Feijóo nomeou e ascendeu a dedo a cargos do PP que contrataron coa empresa que dirixe a súa irmá en Galicia

Preto do 80% dos 37 millóns en contratas da Administración galega coa empresa que dirixe Micaela Núñez canalizáronse a través de entidades instrumentais, fundacións e empresas públicas

A Coruña.- Máis do 77% do orzamento que a Xunta de Galicia adxudicou ás empresas do grupo que dirixe a irmá de Alberto Núñez Feijóo desde que este accedeu ao poder canalizáronse a través de entidades instrumentais, en moitas das cales o presidente galego ha colocado a dedo a amigos e cargos do PP e a militantes dese partido.

Eulen está dirixida en Galicia pola irmá Feijóo, Micaela Núñez Feijóo, que foi ascendida á dirección da zona noroeste da empresa no 2016, ao ano seguinte de que o grupo que fundou o empresario leonés David Álvarez Díez obtivese o seu récord de adxudicacións en Galicia. Desde que Feijóo gañou as súas primeiras eleccións no 2009 ata a actualidade, Eulen obtivo do seu Goberno contratas por máis de 37 millóns euros.

Segundo puido comprobar Luzes-Público coa análise dos máis de 150 contratos do grupo coas administracións galegas rexistrados entre o 2009 e o 2021 no Diario Oficial de Galicia (DOG) e na plataforma Contratos Públicos de Galicia ( CPG), existe ademais unha coincidencia temporal entre determinadas adxudicacións e os movementos de altos cargos na Administración galega e as súas entidades instrumentais.

O principal cliente público do grupo empresarial na comunidade é o Servizo Galego de Saúde (Sergas), que lle outorgou máis de 8,7 millóns de euros durante o últimos trece anos. É dicir unha media de case 770.000 euros por exercicio, seis veces máis do que obtiña co Goberno de coalición do PSdeG e o BNG que antecedeu a Feijóo, e que adxudicou a Eulen pouco máis de medio millón de euros en toda a lexislatura -uns 126.000 euros ao ano-.

O Sergas foi un dos primeiros organismos nos que Feijóo procedeu a realizar cambios nada máis acceder á Xunta. De feito, ás poucas semanas da súa chegada colocou na xerencia da área sanitaria de Ourense á súa propia curmá, Eloína Núñez Masid, ex concelleira do PP en Ourense, e a outros cargos do partido, como Luís Verde, ex concelleiro en Abegondo (A Coruña), primeiro xerente da área sanitaria de Ferrol e logo ascendido a xerente da área da Coruña. Unha das primeiras decisións de Verde nada máis chegar ao seu cargo en Ferrol foi contratar con Eulen a limpeza do hospital naval da cidade por 209.000 euros.

No 2012, Feijóo nomeou á fronte do Sergas a Nieves Domínguez, unha médico de familia que mantivo o seu cargo ata setembro do 2014, o ano no que se sacou a concurso o servizo de vixilancia dos centros de saúde da área sanitaria de Vigo, a máis grande de Galicia.

O presidente da Xunta e a súa irmá, Micaela

O departamento de Domínguez dividiu o procedemento en dúas adxudicacións que sumaban trinta lotes por un valor global de 4,59 millóns. Na asignación final, aprobada precisamente en setembro pouco antes da saída de Domínguez, Eulen só obtivo oito deses trinta lotes. A multinacional leonesa levou 438.000 euros, é dicir menos do 10% do total.

Domínguez dimitiu ese mesmo mes aludindo razóns persoais. O xerente da área sanitaria de Vigo, Mario González, quen asinara aquelas adxudicacións, foi cesado pouco despois. Cunha nova xerencia, o Sergas subscribiu en abril do 2015 o maior contrato individual que Eulen obtivo ata a data en Galicia: 4,38 millóns de euros pola vixilancia dos centros de saúde da área sanitaria da Coruña que desta vez adxudicáronse nun único lote. Ao concurso concorreron cinco empresas, e a que o levou todo foi o grupo leonés.

Se entre o 2009 e o 2014, data da saída de Domínguez, o Sergas contratou con Eulen por valor de 873.418 euros, desde entón ata hoxe foron máis de 7,7 millóns. A maioría, 6,2 millóns, baixo a xerencia de Antonio Fernández-Campa, quen aos dous anos do gran contrato da Coruña foi sorprendentemente nomeado conselleiro da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, que compaxinou co seu mandato no Sergas.

A oposición galega acusou entón a Feijóo de premialo cun posto para o que non estaba capacitado nin tiña vinculación ningunha -nin era experto en tráfico portuario nin é natural de Vilagarcía ou a súa comarca-, co único fin de proporcionarlle máis ingresos grazas ás dietas por asistencia ao consello.

A segunda entidade pública galega que máis contratou con Eulen durante os mandatos de Feijóo é o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, con máis de 6,3 millóns de euros en catro contratos para a atención de centros de día de maiores en distintos municipios de Galicia, dous deles asinados no 2014 e os outros dous, no 2020.

O Consorcio dependeu de varias consellerías, cuxos titulares exercen a presidencia do seu consello de administración. A primeira delas foi a de Traballo e Benestar, que dirixiu Beatriz Mato desde o 2009 ata que Feijóo a nomeou conselleira de Medio Ambiente e Territorio no 2015.

Mato foi a responsable política da Xunta que máis contratas entregou a Eulen. Ademais das dúas adxudicacións por 1,4 millóns e 1,3 millóns que concedeu o Consorcio de Igualdade e Benestar a Eulen no 2014, asignoulle trece contratos por outros 1,16 millóns como conselleira de Traballo e Benestar para tarefas como a limpeza e vixilancia de centros e sedes, a xestión de puntos de encontro familiar, a formación de parados e o coidado de xardíns e plantas de interior de residencias de maiores.

 

Feijóo e Beatriz Mato, nunha imaxe de arquivo / Foto: Xunta

Tamén asinou outros tres contratos por 224.000 euros para limpeza de sendas fluviais como conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, cargo no que exercía tamén a presidencia de Augas de Galicia, organismo que durante o seu mandato adxudicou a Eulen tarefas de conservación do dominio público hidráulico por valor de 1,9 millóns.

O récord adxudicatorio de Beatriz Mato

En total, e con cargo ás entidades baixo responsabilidade de Mato, Eulen obtivo contratas por máis de 8,2 millóns entre o 2010 e o 2016. Nin antes nin despois dela, segundo a documentación do DOG e da plataforma de Contratos Públicos de Galicia, os organismos que dirixiu ou presidiu alcanzaron esas cifras de adxudicacións ao grupo leonés.

Mato cesou no 2018 para preparar a súa candidatura á Alcaldía da Coruña nas municipais do 2019, que gañou, mais sen a maioría suficiente para gobernar, polo que abandonou a política. Hoxe traballa para a empresa galega de enerxías renovables Greenalia, onde exerce como conselleiro executivo -o seu cargo aparece en masculino na web da compañía-. Tamén é conselleira do grupo vasco Euskaltel, cliente de Eulen.

Outra das grandes adxudicatarias da multinacional leonesa é a Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), unha empresa pública participada pola Xunta e Naturgy ao 51% e 49%, respectivamente, que xestiona a reciclaxe de residuos urbanos de preto de 295 municipios de Galicia.

Eulen asignou contratas a Sogama por 3,46 millóns: tres para xestionar a súa enfermería (2,16 millóns repartidos entre o 2011, o 2015 e o 2019) e outras tres para traballos de xardinería e acondicionamento de zonas verdes nas súas instalacións (1,3 millóns no 2012, o 2016 e o 2020).

As dúas primeiras foron adxudicadas baixo a presidencia de Luís Lamas, nomeado por Feijóo no 2009 e quen tivo que dimitir por adxudicar outro contrato ao seu propio despacho de avogados. As outras catro adxudicacións a Eulen asináronse baixo a presidencia do seu sucesor, Javier Domínguez Lino, ex concelleiro do Partido Popular en Poio.

Outra dos mellores clientes de Eulen en Galicia é a Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), que, como sucede con Sogama e segundo a documentación dispoñible no DOG e na plataforma CPG á que accedeu Luzes-Público, nunca contrataran coa compañía ata a chegada de Feijóo á presidencia da Xunta.

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo / Foto: Xunta

Baixo a xerencia de Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral do ente e ex director do diario La Región de Ourense, Eulen obtivo 2,2 millóns de euros en adxudicacións. Principalmente para servizos de vixilancia e seguridade na súa sede e para a contratación de azafatas e azafatos para os programas da Televisión de Galicia, a que a oposición acusa de estar ás ordes de Feijóo e o seu equipo de comunicación.

En canto ás fundacións, moitas das cales a oposición en Galicia cualifica de «chiringuito» e que seguen en funcionamento a pesar de que Feijóo se comprometeu hai anos a eliminalas, tamén están entre os principais clientes de Eulen.

Encabeza a listaxe con preto de 1,5 millóns a Semana Verde de Galicia, e séguelle con máis de 900.000 euros a Cidade da Cultura. Esta última está dirixida por Ana Isabel Vázquez Reboredo, nomeada por Feijóo á fronte das instalacións culturais da Xunta no monte Gaiás de Santiago tras ser concelleira do PP no Concello de Pontevedra e ex deputada provincial.

Finalmente, algúns concellos do PP tamén adxudicaron cuantiosas cantidades a Eulen. Por exemplo, o de Sada (A Coruña, 16.000 habitantes), onde Ernesto Anido ocupou a Alcaldía entre o 2011 e o 2015. No 2013 adxudicou a Eulen máis de 809.000 euros -en torno ao 8% do orzamento- para a limpeza de inmobles, sedes e centros de xestión municipal. O ano pasado, o Tribunal Supremo condenou a Anido a oito anos de inhabilitación por un delito de prevaricación na contratación dunha colaboradora.

Un ano despois que Anido, quen contratou con Eulen a limpeza de locais municipais foi Ánxeles Vázquez, alcaldesa popular de Melide (A Coruña, 7.000 almas), con outra adxudicación de máis de 806.000 euros. No caso de Melide, esa cantidade representaba o 15% do orzamento dese exercicio. Un ano despois, Feijóo nomeouna conselleira de Medio Rural, e no 2018 ascendeuna a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Luzes-Público tentou contactar con Micaela Núñez Feijóo, e tamén preguntou ao presidente da Xunta e a Eulen pola súa valoración sobre o incremento das adxudicacións nos seus mandatos. Pero non obtivo resposta ningunha.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail