América Latina, ao rescate da esperanza

Cando as pasadas eleccións en Perú, o xornal Abc publicou na capa e a toda páxina este titular: «El bolivarismo extiende su poder por Iberoamérica». Que sucedera para dar esta voz de alarma dende o eido máis conservador da prensa española que aínda mantén a autoficción de exercer de altofalante da «madre-patria», ou sexa, do vello patriarca-imperial? Non estaba o «bolivarismo» contra as cordas hai nada? Algo fixera Simón Bolívar pola independencia do Perú, pero, que facía o «bolivarismo» metendo os fociños no país? ¶ Perú é un país de grandes desigualdades, con moi pouca mobilidade social. Un modelo de «círculo vicioso», dominado por unha oligarquía tan clasista e abusiva co pobo como servil á hora de entregar os mellores recursos a grandes compañías multinacionais, como está a ocorrer coas xigantescas explotacións mineiras a ceo aberto. Agora, o ouro do Perú é o litio e outros minerais de «nova xeración». ¶ A alerta conservadora ía ilustrada coa foto de Pedro Castillo, un mestre rural que viña de vencer nas urnas, e coa sinxela icona dun lapis, a maquinaria pesada dos grandes poderes conxurados. A ollada da supremacía ignorouno primeiro. Era un invisíbel candidato dos invisíbeis. Despois tomárono a chiste, como xa ocorrera con Evo Morales, como un exotismo desprendido dun conto de realismo máxico. Pero, que pode pasar cando os invisíbeis son máis que os visíbeis? ¶ A realidade «alternativa» perde o cu cando, de súpeto, aparece a realidade. A realidade, dicía John Berger, sempre é hostil cos que ocupan o poder. Ven os pantasmas de Bolívar e Marx, a cabalo polas serras andinas e en motocicleta polas rúas de Bogotá ou Santiago de Chile. Mais non ven a realidade. ¶ Hai cincuenta anos que se publicou un deses libros que cambian o sentido da mirada. As veas abertas de América Latina, de Eduardo Galeano, apareceu como un instrumento óptico revolucionario que permitiu a descuberta de realidades incógnitas ou ocultas baixo moreas de trolas e restroballo retórico. Esa é a herdanza dos imperios: levan canda si toda a riqueza que poden e deixan grandes buracos, xeográficos e mentais. ¶ O libro correu de man en man, e moitas veces cos gardas detrás. Os gardas de uniforme e os outros, pois dende o comezo foi deostado polos que Paul Nizan chamaba «chiens de garde», é dicir, os intelectuais e propagandistas ao servizo do establishment e dos privilexiados. Unha ferramenta imperfecta, como dixo o sempre autocrítico Galeano, mais con esa calidade de por en tinta visíbel o invisíbel. A proba é que anda vivo, como anda Os condenados da terra, de Frantz Fanon, axudando a ver na maleza, abaneando conformismos e contribuíndo a estabelecer espazos de emancipación a partir dos campos da verdade. ¶ Foi en América Latina onde máis veces se escenificou, ao longo da historia contemporánea, o secuestro da palabra «liberdade» e toda a súa familia léxica. Fai tamén cincuenta anos, abríronse as portas de todos os infernos, a Operación Cóndor, co exterminio e desaparición dunha xeración rebelde. Mentres no subsolo os carniceiros esfolaban a liberdade, o abrazo de Pinochet e Milton Friedman celebraba as nupcias do poder inmoral e a cobiza ilimitada. Era o brinde inaugural do neoliberalismo, que logo arrasou mundo adiante. Cumpría borrar o maior programa universal progresista de todos os tempos: a Declaración dos Dereitos Humanos. E aí leva anos, secuestrado. ¶ É tamén en América Latina onde máis se leva, loitando a un tempo, contra os think tanks, os tanques do pensamento deshonesto e os tanques da represión. Os dous tentan atordar. Mais xa non poden co espertar dos vivos e dos mortos.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail