Gobernar sen orzamentos?

O Partido Popular non ve o xeito de acurtar a lexislatura. Desde o primeiro día teima erre que erre a ver se cae o goberno. Primeiro, por vía dun discurso desproporcionado que nos quere facer crer que España xa é unha protoditadura corrupta e que Sánchez é o seu líder autocrático sostido polos inimigos de España. Unha auténtica hipérbole que non por repetida día tras día vai devir realidade.

Agora tentou ensaiar unha solución máis institucional. A reforma aparece nun plano de «calidade institucional» e, ao igual que facía coas cincuenta ideas para acabar cos lumes, saca da chisteira unha medida estrela. A saber: de non haber orzamentos dous anos consecutivos deberanse convocar eleccións de xeito automático. Máis unha vez, todo nas «ideas» do PP ten por obxectivo botar a Sánchez a calquera prezo, neste caso propoñendo modificar o marco institucional. Estamos ante unha dereita que ve o poder como propio e que pensa que se goberna a esquerda é por unha ilexítima casualidade (a moción de censura).

O problema desta reforma, basicamente, é pedir un consenso bipartidista que non existe. Xa o indica o propio sistema de partidos: a día de hoxe nada sinala que vaia haber retorno ao vello bipartidismo PSOE/PP. Mesmo podería sospeitarse que está en camiño, como en Alemaña, un bipartidismo alternativo PP/Vox. De acordo ao ElectoPanel que elabora Electomanía, por exemplo, o PP lograría un 30,2% por riba do 26,1% do PSOE, sumando entre ambas forzas un 56,3%; ben por baixo do 64,74% do 23X. Vox está no 18%. Poderíase argumentar tendencialidade, mais aos efectos do que estamos a falar non vén a ser moi diferente. Todas as enquisas apuntan unha tendencia similar á baixa dos partidos alternantes desde o 78.

Con independencia dos matices que poida introducir unha enquisa ou outra, o certo é que logo dun ciclo de recuperación bipartidista (2019-2023), chegamos a un punto de inflexión. Non hai rexeneración alén da incerta situación actual. O sistema de partidos non deixa de reflectir o propio réxime. As forzas de ruptura (nova política e independentismo) non foron quen de mudalo. Mais os defensores dese réxime tamén carecen de impulso para despexar a incerteza social e volver así ao bipartidismo.

O PP propón agora que o reforzo da estabilidade parlamentar podería darse forzando a Sánchez a deixar o poder logo de non acadar a maioría para uns orzamentos xerais. Aquí asoma a herdanza fatal do ciclo independentista e a alongada sombra de Junts, que non estaría por pactar os presupostos con Sánchez. Esta non deixa de ser unha fraude que Puigdemont fai ao seu electorado cando lle propón unha política de dereita sen ter xeito de entenderse co PP-V0x. Pola súa conta, a dereita española aspira a pór en marcha a recentralización do Estado. E nada indica que non vaia ser así.

Non hai escusa hoxe para non facer políticas máis á esquerda das que fai Sánchez. En primeiro lugar pola extrema febleza de Junts, lonxe da CiU de Jordi Pujol, que aseguraba as alternancias no bipartidismo. Junts é hoxe unha forza sen base social na constitución material da sociedade. O «partido que todo o atrapa» (catch-all party) foise perdendo e radicalizando na mesma medida en que non foi viábel unha independencia na que tantos acreditaban como vía para recuperar o seu benestar de antano. Junts baixou ata 35 escanos, recuperando 3, mais ben lonxe dos 62 que tiña Artur Mas antes do 15M (posteriormente minguantes: 50 en 2012; 33 en 2017, 32 en 2021 e 35 en 2024). Nas últimas eleccións saíulle un competidor, Aliança Catalana, que arrisca a unha merma aínda maior deixando o resultado de Junts por baixo de 30 escanos.

Neste escenario xeral cun sistema de partidos tan fragmentado, o PSOE ten dous anos para recoller velas e virar á esquerda. Una verdadeira lei de vivenda pode ser neste senso unha política emblemática. Mudar de modelo produtivo é urxente nesta Europa entregada á ultradereita. O PSOE pode e debe liderar ese cambio, sobre todo tendo en conta cal é a alternativa. Gobernar sen orzamentos foi previsto no noso ordenamento constitucional precisamente para situacións de inestabilidade como a actual. Visto o visto non semella que sexa tempo para experimentos.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail