Eólicos: do reparto do botín á nova burbulla verde

Estamos asistindo a un novo boom da enerxía eólica en Galiza, con ducias de proxectos que ameazan con reproducir e mesmo acrecentar as eivas da desordenada planificación executada nestas últimas décadas. O desenvolvemento normativo do sector, claramente orientado a maximizar os beneficios dun reducido grupo de empresas, tivo como consecuencia unha implantación desordenada e agresiva das instalacións eólicas, na que os valores naturais e os intereses dos habitantes dos territorios sobre a que se asentaron ficaron prexudicados.

Xa antes de elaborarse o primeiro mapa eólico de Galiza (1988) os parques eólicos comezaron a instalarse no país (Estaca de Bares, 1988). Até 1995 non se aprobou a primeira normativa reguladora do aproveitamento eólico, o Decreto 205/1995. En ausencia dunha planificación sectorial (o Plano Sectorial Eólico de Galiza non chegaría até decembro de 1997), as empresas eólicas son as que propuxeron os espazos para acoller as súas instalacións, de xeito que entre 1995 e 1996 a Xunta autorizou 10 planos eólicos estratéxicos a outras tantas promotoras. Abondaba con presentar unha solicitude na Consellaría de Industria indicando as zonas de interese e a potencia demandada, sen competencia nin concorrencia competitiva entre as empresas solicitantes. O que aconteceu, xa que logo, foi un reparto do pastel eólico entre un reducido número de beneficiarios.

Eólicos xa instalados en Corme. Foto Suso Lista

Cando en 1997 se aprobou o primeiro Plano Sectorial Eólico, atinxindo a 624.173 hectáreas de territorio, o 21,1% da superficie de Galiza, 472.761 xa estaban dadas e a Xunta xa asignara a 10 empresas 2.842,3 MW, (o 75,2% da potencia eólica instalada até finais de 2019). O reparto das zonas eólicas entre as beneficiarias e a asignación da potencia a instalar estaba pois practicamente feita antes de que o lexislador aprobara sequera unha primeira planificación do sector.

En 2001 veu a luz o Decreto 302/2001 que substituíu ao de 1995. Porén baixo este decreto non se autorizou ningún proxecto eólico empresarial novo, só ampliacións e modificacións dos xa aprobados con anterioridade, polo que tampouco existiu concorrencia entre as promotoras. Ademais, o novo decretopermitía instalar parques eólicos na Rede Natura 2000 ao establecer que os seus valores ambientais non se verían afectados pola construción de parques eólicos. Gran parte dos parques (53) que se instalaron dende o 2001 até 2007, cando se aprobou xa co goberno bipartito un novo decreto eólico, fixérono dentro da Rede Natura 2000 (15 espazos afectados).

En 2002 o goberno Fraga aprobou unha modificación do Plano Sectorial Eólico de Galiza na que a Rede Natura 2000 seguía a ser explotábel. Mais non só iso, agora tamén as zonas de elevado valor paisaxístico eran declararas compatíbeis coas explotacións eólicas: «procede declarar la compatibilidad de estas instalaciones con el paisaje gallego, dado el potencial eólico de la región, que haga de los parques eólicos una seña de identidad de la Galicia del futuro».

Excavación en Corme para un aeroxenerador. Foto Sol Mariño

Esta modificación do Plano Sectorial establecía tamén dúas condicións chave que incidirán na pegada territorial e socioeconómica dos parques. Declaraba o carácter supramunicipal da planificación eólica suprimindo a intervención dos concellos no proceso de decisión sobre a implantación das instalacións e consideraba ás explotacións eólicas como de interese público e utilidade social, o que permite ás empresas reclamar a expropiación forzosa das terras. A Xunta puxo nas mans das promotoras unha ferramenta determinante que usarán intensamente para impoñer os seus intereses sobre os dos propietarios das terras.

En 2007 o goberno bipartito aproba o Decreto 242/2007 para tentar reorientar desenvolvemento eólico en Galiza cara un modelo máis respectuoso co ambiente e con maiores beneficios sociais para as comunidades afectadas. Estableceuse un límite para a potencia a instalar anualmente mediante concurso, introducíronse criterios sociais e ambientais na valoración dos proxectos así como compromisos de participación pública e investimentos locais.

A lei Feijóo eliminou a participación pública nos proxectos eólicos, malia a que a Xunta participa en ducias de empresas públicas e semi-públicas

O Decreto 242/2007 estableceu tamén por vez primeira a exclusión das áreas da Rede Natura 2000 e outros espazos de protección ambiental do aproveitamento eólico, requirindo para todas as demais unha avaliación ambiental positiva como condición indispensábel para autorizar un proxecto.

Baixo este decreto só houbo un concurso de adxudicación de potencia que non se chegou a executar pola vitoria do PP nas eleccións de 2009 e a aprobación dunha nova lei eólica nese mesmo ano.

Maquinaria traballando no Monte Iribio, nunha zona con xacementos megalíticos. Foto Nery Díaz

Xa con Núñez Feijóo na Xunta, apróbase Lei 8/2009 pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, norma hoxe vixente. E como primeira consecuencia desestímanse as adxudicacións feitas no concurso do bipartito o que provocou a reclamación xudicial de compensacións e indemnizacións económicas por parte de varias adxudicatarias. A lei eliminou a participación pública nos proxectos eólicos, xustificándoo polas eivas que suporía para a administración galega formar parte dos consellos de administración das empresas eólicas, maila a que a Xunta participa en ducias de empresas públicas e semi-públicas.

A lei criou tamén o Canon Eólico e o Fondo de Compensación ambiental para resarcir dos impactos ambientais dos parques, mais o canon estableceuse por unidade (muíño) e non pola potencia do parque ou a produción, de xeito que unha progresiva mellora tecnolóxica está a facer que os parques teñan cada vez menos muíños e xa que logo, devenguen un canon decrecente.

Dende a aprobación desta norma e até o parón sufrido polo sector a partir do ano 2012, instaláronse en Galiza 244 MW, apenas un 8% da potencia desenvolvida dende a aprobación do primeiro decreto en 1995. Até o ano 2016 a combinación da crise económica coas mudanzas lexislativas que afectaron ao mercado eléctrico estatal, que en 2013 (goberno de Mariano Rajoy) suprimiu as primas ás renovábeis, a instalación de parques eólicos foi case nula.

Neste novo desenvolvemento inflacionario, a diferenza do de finais dos 90, as empresas eólicas son agora ferramentas dos grandes fondos de investimento

En 2017, con novas subastas estatais de potencia renovábel e o aumento dos prezos de retribución, recupéranse os investimentos e comeza a promoción de novos parques. Arestora asistimos a un novo «boom» eólico con arredor de 130 parques eólicos en tramitación, cunha potencia total de máis de 10.000 MW, máis do duplo da instalada dende o inicio da serie histórica até finais do ano 2020.

Obra da plataforma dun macroxenerador, no Mirador da Gurita (Ponteceso). Foto Suso Lista

As características deste novo desenvolvemento inflacionario difiren do de finais dos anos 90 do pasado século e a primeira década de 2000 en que as empresas eólicas son agora ferramentas dos grandes fondos de investimento, maioritarias no seu accionariado, e en que aparecen instalacións que son tramitadas tamén polo Estado ao superaren os 50 MW de potencia (Lei 24/2013 do sector eléctrico).

Porén, o modelo de desenvolvemento eólico segue a ser o mesmo: existe un forte desequilibrio a favor dos intereses empresariais en detrimento da protección ambiental e da participación social, ao contrario do que acontece noutros países de Europa. A cidadanía en xeral e particularmente a directamente afectada polo desenvolvemento eólico segue carecendo de capacidade de decisión e moito menos de participación nos beneficios destas instalacións.

As continuas prebendas lexislativas concedidas pola Xunta e tamén polo Estado ás promotoras eólicas (redución dos prazos de consulta pública, colapso e exención de determinados trámites administrativos e ambientais, prioridade na tramitación e nas subvencións, preeminencia da utilidade pública dos proxectos, etc.) condicionaron gravemente a relación das empresas cos titulares das terras, prexudicando as rendas rurais e agravando o fenómeno do abandono, o absentismo e o despoboamento.

Logo de décadas de desenvolvemento eólico, nas áreas de implantación e ao contrario que o publicitado pola Xunta, non se deu revertido a situación de queda demográfica e deterioro das rendas dos seus habitantes. Ben ao contrario, aconteceu unha constante queda poboacional, continuou o abandono dos sistemas produtivos tradicionais e non se parou o envellecemento, persistindo graves as eivas estruturais do rural galego, particularmente no que atinxe ao acceso e calidade dos servizos básicos.

As demandas das entidades ecoloxistas, sociais e gremiais e dos colectivos e plataformas de afectados, pasan por unha moratoria a novos desenvolvementos eólicos mentres non se actualice a planificación sectorial vixente. Acontece que o Plano Sectorial Eólico, aprobado en 1997 e reformado en 2001 nin sequera pasou unha avaliación ambiental estratéxica como están obrigados todos os planos e programas que interveñan sobre o territorio.

Esta moratoria debería servir tamén para revisar o marco legal tanto sectorial (Lei Eólica) como económico-administrativo (Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais –alcumada «Lei de Depredación»–, e lei de Simplificación Administrativa). Deberíase revisar a fiscalidade eólica (un canon por potencia ou produción, non por muíño), eliminar as prebendas das empresas (acceso á expropiación, utilidade pública, promover contratos xustos) e reverter os recortes administrativos que reducen e condicionan a participación dos concellos e da cidadanía afectada.

Fins Eirexas é secretario técnico de ADEGA

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail