O dono de Sargadelos anuncia o peche da fábrica de cerámicas por unha multa de 5.000 euros

A Coruña.- O administrador único do grupo Sargadelos, Segismundo García, comunicou por carta a Inspección de Traballo e Seguridade Social que  «con data de hoxe mesmo», por este mércores, procede ao peche da planta de produción da emblemática factoría de cerámica en Cervo (Lugo), «diante a imposibilidade de resolver en prazo as deficiencias» que foran detectadas.

O anuncio prodúcese días despois de que o propio Segismundo García instase por carta a Inspección de Traballo a «pechar e precintar» a fábrica tras recibir unha multa de 5.000 euros por 36 deficiencias en materia de seguridade e hixiene laboral.

As instalacións de Cervo están declaradas ben de interese cultural e na súa carta deste mércores, o administrador de Sargadelos mesmo chega a suxerir que sexan aproveitadas «para acometer un centro de interpretación da cerámica». Sargadelos ten outra factoría na localidade do Castro, en Sada (A Coruña). Ambos os centros suman ao redor de 200 traballadoras.

Luzes-Público puido saber que algunhas delas cren que se trata dunha manobra de axitación García destinada a forzalas para que convoquen protestas e presionen así á Inspección de Traballo, que depende do Ministerio de Traballo e Economía Social da vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz.

A viceportavoz do BNG no Parlamento de Galicia, Olalla Rodil, pediu á Xunta que actúe «de maneira inmediata« para impedir o peche de Sargadelos, «un auténtico emblema» de Galicia, sinalou.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail