Os otorrinos do hospital que dirixe Eloína Núñez suspenden a súa folga

O Servizo Galego de Saúde impón a Núñez Masid o cesamento do xefe de servizo a quen os médicos acusaban de vexacións, violencia verbal e discriminación laboral

A CORUÑA.- Os médicos do hospital público compostelán que dirixe Eloína Núñez Masid, curmá de Alberto Núñez Feijóo, e que levaban oito meses en folga reclamando medidas contra o xefe do Servizo de Otorrinolaringoloxía, decidiron suspender as súas protestas despois de que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) iniciase o procedemento para cesar o responsable, ao que acusan de acoso laboral e trato vexatorio.

O departamento de recursos humanos da área sanitaria de Santiago informou o pasado venres á Comisión de Centro de Atención Hospitalaria do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) do inicio do proceso para relevar a Carlos Martín, xefe de Otorrinolaringoloxía. Tres días despois, o sindicato CCOO anunciou a suspensión da folga, aínda que a súa desconvocatoria non se producirá ata que non haxa unha resolución definitiva.

O conflito iniciouse hai un ano, cando dez dos trece otorrinos da área sanitaria de Santiago puxeron oficialmente en coñecemento da xerente, Eloína Núñez Masid, curmá carnal do expresidente da Xunta e líder do PP, as vexacións e discriminacións ás que ao parecer os sometía o xefe do servizo. Cinco meses despois, e pola falta de resposta, iniciaron unha folga indefinida que provocou a suspensión de miles de consultas, segundo o sindicato.

Na carta que enviaron a Núñez Masid en xuño de 2021, os otorrinos aseguraban que desde hai anos están sometidos a episodios de agresividade e violencia verbal por parte do seu xefe, con insultos, berros e descualificacións en privado e en público, tamén diante dos pacientes. Unha médica chegou a asegurar que sufriu un violento agarrón que lle produciu hematomas nun brazo.

A decisión dos profesionais de manterse firmes na súa posición e seguir en folga durante meses a pesar da falta de resposta de Núñez Masid motivou que o Sergas terminase por abrir unha investigación interna que, segundo puido saber este medio, concluiría nun expediente sancionador contra o xefe de Otorrinolaringoloxía, tras cuxa conclusión a dirección da administración sanitaria habería imposto o seu cesamento á curmá de Feijóo.

Feijóo e Eloína Núñez, no Clínico de Santiago / Foto: Xunta.

Luzes-Público tratou de obter a versión do Sergas, pero o seu departamento de comunicación limitouse a derivar a consulta á xefa de prensa de Núñez Masid, quen non atendeu á chamada deste diario e limitou a súa resposta a unha concisa mensaxe por Whatsapp: «Ola. Nada que dicir».

Luzes-Público tamén tentou sen éxito obter a versión de Carlos Martín, quen presentou unha querela por inxurias e calumnias contra os médicos folguistas que foi admitida a trámite por un xulgado de Santiago.

Eloína Núñez Masid é Licenciada en Medicina pola Universidade de Santiago, e foi nomeada xerente xeral do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense en maio de 2009, poucas semanas despois de que Núñez Feijóo alcanzase a presidencia da Xunta. En 2017 ascendeuna a xerente da área sanitaria da capital de Galicia.

Ex concelleira en Ourense polo Partido Popular, a carreira política de Núñez Masid tamén correu paralelamente á de Feijóo, que o ano pasado a colocou no Comité Executivo autonómico do partido, onde se mantén baixo a dirección de Alfonso Rueda.

Os profesionais que traballan no CHUS teñen alertado en numerosas ocasións sobre a desorganización e o caos en varios servizos. A última foi en maio pasado, cando unha trintena de médicos do servizo de Medicina Interna denunciaron por escrito a falta de medios e persoal, advertindo da deterioración da calidade asistencial e do risco que esa «situación insostible», como a definiron, supón para os seus pacientes.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail