O pasado mércores ingresei nun grupo de chat de Telegram formado por unhas 400 xornalistas, todas mulleres. Non sabía moi ben como nin cando xurdira a iniciativa, pero recoñezo que levei unha grata sorpresa ao ver que na listaxe de membros figuraban nomes nada descoñecidos no gremio, como Ana Pardo de Vera, Eva Belmonte, Pilar Velasco ou Pepa Bueno, todas dispostas a secundar a folga feminista do 8 de marzo e de aproveitalo para defenderen, por primeira vez a este nivel, os dereitos das traballadoras dos medios de comunicación.
«Las periodistas paramos», titulábase. O entusiasmo ía sendo palpable a medida que ingresaban máis e máis mulleres, traballadoras no Estado e corresponsais arredor do mundo, xubiladas e desempregadas, fotógrafas e profesionais da imaxe e o son.
Telecinco, Cuatro, La Sexta, Antena 3, RTVE, Canal Sur, ABC, La Razón, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, Diario de Pontevedra, CRTVG, Onda Cero, Cadena Ser, Cadena Cope, Eldiario.es, El Confidencial, El Español, El Salto, CTXT, Luzes, Asociacións de prensa, gabinetes de comunicación. E tamén comunicadoras da prensa rosa e presentadoras de televisión, como Karmele Marchante, Toñi Moreno, Sandra Barneda, Ana Rosa Quintana e Susanna Griso.
Porque el feminismo- es decir, la lucha por la igualdad- es posible y urgente #LasPeriodistasParamos este #8M. Súmate: https://t.co/LzuuBvAHUn
— Olga Rodriguez (@olgarodriguezfr) 1 de marzo de 2018
Orgullosa de formar parte de este movimiento. Las voces de las mujeres periodistas, unidas, y más fuertes que nunca. #Lasperiodistasparamos #8M #HuelgaFeminista https://t.co/9ncjxSd7HL
— Almudena Ariza (@almuariza) 1 de marzo de 2018
2.800 mujeres periodistas hemos firmado ya. Un récord impresionante. Un movimiento imparable. https://t.co/rxzuJ1riwC https://t.co/by0ZtQeoXq
— rosa maría artal (@rosamariaartal) 1 de marzo de 2018
Acabamos de facer un manifesto de mulleres xornalistas de todo o Estado para o 8M. Se che interesa, podes asinar aquí: https://t.co/4T9hJMn4s3
— Mayte Gonzalez (@MayglezT) 1 de marzo de 2018
Ya he firmado #lasPeriodistasParamos https://t.co/LdhWLFnGtw
— Sandra Barneda (@SandraBarneda) 1 de marzo de 2018
A iniciativa xurdira nunha reunión en Madrid dunhas 50 xornalistas na que se decidiu redactar un manifesto contra a fenda salarial, os problemas de conciliación, o teito de cristal ou o acoso sexual presentes nos medios de comunicación de todo o Estado. A idea era redactalo, ilo asinando e, unha semana despois, difundilo publicamente. Pero o embargamento informativo non foi posible. O xoves, o grupo xa superaba as 2.000 integrantes e o manifesto, de sete puntos, aínda contaba con máis sinaturas.
O entusiasmo e a ilusión por un feito insólito no gremio das comunicadoras precipitouno todo. O hashtag #LasPeriodistasParamos converteuse en número un, os medios de comunicación comezaron a publicar o manifesto e, o venres, acadáronse as 3.000 sinaturas.
Nos ha encantado saltarnos nuestro propio embargo 😉#lasperiodistasparamos
— Clara Pinar (@Clara_Pinar) 1 de marzo de 2018
Mesmo sendo un feito insólito, non deixa de ter lóxica que comunicadoras de todo tipo e condición nos unamos nun xesto así. Os datos son públicos e non deixan lugar a dúbidas: no conxunto do Estado, 3 de cada 4 cargos de máxima responsabilidade na xerencia dos medios son homes, e tamén 2 de cada 3 das persoas que ocupan postos de toma de decisións sobre os contidos, a pesar de que Nacións Unidas insiste na necesidade da presenza feminina para poñer o acento nos asuntos que nos afectan directamente, e a pesar de que as mulleres somos maioría nos medios de comunicación na actualidade.
Aínda así, a precariedade laboral que sofren boa parte das comunicadoras non é un segredo para ninguén, un feito ao que hai que sumar os frecuentes casos de acoso sexual por parte de superiores e compañeiros que non se denuncian por medo a posibles represalias.
Independentemente do seguimento da folga, non cabe dúbida de que este 8 de marzo será histórico para as comunicadoras e para todas as mulleres. Pero o obxectivo vai máis alá. Non é unha ameaza, senón un dereito. Este 8 de marzo, as xornalistas paramos.
Manifesto 8M
Mulleres xornalistas de decenas de medios e axencias de comunicación, gabinetes de prensa, e, en xeral, traballadoras de medios e empresas xornalísticas apoiamos a folga xeral feminista convocada para este 8 de marzo. Da mesma maneira, instamos a todas as compañeiras a que se sumen á mobilización na medida das súas posibilidades e circunstancias.
Todas sufrimos o mesmo machismo que as mulleres do resto de sectores –precariedade, inseguridade laboral, fenda salarial, teito de cristal, acoso sexual ou ninguneos– pero coas particularidades asociadas á nosa profesión. Somos conscientes da relevancia social do noso traballo e, por iso, amosamos tamén a nosa preocupación pola visión parcial da realidade que tantas veces ofrecen os medios e na que falta a presenza e aportacións das mulleres. O feminismo tamén é necesario para mellorarmos o xornalismo.
Por iso, neste 8 de marzo esiximos aos medios de comunicación e empresas xornalísticas que teñan en conta as nosas reivindicacións:
-
A fenda salarial é unha realidade no noso sector. Esiximos ás empresas transparencia salarial e unha revisión de categorías, complementos e criterios profesionais que permitan acabar con ela.
-
Teito de cristal. As direccións dos medios e empresas xornalísticas están copadas por homes. Reivindicamos o noso dereito a ocuparmos postos de poder e responsabilidade e a que se nos teña en conta nas promocións profesionais para postos intermedios.
-
Precariedade. Sufrimos niveis de temporalidade superiores aos dos nosos compañeiros. Da mesma maneira denunciamos a inestabilidade laboral das compañeiras freelance e das falsas autónomas, unha situación de precariedade que se fixo habitual nos últimos anos.
-
Corresponsabilidade e coidados. Denunciamos que as dinámicas de traballo priorizan o presentismo e a libre disposición e son alleas ás necesidades de coidado que teñen todas as persoas. Cremos que a corresponsabilidade e a flexibilidade non debe ser un asunto de boa vontade, senón unha prioridade que as empresas deben asumir para que estas tarefas se repartan por igual entre mulleres e homes. Como noutros sectores, unha ausencia de conciliación real prexudica máis ás mulleres, que acaban modificando ou recortando os seus horarios para poderen coidar e mesmo abandonando o seu emprego ou cambiando de profesión.
-
Acoso sexual e laboral. Son moitas as xornalistas que veñen de sufrir por parte de compañeiros e superiores, pero tamén de fontes, situacións de acoso sexual. Por outro lado, o ninguneo, a condescendencia, o paternalismo e os mansplaining están á orde do día nas redaccións e fóra delas, na nosa actividade diaria. Como profesionais da comunicación sufrimos acoso online, ademais de comentarios violentos e machistas nas nosas pezas.
-
Os espazos de opinión e as tertulias están masculinizados. Hai máis que suficientes mulleres xornalistas e expertas que poden equilibrar eses espazos.
-
Ollada parcial e preocupación polos enfoques. Todas estas fendas que sufrimos as xornalistas teñen consecuencias, tamén nos contidos e nos enfoques dos medios de comunicación. A visión da realidade que transmiten é moitas veces parcial e está sesgada porque non ten en conta na mesma medida as experiencias, os relatos e as vivencias das mulleres que, a miúdo, son tratadas como personaxes secundarios ou con estereotipos. Un exemplo é o tratamento da violencia machista, que en moitas ocasións segue culpabilizando a vítima. As primeiras páxinas, as aperturas de medios e informativos son decididas por homes.
Instamos á audiencia e a lectores e lectoras a seren cómplices das nosas demandas. As mulleres asinantes deste manifesto fano a título individual e non queremos que ningún partido político, sindicato ou medio de comunicación se apropie das nosas reivindicacións.
Convocamos a lectura deste manifesto o 8 de marzo ás 12:30 na praza de Callao de Madrid e animamos a que se convoquen lecturas noutras cidades do país.