Verán do 42

Cabalgando en la pasión

Juego ritual (ritual, ritual)

Cabalgando en la pasión

Deseo más y más.

La Unión. «Más y más».

Ese Verán do 42 do que fala o título non é o da película de Robert Mulligan –Oscar á mellor banda sonora–, cunha Jennifer O´Neill de 23 anos á que as sinopses definen como «viúva de mediana idade». O «auténtico» verán do 42 é este que estamos a rematar, en que Alberto Núñez Feijóo acadou ese número de parlamentarios e queda só a un do récord absoluto que segue ostentando Manuel Fraga, como un Bob Beamon de Vilalba (isto encantaríalle a @echeoquehai). Co inicio de setembro, arrancou tamén un longo e lento proceso de investidura.

Supoño que, cando levas catro debates de toma de posesión, a cousa xa non impresiona tanto. Non digo que esteas en modo «dáme todo igual», como esa nena que lambe con ansia unha varanda en pleno covid, pero si que ves as cousas doutra maneira. O ritual, a base de repetilo, perde solemnidade. De feito, a única diferenza entre o discurso deste martes e as roldas de prensa do confinamento foi que, ao final, non houbo preguntas dos xornalistas por Wasap. Por unha vez, todo o mundo comeu á súa hora.

Debate de Investidura.

Alberto Núñez Feijóo subiu á tribuna de oradores con varias ideas claras: Galicia votou ben (en realidade, marabillosamente); o Goberno (o de Madrid) goberna mal (moi moi mal), e madredelamorhermoso o marrón que temos por diante e todo o que hai que facer! (Que pasa? Que hai que facelo agora porque non se fixo antes? Que pasa, que en once anos non houbo tempo..? Pode ser, pode ser por iso… pero tamén polo coronavirus, claro).

Conxugando esas tres ideas, é doado atopar o núcleo do actual pensamento feijooniano: se os galegos votaron ben (marabillosamente) foi para que a Xunta os protexa deste malvado Goberno (de Madrid) que é o responsable directo do madredelamorhermoso que temos por diante. De feito, que Pedro Sánchez fose quen trouxo no seu Falcon a cepa de coronavirus creada por Pablo Iglesias nun laboratorio venezolano é algo que aínda non estamos en condicións de descartar…

Curioso que alguén dedique boa parte do seu discurso de investidura a atacar outra administración. No caso de Feijóo, non o é, porque na confrontación con Madrid reside, precisamente, o eixo do seu programa de goberno

Semella curioso que alguén dedique boa parte do seu discurso de investidura, do que ten que ser a exposición do seu programa de goberno, a atacar outra administración. No caso de Feijóo, non o é, porque na confrontación con Madrid reside, precisamente, o eixo do seu programa de goberno: denunciar o inimigo externo que se nega a exercer as nosas (AS NOSAS!) competencias só por amolar! Claro, como el consegue facelo sen ter que agarrar o interlocutor do brazo, sen poñer os ollos en branco nin cuspir mentres fala, xa é dabondo para que, por comparación, ata os nosos influencers-podemitas-subvencionados-de-cabeceira vexan na súa figura ao auténtico Kennedy galego (outra cousa que lle encantaría a @echeoquehai).

Porén, non foi Kennedy, senón un dos seus sucesores, o que deixou unha frase que parecía deseñada para o noso protagonista. «Podería disparar a xente na Quinta Avenida e non perdería votos». Trasladar o símil é complicado, basicamente porque aquí as armas non son legais; pero eu si imaxino a Feijóo conducindo un Hummer pola rúa Príncipe –peonil– e levando decenas de persoas por diante sen que o acto lle quitase unha soa papeleta. Iso si, a diferenza de Trump, el nunca sería tan imprudente como para alardear de que podería facelo. Por iso leva catro maiorías absolutas e Donald non ten garantida a segunda.

Admito que se me escapa a causa desa necesidade de atopar un conservador cuqui da que adoecen máis aló do Telón de Grelos, pero supoño que ten algo de relación con que aquén do Padornelo lle poñamos olliños vizosos a Aitor Esteban… para pranto e desesperación dunha esquerda vasca eternamente gobernada polo PNV. A diferenza básica, creo eu, é que Aitor lle negou o saúdo a Espinosa de los Monteros. Só por iso, xa molaría máis que calquera aspirante a ser o Ruiz-Gallardón branco.

A primeira xornada do ritual durou dúas horas, e nelas non faltaron os momentos para a voz quebrada e a ollada húmida. Pero nós, coma el, tamén levamos catro sesións de investidura e hai cousas que xa non nos sorprenden. O mesmo que nos deixou pampos en The West Wing –o modelo estético da primeira campaña de Feijóo– non provocou máis que frialdade cando, anos despois, trataron de coárnolo de novo en The Newsroom. Como lle dixo Def Con Dos a James Brown, «cuando caías de rodillas en el escenario / y todos ya sabían que era puro teatro». O mesmo teatro que xogar a convencer a un Parlamento en que tes garantida a maioría absoluta…

O xoves, máis.

PD: Minutos despois de rematado o discurso de investidura –e de que a TVG, finalizada a emisión, nos anunciase a comfy pillow, esa almofada anatómica que se coloca entre as pernas–, en Viana do Bolo comezaba o pleno da moción da censura coa que PP e tránsfugas do PSOE destituían o alcalde nacionalista, Secundino Fernández. Afastado dos focos, Baltar Jr. segue a librar a súa propia guerra polo poder…

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail