A Xunta torpedea os intentos de conter os alugueiros na Coruña e Santiago

A Coruña.- Estudar en Santiago converteuse nun luxo. Na capital de Galicia, que alberga a maior –máis de 20.000 matriculados– e máis antiga universidade da comunidade, alúganse miniestudios de apenas vinte metros cadrados por 500 euros mensuais ou máis. Só de setembro a xuño, claro, porque no verán o prezo multiplícase por culpa do aluvión turístico estival, e poucos arrendadores queren renunciar á enorme rendibilidade que proporciona o alugueiro vacacional por días ou semanas.

A 60 quilómetros, na Coruña, vivir co soldo dun traballador medio tamén se volveu unha odisea para moitas familias que non poden permitirse unha vivenda en propiedade: a xentifricación instalouse desde hai un tempo en moitos barrios da cidade, onde os alugueiros tampouco deixan de crecer e dificilmente baixan xa dos 600 ou os 700 euros para un piso vello de dúas habitacións, mesmo en zonas afastadas do centro.

Desde que se aprobou en 2023 a nova lei estatal de vivenda, os concellos están facultados para adoptar medidas restritivas destinadas a conter a subida dos alugueiros, sempre que as súas respectivas comunidades autónomas, que son as administracións con competencias na materia, declaren zonas de mercado residencial tensionado alí onde os prezos se dispararon por encima das posibilidades da poboación residente. Os gobernos locais de Santiago, en mans do BNG, e da Coruña, onde manda o PSOE, acolléronse á nova lei e solicitaron esa declaración á Xunta do PP, pero de momento a súa acción non serviu de nada porque, segundo afirman os responsables municipais, a Administración de Alfonso Rueda estaría a torpedear as súas iniciativas.

O pasado maio, A Coruña converteuse na primeira cidade dunha comunidade gobernada polo Partido Popular en obter a preceptiva declaración autonómica de zona tensionada. A alcaldesa, a socialista Inés Rey, celebrou entón a «lealdade institucional» da Xunta, pero apenas cinco meses despois, o seu Concello denuncia que o Goberno de Rueda lle impide facer efectivas as medidas de contención de prezos, porque se nega a tramitar os expedientes sancionadores e a facilitar os datos de quen incumpren as medidas que obrigan aos grandes propietarios –uns 7.000 na cidade– a topar os alugueiros. «Deberiamos deixar á marxe a pelexa política e poñernos a traballar, porque se o único obxectivo é que a medida fracase, que o digan», sostén a rexedora.

Regulamento sancionador

Segundo Rey, a nova normativa quedará «nunha mera declaración» se a Xunta non desenvolve «o marco legal a aplicar, o regulamento sancionador e as ferramentas xurídicas para poñelo en marcha». O seu concelleiro de Urbanismo e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, abunda en que «o éxito dunha declaración de zona tensionada depende en gran medida» de que a Xunta «facilite o acceso aos datos sobre os infractores» dos que dispón o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), dependente da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e onde se rexistran os contratos de alugueiro.

«A Xunta ten moito traballo por facer», sostén o edil coruñés, que lembra que os gobernos doutras comunidades, como os de Catalunya, Euskadi e Navarra, si están a tramitar eses expedientes sancionadores contra os propietarios que incumpren as medidas decretadas polos concellos contra a subida dos alugueiros. Tamén advirte de que a Administración autonómica de Galicia se negou a participar na mesa da vivenda que o Concello puxo en marcha na Coruña para vixiar o cumprimento desas normas.

Luzes-Público dirixiuse á Consellería de Vivenda, que dirixe María Martínez Allegue, para saber se comparte a posición do Goberno de Rey sobre que é competencia da Xunta o desenvolvemento e a aplicación da lei de vivenda en materia sancionadora. Á hora na que se terminou de redactar este artigo, a Consellería non respondera, aínda que en días anteriores a prensa local e rexional si recolleu unha posición en contra desa tese. Segundo esa versión do departamento de Martínez Allegue, á Xunta só lle incumbiría tramitar a declaración de zonas tensionadas, pero nada máis.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey (PSOE), nunha foto de arquivo / Foto: Concello da Coruña

Precisamente, a Consellería anunciou en agosto que arquivaba a solicitude que nese sentido presentara uns meses antes o Concello de Santiago, liderado pola alcaldesa Goretti Sanmartín, do BNG, e que foi tamén un dos primeiros do Estado en suspender a concesión de máis permisos de alugueiro vacacional e en perseguir aos propietarios que ofertan pisos turísticos sen licenza. A Xunta argumentou que daba «por desistida» a petición alegando que o Concello non dera resposta válida ao requirimento para que presentase máis documentación que probase que Santiago é unha zona de alugueiros tensionados á alza.

«Incidencia real»

Ademais, a Consellería advertía de que, na súa opinión, as medidas propostas polo Goberno de Sanmartín «carecían de incidencia real, dunha mínima concreción ou xa estaban en execución», e de que o plan contra o encarecemento dos alugueiros «adoecía de calendario claro de aplicación».

O concelleiro de Urbanismo de Santiago, Iago Lestegás, negou que o Concello non respondera á petición da Xunta e asegura que o fixo en tempo e forma dando contestación «punto por punto» a todos os requisitos. Tamén advertiu de que as valoracións que fixo a Consellería sobre a efectividade das medidas propostas exceden o que debería ser unha decisión puramente técnica. «Hai unha evidente intencionalidade política» da Xunta, afirma Lestégas.

A alcaldesa de Santiago asegurou que existe pola súa parte «boa vontade» para chegar a un acordo co Goberno de Rueda, pero fontes do seu equipo indicaron que o Concello xa recorreu ante os tribunais do contencioso-administrativo a desestimación da declaración de zona tensionada. En canto á versión da Xunta, a Consellería de Martínez Allegue tampouco respondeu ás preguntas que lle fixo este diario sobre as críticas das rexedoras das dúas cidades, acerca dos criterios que a levaron a negar a Santiago a mesma declaración que se aprobou para A Coruña. Tampouco indicaron se se están a tramitar na actualidade máis solicitudes doutros municipios de Galicia.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail