A marcha de Feijóo despexa o camiño de Alfonso Rueda cara a presidencia da Xunta

A Coruña.- Alberto Núñez Feijóo é un experto en sortear contradicións. O mesmo día no que está convocada, pola tarde, a xunta directiva do PP galego na que prevé facer pública a súa decisión de asumir a presidencia do PP, dedicaba a mañá a presentar o Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030. Un proxecto cuxa aplicación xa non dependerá del, senón de quen o suceda á fronte da Xunta.

Feijóo construíu en Galicia un partido á súa medida, cuxa imaxe quedou solapada pola súa propia. E na Xunta tamén se coidou de impedir que ninguén lle fixese sombra nos trece anos que leva á súa cabeza. Unidas esas circunstancias ao feito de que o PP non ten alcaldes en ningunha das sete grandes cidades, e que só preside unha das catro deputacións provinciais, a de Manuel Baltar en Ourense, sucede que a formación quedou orfa de figuras co coñecemento popular, valoración, aprecio e punch electoral dos que goza o líder galego.

A sucesión de Pablo Casado en Madrid deveu na sucesión de Feijóo en Galicia. Con toda probabilidade, o seu herdeiro será Alfonso Rueda (Pontevedra, 1968), vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo. Rueda acompaña a Feijóo desde hai lustros, é conselleiro desde o 2009 e foi secretario xeral do PPdeG desde o 2006 ata o 2016. Pero é un completo descoñecido mesmo para os seus electores. De feito, segundo unha sondaxe de La Voz de Galicia publicada o verán pasado, o 72% dos enquisados non puideron sequera dar o nome de nin un só dos conselleiros de Feijóo.

Feijóo afortalou a súa imaxe á conta da dos seus colaboradores. En setembro pasado obrigou a todos os seus conselleiros e conselleiras a deixar os seus escanos no Parlamento de Galicia, coa escusa de que quería que se dedicasen en exclusiva ás súas tarefas de goberno. O problema agora é que o Estatuto de Galicia establece que o presidente da Xunta debe ser elixido entre os membros do Parlamento. E iso lamina as posibilidades dunha sucesión feminina a través de figuras como Ánxeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, ou de Ethel Vázquez, a súa compañeira ao mando de Infraestruturas e Mobilidade. De ambas chegou a falarse algunha vez como posibles herdeiras.

Rueda e Feijóo / Foto: Xunta

Do equipo de goberno de Feijóo, no Parlamento só están Rueda e o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde. Menos coñecido aínda que Rueda, foi asesor persoal de Feijóo durante a súa primeira lexislatura como presidente, e conselleiro desde o 2012.

Conde manobrou nos últimos anos para candidatarse como posible sucesor, pero aínda que as súas posibilidades se incrementaron desde que Feijóo o nomeou vicepresidente no 2020, a crise provocada pola saída de Casado deixouno sen tempo para posicionarse como unha alternativa real a Rueda. Súmase a iso que Conde carece de apoios, poder ou presenza orgánica no PPdeG, e nin sequera forma parte do comité executivo do partido, en cuxa secretaría xeral Feijóo situou ao hoxe home forte da formación, o tamén deputado Miguel Tellado.

No Parlamento de Galicia quedan nomes que poderían postularse para a sucesión, como Pedro Puy, sobriño de Manuel Fraga e portavoz do grupo parlamentario, ou as portavoces suplentes María Elena Candia e Paula Prado. Pero ningunha ten experiencia de goberno nin fai sombra á candidatura de Rueda. Tampouco o expresidente da Deputación provincial da Coruña e tamén deputado Diego Calvo, cuxo futuro podería estar máis preto da sede do PP en Xénova que da sede da Xunta en Santiago.

Feijóo convocou esta tarde á xunta directiva do seu partido para anunciar que deixa Galicia para asumir o mando do PP en Madrid. É probable que tamén faga un xesto que deixe claro que Rueda será o seu sucesor na Xunta. De momento, ao peche deste artigo, seguía driblando maxistralmente as súas contradicións, presentando o Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030 nunha intervención que abriu falando de como debía enfrontar España as consecuencias da guerra de Ucraína. Coma se xa estivese a debater con Sánchez no Senado.

Cando o moderador do acto lle  preguntou se marcha a Madrid, dixo que o anunciaría ás seis desta tarde. E deixou ver que si, que se vai: «A decisión que tomei é unha mestura de meditación e de precipitación. Pode parecer contraditorio, pero é a única que podo tomar».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail