A virxe do Carme é o noso Houston

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

O 16 de xullo de 1969, o estrondo que emocionaba Galicia era o dos foguetes botados desde os barcos enfeitados para a Virxe do Carme, guía dos homes do mar. Todos soñaban con estoupidos que se sentían na lúa, nas estrelas e máis aló, onde o imaxinario dos galegos sabe que viven os seus, os mariñeiros devorados polas augas.

Unha das numerosas procesións marítimas do Carme que se celebran cada 16 de xullo en Galicia.

O lanzamento do Apolo 11 foi máis de interior. A estación española da NASA, en Fresnedillas de la Oliva, retransmitiu a todo o planeta o primeiro sinal da aluaxe de Armstrong, Aldrin e Collins, e de paso estragou a idealización romántica dos encantos da lúa. Aquela paisaxe seca decepcionou aos quixotes e aos que desembarcaban.

Neil Armstrong traballa fóra do módulo Eagle pouco despois de pisar por primeira vez a superficie lunar.

Estabamos familiarizados coas misións espaciais grazas a Jules Verne, Tintín, os cromos e as películas e series de ciencia ficción, como Star Trek: A conquista do espazo (1966-1969), que aquel ano pasaron na televisión única. Na nave Enterprise compartimos aventuras co capitán Kirk (nunca crerei a William Shatner noutro papel) e co señor Spock. Leonard Limoi foi, na saga, comandante, capitán, embaixador e tenente, pero sempre Spock ata o seu derradeiro traballo, Star Trek na escuridade (2013), cando o destinan a outra astronave nun traslado premonitorio: Spock deixa a súa vida no buque insignia da Flota Estelar da Federación Unida de Planetas, mentres que Leonard Limoi abandonaría a terra sen rodar máis nada.

O capitán Kirk e Spock, de Star Trek.

O despegue da ciencia ficción cinematográfica levounos ata a lúa. O enxeño do ilusionista francés George Méliès creou efectos especiais que fixeron realidade o que daquela nin soñabamos na pantalla nin na vida. A viaxe á lúa (1902) é arte muda en branco e negro, unha delicia de trece minutos. A habilidade para manexar tantos personaxes en escena, a inventiva na construción do foguete e o impacto da cápsula espacial na face do satélite son dunha beleza astronómica.

Viaxe á lúa, de George Méliès, ten unha das secuencias máis memorables da chegada da humanidade ao satélite.

A muller na lúa (1929) resulta difícil de dixerir; sóbralle metraxe, pero ten unha secuencia sorprendente: como puido Fritz Lang adiviñar que os despegues comezarían cunha conta atrás? O director marca na cinta a tensión antes do ascenso empregando cartelas (son case tres horas de cine mudo), exactamente co mesmo dramatismo que vivimos anos despois nas retransmisións da NASA. Se cadra o primeiro arranque mundialmente televisado bebeu da posta en escena do director alemán.

Gerda Maurus, nun fotograma da película de Frizt Lang Frau im Mond, A muller na lúa (1929).

Se os estadounidenses conseguiran chegar a lúa, os españois non ían ser menos. O guionista e produtor Pedro Masó lanza á aventura espacial o seu mellor home, Tony Leblanc. O astronauta (1970) ten golpes marabillosos, agudezas todas de Masó, como que a nave leve o motor dun Seat 600. En terra, desde o pobo de Minglanillas, dirixen a misión José Luis López Vázquez, Antonio Ozores, Lali Soldevilla e José Sazatornil. Con expertos así, que pode saír mal?

Toni Leblanc no que cre que é unha aluaxe na película O astronauta (1970).

O cine fantasiou coa lúa tanto como poetas e pintores. Ata 1969 imperaba a imaxinación, pero as imaxes da pegada de Amstrong propulsaron historias doutro corte. A francesa Operación Lúa (2002) pon patas arriba a fazaña con testemuños de persoeiros da política, como Henry Kissinger ou o astronauta Aldrin, avalando a narración da protagonista, Christiane Kubrick, quen asegura que o seu home Stanley rodou nun estudio a chegada á lúa. Ata o final non se descobre a farsa neste falso documental de imaxes manipuladas e colaboradores estrela. Os que non leron os títulos de crédito creron o relato e inflaron o globo da polémica.

Tamén Matten Johnson xoga coa veracidade da aluaxe en Operación avalancha (2016), outro falso documental, entretido e provocador, onde caben a espionaxe, o humor e un arsenal de cargas de profundidade crítica.

Fotograma do falso documental Operación lúa (2002).

Documentais, biografías e películas avaladas polos gobernos e os protagonistas hai a moreas. O de factura soviética Gagarin, o primeiro no espazo (2013), sobre o cosmonauta da URSS Yuri Gagarin, é fermoso e moi humano. Impacta a narración da misión Vostok, en 1961, sobre o home do sorriso inesquecible. Non está exenta de afectada moralidade, igual que calquera das narracións épicas estadounidenses, como Apolo 13 (1995), o filme de Ron Howards sobre o gran fracaso da nave.

Yuri Gagarin.

Cincuenta anos despois, os foguetes das festas do Carme despegan nas vilas mariñeiras cargados de recordos, soños e emocións. A misión espacial máis fermosa e sentida continúa a voar cada verán sobre as rías e os mares de Galicia.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail