O pozo do abismo e o dereito de espada  

O veleno adoita administrarse disolvido en infusións benéficas. Como avisou o vagalume Kapuściński, as guerras non comezan cando se oe o primeiro disparo. Comezan antes, cando cambia o vocabulario nos medios de comunicación e nos discursos políticos. Dito doutro xeito, cando o veleno vai penetrando, en pequenas doses, pinga a pinga, no sangue da linguaxe. Cando muda o sentido das palabras. E prodúcese un estupor ético, unha suspensión das conciencias ¶ Estamos a vivir esa intoxicación. Cando a atmosfera verbal se carga coa palabra guerra, semella que ese destino é inevitábel. Non se fala de causas e efectos, senón que toma o xeito dunha profecía a cumprir. No Libro do Apocalipse fálase dunha chave que abre «o pozo do abismo». No relato bíblico, esa chave utilízase e a Terra será un inferno tan terríbel que os homes desexarán morrer, «pero a mesma morte fuxirá deles» ¶ O abraiante da creación deste medio ambiente bélico é que, agora e aquí, no mundo real, tamén se fala moito da chave que abre «o pozo do abismo», mais non se fala do que debería ser o centro da conversa civilizada: asegurarse de que a única chave a man sexa a que peche o pozo do abismo ¶ Porque o abismo, como inferno global, non é un lugar metafórico no planeta Terra e no século XXI. Con datos de 2023, hai no mundo 12.442 cabezas nucleares: Rusia (5.889), Estados Unidos (5.244), China (410), Francia (290), Reino Unido (225), Paquistán (170), India (164), Israel (90) e Corea do Norte (30) ¶ Que está a pasar? ¶ Vense de conceder ao xaponés Riken Yamamoto o premio Pritzker, o máis prestixioso galardón da arquitectura, e o xurado destacou como principal mérito a «normalidade extraordinaria» da súa obra. Un curioso paradoxo que, invertido, pódenos servir para definir o mundo a estas alturas do século XXI: estamos mergullados nunha «anormalidade ordinaria». Son varias as causas confluentes que están detrás desta regresión abismal, pero o trazo principal que fai verosímil o escenario dun mundo en cachizas é a volta ao dominio, xa sen límites nin escrúpulos, do dereito internacional dos máis fortes e o desmantelamento práctico dos espazos non abismais, como a propia ONU ¶ Nunca tanto necesitou o planeta da diplomacia, e da chave da paz e da cooperación que feche o pozo do abismo. E, sen embargo, está a impoñerse a excitación destrutiva, cunha nova carreira armamentística, a violencia catastral, e a imposición de facto dunhas relacións internacionais baseadas no que o neordelandés Hugo de Groot, aló no século XVII, definiu como ius gladii: o dereito internacional de espada ¶ Nas súas notas de viaxe a unha colonia penitenciaria en Siberia, Antón Chejov conta a historia curiosa dunha fotografía na que todos os presos que saían estaban encadeados pero que conseguiron colocarse de tal xeito que na imaxe final non se ven cadea ningunha. Ben podería ser unha metáfora deste tempo, do mundo de hoxe. Estamos presos dunha dinámica histérica que non controlamos. Pero, iso si, na foto non se ven as cadeas ¶ Mellor sería que estivesen á vista. ¶

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail