A asociación que dirixe o centro galego acusado de vexar menores xestionaba outros dous onde morreron dous mozos

A Coruña.-  A asociación Ginso, que xestiona en Ourense un centro de menores da Xunta onde a nai dun interno denunciou que son forzados a ouriñar e a defecar por riba de si, estaba tamén a cargo doutros dous reformatorios en Almería e Madrid nos que en 2019 e 2011 morreron dous mozos a mans dos gardas que os custodiaban.

Ginso é a marca abreviada da Asociación para a Xestión da Integración Social, e desde o pasado xaneiro encárgase do complexo Montealegre, que agrupa os centros públicos de reeducación de Montefiz e Monteledo, ambos destinados ao internamento de menores de idade sometidos ao cumprimento de medidas xudiciais.

A nai dun mozo de 18 anos que ingresou en Monteledo no pasado novembro asegura que os internos sofren as citadas vexacións, que ao seu fillo non se lle está proporcionando o tratamento terapéutico ordenado pola xuíza e que está a ser sobremedicado con doses excesivas de psicotrópicos.

A asociación, á que a Xunta entregou a xestión de Monteledo e Montefiz mediante un concerto cuatrianual por valor estimado de máis de 50 millóns de euros, era a entidade que administraba o centro de menores Terras de Oria de Almería. Alí morreu Iliass Tahiri, de 18 anos, o 1 de xullo de 2019.

Atado boca abaixo por cinco gardas

Naquel momento fixérase viral o vídeo que mostra a cinco gardas de seguridade reducíndoo con contundencia e atándolle o corpo boca abaixo a un camastro sen que el opuxese resistencia. O caso foi arquivado en varias ocasións, pero a Audiencia Provincial de Almería ordenou reabrilo en outubro de 2020 e unha xuíza ditou o pasado 26 de xuño a apertura de xuízo oral contra catro dos gardas, segundo informou o diario El País.

Ginso tamén xestionaba o centro Teresa de Calcuta en Brea de Tajos (Madrid), onde Ramón Barrios, de 18 anos, morreu na madrugada do xoves 8 de xullo de 2011 tras unha intervención dos servizos de seguridade do centro. Á familia informóuselle entón de que o mozo falecera por mor dunha parada cardiorrespiratoria, e a pesar de que a morte se produciu tras un altercado cun vixiante e a que a autopsia desvelou posteriormente que o cadáver presentaba indicios de violencia, como hematomas, arañazos e golpes, o seu caso foi arquivado.

Carretera de acceso ao centro de menores Montedelo en Ourense / Foto: Street View

O centro Monteledo, privatizado hai anos polo Goberno de Alberto Núñez Feijóo, estivo baixo a xestión da Fundación Diagrama ata finais do ano pasado. Nese tempo, os traballadores denunciaron en varias ocasións a deterioración das infraestruturas e a escaseza de medios materiais e humanos, así como a degradación dos servizos aos menores, que, polo menos en Monteledo, non incluían prestacións terapéuticas nin módulos ou programas específicos para iso.

En abril de 2020, en pleno confinamento pola epidemia de covid, a Confederación Intersindical Galega (CIG) alertou de que non había máscaras nin equipos de protección nin para os traballadores nin para os internos, que o persoal estaba nunha «situación límite» con varias baixas sen cubrir e que varios mozos ameazaran con amotinarse. En decembro do ano pasado, o día de Nadal, cinco deles consumaron outro motín, que non foi desmobilizado ata que se logrou a intervención da policía nacional.

Mái de 50 millóns

En novembro do ano pasado, a Consellería de Política Social da Xunta, que dirixe Fabiola García, convocou un procedemento para renovar a adxudicación de Montefiz e Monteledo por 23 millóns de euros, que alcanzaba un valor estimado de máis de 50 millóns con modificacións e prórrogas.

Fíxoo mediante a ferramenta do concerto social, unha fórmula de colaboración público-privada frecuente no sector dos servizos sociais que permite adxudicar a súa xestión á marxe da normativa xeral de contratos do sector público. O 24 de xaneiro de 2024 asignoulle a Ginso a de Montefiz e Monteledo, aínda que na documentación publicada no Diario Oficial de Galicia non figura mención algunha a se outras empresas se presentaron ao proceso. Diagrama non o fixo.

En 2018, durante a investigación da operación Púnica, o exconselleiro de Xustiza da Comunidad de Madrid Enrique Granados declarou ante o xuíz que a presidenta Esperanza Aguirre e o vicepresidente Ignacio González lle ordenaran transferir a Ginso importes superiores aos contratados en varios acordos de colaboración co Goberno madrileño. Trátase dun diñeiro que foi supostamente desviado con facturas falsas, segundo a súa versión, a outra empresa que sufragaría gastos da campaña do PP nas autonómicas de 2007.

Luzes-Público púxose en contacto con Ginso para obter a súa versión dos feitos, pero fontes do departamento de comunicación da empresa derivaron á Xunta calquera pregunta sobre as denuncias relativas ao centro de menores de Monteledo.

A Consellería de Fabiola García asegura que son falsas e que está a cumprir tanto a legalidade vixente como as medidas de internamento recollidas nas sentenzas ditadas polos xuíces.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail