O atrás, a sombra e o compás

Lembro o día no que collín o texto de Rastros. Foi na ESAD de Galicia, en Vigo. Debía ser o ano 2012, na biblioteca da Escola. Tiña que escoller un texto para unhas prácticas. Era unha peza de Vidal Bolaño que non coñecía. Logo descubrín que miña nai o tiña na casa. Roberto traballara con meu pai, por iso para min era (e é) máis Roberto que Vidal Bolaño. Cando o lin quedei abraiado co nivel de realismo e honestidade. Xa naquela primeira lectura tiven a sensación de que era brillante, conectada con correntes de realismo poético do mellor teatro da segunda metade do século XX.

Aquel exercicio académico (un fragmento duns vinte minutos da peza) quedou como precedente. E tamén foi aprendizaxe, como debía ser. Démonos conta do poder (e tamén do perigo) desta historia de Roberto. Por? Pensaredes. Dende o meu punto de vista, está escrita cunha paixón e unha rabia moi fortes. Sinto que de fondo latexa unha pregunta: por que as cousas non son o que poderían ser? E outra, conectada á anterior: que pasa co galeguismo que fracasa unha e outra vez? Porén, a parte humanística é máis forte que a política en Vidal Bolaño. Xa mo contou Paco Macías, amigo e editor do dramaturgo santiagués. «Roberto era un romántico, non un político». Por moito que tivese amizades principalmente na esquerda ideolóxica.

Naqueles anos da ESAD tamén falei con parte do reparto orixinal, tres dos catro. Foron Patricia de Lorenzo, Luis Iglesia, Xoán Carlos Mejuto e Rubén Ruibal. Foi no ano 1998. Roberto quería adaptar algún texto de narrativa galega. Mais pasaba o tempo e non daba co que buscaba, falar das fracturas do galeguismo. Rematou escribindo el a peza, a pouco tempo de comezar a ensaiar. Por iso a escrita seguramente ten menos perspectiva que outras obras de Roberto. E asemade vese a súa paixón polo cine clásico. O texto parte dunha metáfora do western, que nós adaptamos aos tempos de hoxe.

Imos a outra das preguntas clave: por que este texto? O máis honesto sería dicir: non o sei. Non foi unha decisión plenamente racional. Quería facer un espectáculo de varios actores, e a obra de Vidal Bolaño conta temas que me importan e me moven por dentro. Tamén porque o feito de querer facela non desapareceu en anos. E entendo que por algo será. Roi Vidal, o maior dos dous fillos que tivo Roberto, contoume que no ano das Letras Galegas adicado ao dramaturgo (2013) el díxolle a Belén (a última parella de Roberto e propietaria dos dereitos): «Fai Rastros». Mais foi unha obra polémica no seu momento, que tivo menos funcións do habitual nos espectáculos do autor e director santiagués.

Fotografías: Roi Rodríguez.

E aquí estamos vinte anos despois da morte de Roberto. Fun con meu pai ao Salón Teatro de Santiago. Alí estaban o famoso sombreiro e o nariz de pallaso. O noso espectáculo quere ser primeiro unha peza para o presente. O teatro sempre é teatro contemporáneo. Sexa o texto de cando sexa. Nunha conversa co propio Roi falámolo. A min tranquilizoume, cando me contou «o maior rasgo de bolañismo é adaptarse aos tempos, Lois, non te preocupes». Nese momento souben que tiña que seguir apostando polo que estabamos facendo.

O proceso de ensaios na Illa de Arousa foi intenso. Rastros fala do suicidio, do difícil que é manter determinadas relacións humanas. E manter a perspectiva coas paixóns non é tarefa fácil. Fomos familia, remando co mar das palabras de Vidal Bolaño. Ensaiamos mañá e tarde, todo febreiro. Rematamos alí no inicio do antroido, foi un presaxio. Unha das dúas compañías que fixo Roberto chamábase así, Teatro do Antroido.

O actor Alejandro Carro, grande amigo meu, foi un grande aliado á hora de analizar o texto. De moito ler chegamos a que os personaxes están na cabeza da protagonista. A propia Belén preguntoulle a Roberto no proceso de ensaios do 98: «Onde están?». En ningures. Polo tanto Rastros ten moito de acto poético, porque o aquí (Teatro do aquí foi a outra compañía de Vidal Bolaño) é o sobrado no que vivía a protagonista… E os tres homes están alí, e non están. Moncho come callos nunha taberna, Iago cumpre condena en Alcalá-Meco e Xan vai nun taxi camiño do aeroporto. Por isto a peza son recordos, dispersos na agarda que teñen estes tres amigos mentres Esther está no hospital debaténdose entre a vida e a morte.

Rastros é tan delicada como dura. Cuns contrastes tan fortes como a vida. Unha das decisións importantes foi mover a idade dos personaxes á do reparto. Trinta anos (no texto a protagonista cumpre corenta). Desta maneira puidemos contar un dos temas tristemente actuais: o suicidio é o primeiro motivo de morte nas persoas de menos de trinta e cinco anos. Outro dos temas polémicos a tratar é o independentismo. Iago, un dos tres homes, forma parte do Exército Guerrilheiro do Pobo Galego Ceive. O máis parecido que houbo a ETA en Galicia. As diferentes formas do amor e a amizade están na primeira liña de guerra desta dramaturxia de Vidal Bolaño.

Seguramente a clave debe ser que unha persoa deixa a pegada que pode deixar. Nin a que soña nin aquela á que a realidade a obrigou. E non falo de equidistancia, só de que as experiencias están nese equilibrio imperfecto entre o idealismo e o día a día. Ese camiño é o que deixamos atrás, tanto a nivel individual como a nivel social. Dirían Celtas Cortos que é a «auga do ritmo do mar, que a todos os ananos dá o sal». E Moncho, un dos personaxes: «A vida nunca entendeu de bos modais».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail