiro dun sistema de axudas públicas .
- Consenso migratorio galego, dando prioridade ao regreso dos emigrados sen esquecer a (in)migración selectiva en orixe e intercambios con países con vinculo histórico con Galiza e cos países Lusófonos (para facer máis doada a inclusión lingüística). Particularmente interesante para atraer poboación galego/portugués falante ao mundo rural, quer para fixar poboación quer para manter e despois incrementar a actividade económica nun agro en declíneo.
Eixo 2 (y): Protección do Medio Ambiente/ ecosistemas e recursos naturais: Reparemos a Natureza e démoslle unha oportunidade de rexeración.
- Elaboración do consenso galego de protección ambiental, de resiliencia e medidas de mitigación fronte ao cambio climático, que inclúa entre outras as seguintes areas de discusión, que abaixo se explicitan.
- Medidas de ordenamento forestal, cunha aposta polo control/eliminación de especies invasoras, comezando polos perímetros urbanos e núcleos rurais. Control da expansión do eucalipto en áreas do interior do pais co obxectivo final da des-eucaliptización.
- Reforestación só con especies autóctonas, adaptadas ao noso medio e eliminación de subsidios á repoboación con especies pirófitas. Creación de viveiros/arboretos de especies autóctonas e reforestación preferente de Bosque Atlántico en franxas do Litoral (Baixo Miño, Morrazo, O Condado, Barbanza, Trastamara, etc).
- Medidas de ordenamento de infraestruturas. Pasar da política do «desenvolvemento en infraestruturas» á política de «conservación/ mantemento ou mellora» das infraestruturas xa construídas. Isto produciría grandes economías orzamentarias que poderían ser utilizadas para desenvolver unha ambiciosa política de ordenamento ambiental, incluíndo unha aposta máis clara polo transporte público e polas enerxías «limpas». Menos infraestruturas viarias e mais orzamento para a protección do medio ambiente e a inclusión social e cultural.
- Medidas de ordenamento no ámbito marítimo pesqueiro para continuar as políticas de apoio á pesca artesanal, marisqueo e transformación, e a súa posta en valor, garantindo o futuro / sustentabilidade xeracional da actividade. Consenso na protección das rias galegas e control de vertidos urbanos e industriais.
- Potenciación dos Bancos de Terras e concentracións parcelarias para facer da Agricultura + gandeira extensiva actividades sustentábeis e con viabilidade económica sen que interfiran entre elas, creando (ou recreando) sinerxías que permitan adaptalas a unha explotación integral dos recursos gandeiros, agrícolas e forestais.
Eixo 3 (z): desenvolvemento da cultura, identidade e patrimonio: Reparemos, Recuperemos o que é recuperable como fonte de identidade
- Potenciar accións a prol da recuperación e defensa da lingua de noso. Devolver os espazos que lle foran vedados ao galego. Revisar as políticas de Normalización Lingüística, para devolver ao termo o concepto orixinal que non é outro que pór os alicerces para restituír o uso do Galego como lingua vehicular normalizada e non como uso ritual e político. Introdución do Portugués como Lingua no bacharelato desenvolvendo o Plan Paz Andrade.
- Pacto Galego polo Urbanismo e o Patrimonio arquitectónico. Que o urbanismo non non se entenda como un ámbito de leas políticas e de inestabilidade das inversións dos pequenos propietarios (sempre pendentes dos caprichos dos plans de ordenación urbano, que poden facelos ricos ou afundilos na miseria).
- Elaborar unha política consensuada sobre regras básicas referentes ás alturas máximas e tipoloxías de edificios dependendedo das zonas.
- Política clara para esixir en particular que a Normalización lingüística sexa un feito consumado nos medios de comunicación en Galiza (Radio, Televisión e Prensa escrita).
- Axudas ao pequeno comercio e aos emprendedores para a rotulación e creación de marcas en Galego.
- Revalorización do patrimonio histórico e posta en valor de cascos históricos e edificios singulares: muíños de auga, de mareas e de vento, arquitectura tradicional, incluíndo pontes, calzadas, pasos dos ríos, pesqueiras, pazos, mosteiros, castelos, etc).
- Repensar o Consello da Cultura Galega como un organismo de estudo e difusión da cultura galega, mais tamén como o coordinador de academias, institutos e fundacións de difusión cultural. O arquipélago cultural é sinónimo de atrancos mais que de sinerxías, de obstáculos mais que de avances.
Pensarán, con razón, que hai outros temas importantes nos que o consenso é necesario, a sanidade, a educación, a loita contra o machismo, por descontado, a dependencia, o sistema de transmisión da propiedade, os impostos, as pensións e tantos outros, mais non se pode comezar por todos eles ao mesmo tempo.
Se non están de acordo, todo ben. Propoñan prioridades, xunten vontades e ao traballo, que o país precisa dun consenso para avanzar, dun diálogo estruturado para non caer en absurdos radicalismos excluíntes. Como dicía sabiamente Castelao, «non lle poñades tachas á obra, traballade nela!».
Detéñome aquí. Puxen en negro sobre branco (ou viceversa) algunhas ideas. Agora, farei como o vello traballador do que falaba Celso Emilio Ferreiro, tomar o sol e esperar. Que sexan felices!
[1] Estudei como toda a miña xeración exclusivamente en castelán e non me foi dado coller un libro en galego até o último ano de ensino secundario, lembro innúmeras anécdotas de cando traballei de médico rural na década dos 80 do século pasado que ben poderían ilustrar o retraso no que viviamos. Se falamos de infraestruturas para chegar de Compostela a Muros de San Pedro non se podía facer, tamén na década dos 80, en menos de tres horas por unha estrada infernal.