As provincias da Coruña e Pontevedra son dunha cor laranxa escura, semellante á de Madrid ou París, Roma, toda Bélxica e os Países Baixos ou Inglaterra. A cor de Lugo ou Ourense é dunha carne marfiliña, coma o do interior de Francia. Non se observa ese ton esvaído no centro ou leste de Europa pero si na meirande parte das dúas grandes penínsulas do continente: a Ibérica e a Escandinava.
Son as cores do despoboamento, as cores que amosan unha Europa que morre, a do mundo rural no occidente continental, fronte a outra apegada á terra, a de todos os novos socios comunitarios do leste onde as cores vívidas son o reflexo dun éxodo ás cidades aínda non masivo; a mesma intensidade que nunha Europa central que presenta unha sucesión de grande cidades e campos industriais, camiño de se converter nunha gran megalópole.
Os Fondos Europeos de Desenvolvemento Rural e de Cohesión da próxima década aumentarán as súas partidas cara as rexións europeas máis afectadas polo reto demográfico, que se converterá nun criterio obxectivo máis para acceder ao peto de Bruxelas
Esa Europa despoboada, baleirada, a do interior galego, das Castelas ou Estremadura, do Orleans francés, as Highlands escocesas ou a rexión escandinava do Lapland é a que maiores riscos de pobreza sofre. «A pobreza semella afectar de xeito desproporcionado ás zonas rurais», denuncia un informe do Servizo de Estudos do Parlamento Europeo.
E isto ven sendo así porque a escaseza e o envellecemento da poboación non incentivan a inversión en instalacións educativas ou infraestruturas nin favorecen o dinamismo empresarial, propiciando niveis de emprego máis baixos ou a temporalidade, explican os expertos da Eurocámara. A sensación de illamento faise aínda maior e retroalimenta a fuxida dos novos.
Os estudos económicos asocian as zonas baixamente poboadas cunha economía débil, niveis de renda inferiores aos da media estatal ou da UE e, cando se trata do mundo rural, con «economías fráxiles onde predominan as actividades vencelladas á agricultura» e existe «o illamento xeográfico ou considerables dificultades de integración territorial con outras rexións».
No mundo rural europeo vive o 28% da poboación, un chisco menos que a terceira parte residente en vilas ou suburbios das cidades. Só Lituania na UE conta cunha poboación rural maior que a urbana
Estamos cando menos ante un problema grave no económico considerando que no mundo rural europeo vive o 28% da poboación, un chisco menos que a terceira parte residente en vilas ou suburbios das cidades. Só Lituania na UE conta cunha poboación rural maior que a urbana. Eurostat, a axencia europea de estatísticas, relaciona tamén ambos os dous problemas. «Unha gran proporción da poboación da UE vivindo nas zonas rurais afronta un risco de pobreza ou exclusión social», sinalan os seus cálculos, unha cuarta parte deses habitantes.
Ata Bruxelas ten chegado a grave situación demográfica no rural español e no galego, tamén as últimas protestas vividas nas rúas contra a falla de investimentos lonxe das grandes cidades e a costa. Un 13% do territorio peninsular é considerado «un deserto demográfico» segundo os estudos das institucións comunitarias. Ao longo das dúas últimas décadas, as autoridades autonómicas e locais españolas xestionaron unha das partidas máis onerosas de fondos estruturais entre os países europeos, por iso dende o Parlamento Europeo veñen apuntando directamente que «as autoridades españolas tiveron pouco éxito en frear o despoboamento rural». A zona dos montes celtibéricos no centro e leste da Península conta coa poboación máis envellecida de toda a UE, menos de oito habitantes por quilómetro cadrado. As Highlands ou a Lapland contan con valores semellantes.
A zona dos montes celtibéricos no centro e leste da Península conta coa poboación máis envellecida de toda a UE, menos de oito habitantes por quilómetro cadrado. As Highlands ou a Lapland contan con valores semellantes
Será por cartos!!! Entre 2014 e 2020 España está a recibir preto de 20.000 millóns de euros dos fondos estruturais, sociais e de cohesión da UE, dos que a Galiza lle tocan un 10%. É unha das comunidades autónomas máis beneficiadas en España xunto a esas rexións con problemas semellantes de despoboamento no rural. Mais nin na Xunta nin na Moncloa lle botaron un ollo a este problema.
Os Fondos Europeos de Desenvolvemento Rural e de Cohesión da próxima década aumentarán as súas partidas cara as rexións europeas máis afectadas polo reto demográfico, que se converterá nun criterio obxectivo máis para acceder ao peto de Bruxelas. En Bruxelas son conscientes da necesidade de frear a perigosa tendencia de despoboamento e pobreza no mundo rural ao tempo que nel a natureza medra sen control nun ermo de cativas e cativos.
Haberá que analizar outra perigosa relación. A que amosa como algunhas destas zonas rurais, despoboadas, esquecidas, sen perspectivas económicas, é onde cala un maior sentimento euroescéptico. Aconteceu co voto do Reino Unido interior no referendo do Brexit. É onde a ultra Marine Le Pen ten parte dos seus caladoiros electorais. Será todo culpa da UE?